Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



30/10/10

Próximas actividades de voluntariado ambiental coa OMV

A Oficina Municipal de Voluntariado e a Asociación Fontaíña organizan as seguintes actividades de voluntariado ambiental para o mes de novembro.
Xoves 11/11/10. Vixianza ambiental da Xunqueira do Lagares. Localización de exemplares de flora exótica invasora, análise de augas e deteción de impactos ambientais. Horario: 17:00-19:00 h. Nº de prazas: 7. Lugar de encontro: Ponte de madeira no Lagares, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora.

Sábado 20/11/10. Obradoiro polo Litoral na Xunqueira do Lagares. Limpeza residuos, eliminación flora exótica invasora (Cortaderia selloana), titorización de arboriñas de ribeira. Horario: 10:00-13:00 h. Nº de prazas: 15. Lugar de encontro: Ponte de madeira no Lagares, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora.

As persoas interesadas en participar nestas actividades deben de apuntarse na Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo (OMV), chamando ó tfno: 679457222.

25/10/10

Actividades realizadas en outubro cos voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Vigo

Xoves 14/10/10. Bricovoluntarios na Praia da Fontaíña.

Traballos realizados: Reparación de valados de protección das dunas, eliminación manual de flora exótica, limpeza de lixo das dunas
Horario: 17:00-19:00 h.
Asistentes: Sara, Noemí, Alberto, Juan Carlos, Pilar, Antonio e Edu.
Primeiramente, procedeuse a pasar lista de asistencia e presentar os compoñentes do grupo. Fíxose unha breve explicación dos obxectivos das actividades de protección de espazos litorais do programa de medio ambiente e a metodolóxía de traballo. Posteriormente se entregou o material necesario (luvas, chalecos da OMV, bolsas e ferramenta –taladro, maletín bricolaxe- e material funxible –listón madeira, tensores, aramio-) e os participantes foron divididos en tres grupos de dous voluntarios cada un, desenvolvendo cada un deles diferentes tarefas, que foron explicadas tanto a nivel de motivos polos que se levaban a cabo como do sistema de traballo:

  1. Reparación de valados: levouse a cabo a reposición dun traveseiro de madeira (que fora arrincado) situado no valado á esquerda e a carón da pasarela de baixada ó Areal de Baluarte. Posteriormente se eliminou un cinceiro de madeira que estaba deteriorado (queimado) no valado máis próximo a Punta Elena e que será reposto nunha vindeira sesión. Finalmente se substituíron dous tensores metálicos, inutilizados pola corrosión mariña, no aramio do valado situado nas pedras de Punta Elena.
  2. Eliminación manual de flora exótica bioinvasora: fíxose un control, mediante arrincado manual e deposición en bolsas plásticas dunha planta que inza a zona de dunas, xa restauradas e protexidas, que se atopa entre o Breadouro e o Vao. A especie en cuestión, denominada Conyza canadensis, é unha planta ruderal que aparece en ambientes alterados pola actividade humana (aterros, camiños, lixo…). Na parcela onde se traballou se eliminan os exemplares atopados cada outono, antes do espallamento da sementes, coa finalidade de reducir gradualmente a súa presenza e mellorar a as características xenuinas da flora dunas de Baluarte e Fontaíña. En total se retiraron catro bolsas grandes de lixo cheas de exemplares (a estimación é duns 6kg de planta –arredor de 180 exemplares-). As bolsas foron depositadas no contedor xeral de lixo.
  3. Limpeza de lixo nas dunas: Levouse a cabo a limpeza manual de todo o sistema dunar protexido polo valado, retirandose plásticos, lata, madeiras e outros restos de orixe humana, ata encher dúas bolsas (apenas 4kg de lixo). As bolsas foron depositadas no contedor xeral de lixo.

Unha vez rematados os traballos, o grupo de voluntarios reuniuse para recoller o material e ferramenta e se lles entregou o avituallamento (un bocadillo e un botellín de auga por persoa). Aproveitouse tamén para facer unha valoración da sesión de traballo, especialmente ás voluntarias novas (Noemi e Sara) que amosaron unha impresión positiva do realizado. Outro voluntario, Juan Carlos, preguntou que pasara coas árboriñas plantadas o inverno pasado, respostándoselle que non saíra adiante ningunha por mor do seu escaso porte e o tardío de replantado.
A impresión do monitor é que o grupo traballou axeitadamente e con rigorosidade.


Sábado 23/10/10. Obradoiro polo litoral en Cabo de Mar.

Traballos realizados: Retirada de valados vellos e reparación de valados, eliminación de uña de gato, limpeza de lixo e colocación de carteliños informativos.

Horario: 10:00-13:00 h.

Asistentes: en total participaron 12 voluntarios (Tomás, Rubén, Pablo, Pilar, Lourdes, Julio Cesar, José Manuel, Jose Antonio, Eva, Alberto, Jose e Edu).

