Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es
Tfno.: 679457222



17/9/18

Memoria do XIV censo de aves acuáticas en paso postnupcial de Fontaíña


Ave de playa 12.jpg
Virapedras (Arenaria interpres) (Imaxe tomada da Wikipedia)
 O pasado sábado 15 de setembro pola mañá (de 9 a 13 h.) realizouse a XIV edición do censo de aves en paso posnupcial do treito costeiro que vai dende Cabo de Mar (Alcabre) ata a Praia de Baluarte (Coruxo), pasando pola Xunqueira do Lagares. Un total de 9 voluntarios acompañados dun monitor ornitólogo da Asociación Fontaíña realizaron o censo observando 596 exemplares de 13 especies de aves acuáticas diferentes:



Corvo mariño cristado 8

Corvo mariño real 7

Garza cincenta 5

Garzota 5

Cullereiro 2

Lavanco 13

Pita de auga 2

Gaivota patiamarela 486

Gaivota escura 3

Gaivota chorona 52

Carrán cristado 2

Bilurico bailón 8

Virapedras 3



Nesta actividade debateuse a conveniencia ou non de que as praias da Calzoa e da Foz se convertiran en areais para cans. Dende a Asociación Fontaíña xa temos amosado a nosa disconformidade con que estos areais se converteran en praias caninas debido a que contan con valores naturais incompatibles con este tipo de uso, a diferenza doutras praias próximas e pouco frecuentadas por bañistas e usuarios que serían perfectas candidatas como praias caninas. 


Enlace da reportaxe da actividade en La Voz de Galicia


As nosas reivindicacións foron apoiadas por numerosas asociacións o pasado día 17 de xuño na concentración de protesta organizada na zona pola nosa asociación xunto co Colectivo Matogueira e Verdegaia: ADEGA, Amigos da Terra, Asociación de Veciños de Coruxo, Asociación Treze Catorze, Colectivo de Defensa Ambiental A Terra Non Se Vende, Grupo de Anelamento Anduriña, Grupo Naturalista Hábitat, Luita Verde, Rede de colectivos A Ría Non Se Vende, Sociedade Galega de Ornitoloxía e Sociedade Galega de Historia Natural.



Con respecto ós valores naturais destes dous areais, cómpre dicir que están localizados a carón da Xunqueira do Lagares, feito que lles achega unha grande importancia ambiental, sobre todo no tocante á presenza de aves acuáticas -algunhas delas catalogadas en diferentes catálogos e directivas- alimentándose e descansando debido á súa proximidade á citada marisma. En praias próximas a estes dous areais a biodiversidade é moito menor.



Ademais, na praia da Calzoa aparece o Hábitat Natural de Interese Comunitaria “Dunas móbiles do litoral con Ammophila arenaria” (dunas brancas) catalogado co código 2120 na Directiva 92/43/CEE. Segundo esta directiva europea, un hábitat de interese comunitaria atópase ameazado de desaparición na súa área de distribución natural e require da designación de zonas de especial conservación.



Cómpre salientar que o pasado sábado 15 nas praias da Calzoa e da Foz apenas se contabilizaron aves ó haber sobre dez cans nestos areais. Esto é a primeira vez que acontece dende fai 14 anos, aló por 2005, cando comezamos a organizar esta actividade. Ata o pasado ano a Calzoa e a Foz eran os areais nos que máis especies de aves e onde máis individuos das diferentes especies se observaban neste treito de costa, feito que demostra a mala elección destas dúas praias como praias caninas.


A Asociación Fontaíña solicitou unha entrevista en setembro de 2017 co Alcalde e coa Concelleira de Medio Ambiente de Vigo para valorar escoller outra praia alternativa á Calzoa e á Foz como praias caninas mais non obtivemos resposta.

Dende a Asociación Fontaíña queremos dar as grazas a todas as persoas que colaboran nas actividades ornitolóxicas en particular e nas actividades de voluntariado da asociación en xeral. Vémonos no censo de aves acuáticas invernantes en xaneiro de 2019.

No hay comentarios: