Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es
Tfno.: 679457222



30/9/15

2005-2015 X Aniversario dos censos de aves acuáticas da Asociación Fontaíña



O vindeiro xoves 1 de outubro a partires das 20:30 h. en O Lar do Queixa (Heraclio Botana, 6, Vigo) terá lugar a primeira actividade de celebración do X Aniversario dos censos de aves acuáticas da Asociación Fontaíña. Trátase da palestra sobre a Rede de observación de Aves e Mamíferos mariños (RAM: http://redavesmarinas.blogspot.com) que será impartida por Xulio Valeiras, coordenador da RAM no norte da Península Ibérica, Portugal, Canarias e Madeira.



Xa o sábado 3 de outubro pola mañá (de 9 a 12 h.) e para festexar o Día das Aves realizarase unha actividade da RAM en Cabo Silleiro (Baiona) organizada por Xulio Valeiras e para a cal o lugar de encontro será a E.D.A.R. de Cabo Silleiro ás 9 h. Para esta actividade cómpre apuntarse enviando un correo electrónico a diegodalimia@gmail.com indicando o número de teléfono e se se dispón de prismáticos ou non (de non telos facilitaremos uns). O número de prazas é limitado.



As actividades de celebración continuarán ó longo de todo o outono como podedes ver na listaxe que vén a continuación. Colgarase información en detalle de cada unha no noso blog: http//: fontainhavigo.blogspot.com

2005-2015
 
X Aniversario dos censos de aves acuáticas da Asociación Fontaíña

Palestras (xoves ás 20:30 h. en O Lar do Queixa, Heraclio Botana 6, Vigo) e actividades de observación de aves:

  • Xoves 1-10-15: Rede de observación de Aves e Mamíferos mariños (RAM). Xulio Valeiras (RAM)
  • Sábado 3-10-15: celebración do Día das Aves realizando a RAM en Cabo Silleiro (9-12 h.) (Inscripción obrigatoria)
  • Xoves 22-10-15: Aves urbanas: a súa importancia e conservación. Gustavo Ferreiro & Encarna González (Sociedade Española de Ornitoloxía)
  • Xoves 5-11-15: Presentación en Vigo do libro “Cuándo ver aves en Galicia”. Antonio Sandoval & Cosme Damián Romay
  • 14-11: roteiro pola praia da Xunqueira, Moaña. Saída ás 9:15 h. da estación marítima de Vigo (Inscripción obrigatoria)
  • Xoves 19-11-15: Censos de aves invernantes en Galicia. Membro da SGHN: Sociedade Galega de Historia Natural
  • Xoves 3-12-15: Grupo de Anelamento Anduriña: estacións de esforzo constante e programa de anelamento de aves limícolas. Antonio F. Cordeiro (Grupo de Anelamento Anduriña)
  • Xoves 17-12-15: Observación de aves no esteiro do Miño. Membro de Anabam: Asociación Naturalista do Baixo Miño
  • Sábado 19-12-15: roteiro polo esteiro do Miño, A Guarda. Saída ás 10:15 h. da estación de autobuses de Vigo (Inscripción obrigatoria)
Máis info e inscripcións para os roteiros en diegodalimia@gmail.com (Diego R. Vieites)

23/9/15

CONVOCATORIA ACTIVIDADE: RECOLLIDA DE LANDRAS


O vindeiro domingo 27-9-15 de 9:30 a 13:30 h. realizaremos unha recollida de landras de cerquiño (Quercus pyrenaica) na praia de Temperáns, Cangas.

O lugar de encontro será o quiosco da praza de España, Vigo, ás 9:30 h.

O número de prazas é limitado.

Nesta actividade os e as participantes irán acompañados por monitores da asociación Fontaíña e axudarán a recoller as landras que logo se plantarán en ecosistemas forestais da contorna da ría de Vigo.

As persoas interesadas teñen que apuntarse no correo electrónico diegodalimia@gmail.com

É recomendable levar roupa e calzado cómodos para camiñar.

15/9/15

Convocatoria de actividade: OPERACIÓN CABICHA



Como despedida do verán o vindeiro sábado 19 de setembro, realizarase unha actividade de recollida de cabichas e reparto de cinceiros nas praias de Fontaíña e Baluarte. De 10:00 a 13:00 h. Poden participar nenos,acompañados dun adulto. Interesad@s, anotarse no correo da asociación fontainhavigo@yahoo.es

Lugar de encontro e material necesario: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro. No caso de que xa as recibiran, os/as voluntarios/as deberán traer as súas lubas.

O número de prazas é limitado (30 voluntarios/as). Poden asistir nenos e nenas acompañados/as dun adulto.

As persoas interesadas teñen que apuntarse no correo electrónico fontainhavigo@yahoo.es

É recomendable levar roupa e calzado cómodos para traballar.

Neste enlace tedes máis información das características da actividade

10/9/15


O pasado sábado 5 de setembro realizamos o XI Censo de aves acuáticas en paso posnupcial polo Parque Litoral de Vigo dende Cabo de Mar ata Fontaíña pasando pola xunqueira do Lagares. Con cifras baixas debido á época do ano na que nos atopamos, podemos salientar varias observacións como un pilro gordo (Calidris canutus) en Cabo de Mar ou un bilurico bailón (Actitis hypoleucos) anelado con Pvc na xunqueira do Lagares polo Grupo de Anelamento Anduriña no mes de agosto nese mesmo lugar. Chamaron a atención tamén dúas picas das árbores (Anthus trivialis) e varios papamoscas negros (Ficedula hypoleuca), aves non acuáticas mais que tamén se atopan migrando pola nosa xeografía cara latitudes máis sureñas.


Agardámosvos na vindeira actividade de educación ambiental en ornitoloxía que levaremos a cabo na primeira quincena de xaneiro, desta volta censando as aves acuáticas invernantes. Ademáis, co gallo do X aniversario da realización de censos de aves acuáticas, durante este ano organizaremos outras actividades relacionadas coa ornitoloxía das que teredes máis novas neste blog.