Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



25/2/08

Unha xornada de voluntariado a prol dos bosques autóctonos en Teis-Vigo

O pasado sábado, vintetrés de febreiro, arredor de oitenta persoas participaron nunha actividade de plantación de árbores autóctonas na ladeira sur do Monte da Madroa, na parroquia de Teis (Vigo).
O plantío formaba parte do plan de traballo de recuperación forestal que, desde a súa creación en 1998, está a levar adiante a Comunidade de Montes de Teis. A filosofía destes comuneiros oriéntase cara a formación nos montes dun ecosistema de bosque caducifolio, identificada a nivel local como carballeira termófila, mediante a eliminación das especies exóticas (especialmente a acacia negra) que inzan o monte por mor das repoboacións forestais do pasado século e a súa substitución progresiva por especies autóctonas de maior interese ecolóxico, ademais do fomento da biodiversidade (conservación de regueiras e regatos ou microhábitats como tocos de carballo para que poidan reproducirse neles as "máxicas" vacalouras).
As dez da mañán os voluntarios, xentes de diferentes entidades (da propia Comunidade de Montes de Teis, de Verdegaia ou da asociación Fontaíña, incluída a súa rapazada do Obradoiro da Natureza -programa Voz Natura-), xuntáronse no Parque Forestal da Madroa e recibiron unha detallada explicación de como realizar correctamente a súa labor, de xeito que os carballos, avelairas e bidueiras plantados nunha parcela de hectárea e media, limpada de acacias previamente, poidesen medrar con éxito nos vindeiros anos.
Ao longo da mañán de voluntarios, distribuidos en parellas e cun monitor para cada media ducia delas, foron plantando as arboriñas nos buratos xa feitos previamente pola organización, para logo colocarlle a cada unha un titor que axudará a localizala e coidala, pois en vindeiros días, está previsto rematar os traballos do plantío, con tarefas de fertilización e colocación dunha malla protectora.
As doce e media douse por rematada a xornada de traballo, contabilizándose máis de cincocentas arboriñas plantadas, que esperamos que dentro dunha década amosen as súas cambiantes cores de carballeira galega. Posteriormente, os participantes foron agasallados pola Comunidade de Montes de Teis cun aperitivo que permitiu recuperar enerxías despois do esforzo. Algo semellante aconteceulles aos humildes carballos á mañán seguinte grazas as chuvias caídas, precisamente o día de San Modesto.
Dende a asociación Fontaíña queremos felicitar á Comunidade de Montes de Teis, coa que gostaríamos de seguir colaborando, tanto pola boa organización da actividade do plantío coma polo traballo realizado dende a súa fundación a prol dos bosques galegos.

12/2/08

Asociación Fontaíña: Actividades Febreiro 2008



Este vai ser o o calendario de actividades de Fontaíña para o mes de febreiro. Agardamos sexa do voso interese e vos animamos a participar.

Venres 22/2. Asemblea Xeral Ordinaria de Fontaíña, que terá lugar ás 19:00 h. en primeira convocatoria e ás 19:30 h. en segunda no local da Asociación Cultural A Revolta, sito na rúa Real-nº32, Vigo.


Sábado 23/2 de 10 a 13h no Monte da Madroa (lugar de encontro: Praza dos Leóns, a carón do Vigozoo). Plantación de árbores autóctonas nos montes desta parroquia, en colaboración coa Comunidade de Montes de Teis. Voluntarios necesarios: 30 prazas. Sería necesario que aqueles participantes que dispoñan dalgunha ferramenta para plantar árbores (sacho, legón, laia ou similar) a leven á actividade. OLLO¡ O prazo de inscrición para esta actividade rematará o domingo 17 de febreiro.

Martes 26/2, 10:30-13h. Bricovoluntarios na Xunqueira do Lagares*: limpeza de lixo e reparación de carteis sinalizadores. Voluntarios necesarios: 7 prazas.

Venres 29/2, 10:30-13:00. Bricovoluntarios na Xunqueira do Lagares*: limpeza de lixo e reparación de carteis sinalizadores. Voluntarios necesarios: 7 prazas.

Calquera persoa que desexe participar so ten que inscribirse un día antes de cada actividade por calquera destas vías (indicar nome e teléfono de contacto):

Mandando un e-mail a
fontainhavigo@yahoo.es

Enviando un SMS ao teléfono móbil 679457222.

Chamando ao citado teléfono e anotándose.

Inscribíndose na Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo (Tfno. 986810213).

*Para as actividades na Xunqueira do Lagares o punto de encontro dos voluntarios será na ponte de madeira do Paseo Peonal. Nesta marisma os voluntarios teñen que traer sempre lubas, botas de goma e traxe de augas. En caso de que non teñan dito material podenno solicitar (indicando talla) no intre da inscrición.