Primeiramente, procedeuse a pasar lista de asistencia e presentar os compoñentes do grupo. Fíxose unha breve explicación dos obxectivos das actividades de protección de espazos litorais do programa de medio ambiente e a metodolóxía de traballo. Posteriormente se entregou o material necesario (luvas, chalecos da OMV aínda que non chegaban para todos, bolsas e ferramenta –laias, maletín bricolaxe- e material funxible –aramio-) e os participantes foron divididos en tres grupos de tres, seis e tres voluntarios, desenvolvendo cada un deles diferentes tarefas, que foron explicadas tanto a nivel de motivos polos que se levaban a cabo como do sistema de traballo:
  1. Reparación de valados (grupo de seis voluntarios): levouse a cabo a retirada do valado antigo (instalado aproximadamente en 1999), que na actualidade xa non era de utilidade pois o novo valado (de 2009) sobrepasa os límites do vello. Iso si, como o estado de conservación da maior parte das estacas de madeira tratada era satisfactorio se procedeu a retirar o aramio, grapas ou puntas que tiñan (botaronse o contedor de lixo), se limparon de area e foron transportadas e gardadas no almacén de material da Asociación Fontaíña. Foron retirados uns 40-50m de valado.
  2. Eliminación manual de flora exótica bioinvasora: fíxose unha revisión xeral da zona (dunas protexidas, dunas sen protección, costa rochosa e piñeiral) na procura de brotes de uña de gato (Carpobrotus sp.), un especie exótica que ten un comportamento bioinvasor nos hábitats dunares. Esta especie inzaba practicamente todas as zonas de Cabo de Mar (dunas e penedos sobre todo) e fi retirada paulatinamente mediante o traballo de operarios do Concello de Vigo (Praias), Asociación Fontaíña e OMV. A especie se retira manualmente de raíz e se deposita no contedor de lixo. O resultado da inspección amosou unha ausencia case total da especie en todos os hábitats, atopandose unicamente unha pequena mata nos penedos contiguos á Praia da Espedrigada.
  3. Reparación do valado e carteliños informativos (tres voluntarios): este grupo encargouse de arranxar algúns desperfectos do novo valado perimetral das dunas da Praia do Cocho das Dornas e tamén colocou catro carteliños informativos para informar ós visitantes que non se metan na zona de dunas protexidas.
  4. Limpeza de lixo nas dunas: Levouse a cabo a limpeza manual de toda a zona (dunas, rochas e piñeiral), ata encher dúas bolsas (5kg de lixo). As bolsas foron depositadas no contedor xeral de lixo.

Unha vez rematados os traballos, o grupo de voluntarios reuniuse para recoller o material e ferramenta e se lles entregou o avituallamento (un bocadillo ou froita e un botellín de auga por persoa). Aproveitouse tamén para facer unha valoración da sesión de traballo, especialmente cos voluntarios novos (Tomás, Rubén, Pablo, Julio Cesar e Jose) que amosaron unha impresión positiva do realizado. Sinalar que unha parella de paseantes se achegou xunto a unha voluntaria (Pilar) para agradecer o traballo realizado polo voluntariado a prol do medio ambiente.

Se fixo unha revisión de tarefas pendentes para proximas sesións:
a) Borrar grafitis dos carteis situados nos accesos.
b) Renovar os paneis do itinerario autoguiado.
c) Colocar novas pantallas de carrizo para formar dunas.
d) Plantar vexetación dunar nas dunas.
e) Plantar vexetación litoral nas rochas nas que foi recentemente eliminada a uña de gato.
f) Construir unha pasarela de madeira no carreiro que conecta a praia de Argazada coa do Cocho das Dornas, pois é un camiño estreito, de 2m de ancho e 10m de longo, que se ve moi pisoteado.
g) Mercar material funxible para o maletín de bricolaxe (grapas, tornillos 3cm e 2cm, disolvente, tensores).
h) Imprimir os novos paneis do itinerario
i) Encargar máis chalecos á OMV (unha ducia).

A impresión do monitor é que o grupo traballou moi ben, coordenadamente e axudándose uns ós outros. De feito, non estaba previsto que se rematara, tan pronto, a retirada do valado vello en tan pouco tempo.

2/10/10

Suspendida a actividade no Encoro de Zamáns

Por mor da alerta meteorolóxica (nivel amarelo, segundo Meteogalicia) desta fin de semán, suspéndese a actividade para os rapaces do Obradoiro da Natureza, a celebrar no Encoro de Zamáns o sábado 2/19/2010 de 10 a 13h.
A actividade se celebrará nalgunha das vindeiras fins de semana, avisándose ós rapaces inscritos de xeito persoal e tamén a través da web da Asociación Fontaíña.