Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es
Tfno.: 679457222



17/9/18

Memoria do XIV censo de aves acuáticas en paso postnupcial de Fontaíña


Ave de playa 12.jpg
Virapedras (Arenaria interpres) (Imaxe tomada da Wikipedia)
 O pasado sábado 15 de setembro pola mañá (de 9 a 13 h.) realizouse a XIV edición do censo de aves en paso posnupcial do treito costeiro que vai dende Cabo de Mar (Alcabre) ata a Praia de Baluarte (Coruxo), pasando pola Xunqueira do Lagares. Un total de 9 voluntarios acompañados dun monitor ornitólogo da Asociación Fontaíña realizaron o censo observando 596 exemplares de 13 especies de aves acuáticas diferentes:



Corvo mariño cristado 8

Corvo mariño real 7

Garza cincenta 5

Garzota 5

Cullereiro 2

Lavanco 13

Pita de auga 2

Gaivota patiamarela 486

Gaivota escura 3

Gaivota chorona 52

Carrán cristado 2

Bilurico bailón 8

Virapedras 3



Nesta actividade debateuse a conveniencia ou non de que as praias da Calzoa e da Foz se convertiran en areais para cans. Dende a Asociación Fontaíña xa temos amosado a nosa disconformidade con que estos areais se converteran en praias caninas debido a que contan con valores naturais incompatibles con este tipo de uso, a diferenza doutras praias próximas e pouco frecuentadas por bañistas e usuarios que serían perfectas candidatas como praias caninas. 


Enlace da reportaxe da actividade en La Voz de Galicia


As nosas reivindicacións foron apoiadas por numerosas asociacións o pasado día 17 de xuño na concentración de protesta organizada na zona pola nosa asociación xunto co Colectivo Matogueira e Verdegaia: ADEGA, Amigos da Terra, Asociación de Veciños de Coruxo, Asociación Treze Catorze, Colectivo de Defensa Ambiental A Terra Non Se Vende, Grupo de Anelamento Anduriña, Grupo Naturalista Hábitat, Luita Verde, Rede de colectivos A Ría Non Se Vende, Sociedade Galega de Ornitoloxía e Sociedade Galega de Historia Natural.



Con respecto ós valores naturais destes dous areais, cómpre dicir que están localizados a carón da Xunqueira do Lagares, feito que lles achega unha grande importancia ambiental, sobre todo no tocante á presenza de aves acuáticas -algunhas delas catalogadas en diferentes catálogos e directivas- alimentándose e descansando debido á súa proximidade á citada marisma. En praias próximas a estes dous areais a biodiversidade é moito menor.



Ademais, na praia da Calzoa aparece o Hábitat Natural de Interese Comunitaria “Dunas móbiles do litoral con Ammophila arenaria” (dunas brancas) catalogado co código 2120 na Directiva 92/43/CEE. Segundo esta directiva europea, un hábitat de interese comunitaria atópase ameazado de desaparición na súa área de distribución natural e require da designación de zonas de especial conservación.



Cómpre salientar que o pasado sábado 15 nas praias da Calzoa e da Foz apenas se contabilizaron aves ó haber sobre dez cans nestos areais. Esto é a primeira vez que acontece dende fai 14 anos, aló por 2005, cando comezamos a organizar esta actividade. Ata o pasado ano a Calzoa e a Foz eran os areais nos que máis especies de aves e onde máis individuos das diferentes especies se observaban neste treito de costa, feito que demostra a mala elección destas dúas praias como praias caninas.


A Asociación Fontaíña solicitou unha entrevista en setembro de 2017 co Alcalde e coa Concelleira de Medio Ambiente de Vigo para valorar escoller outra praia alternativa á Calzoa e á Foz como praias caninas mais non obtivemos resposta.

Dende a Asociación Fontaíña queremos dar as grazas a todas as persoas que colaboran nas actividades ornitolóxicas en particular e nas actividades de voluntariado da asociación en xeral. Vémonos no censo de aves acuáticas invernantes en xaneiro de 2019.

11/9/18

AVISO IMPORTANTE: CAMBIO DE DATA DO CENSO DE AVES

Informávosmos de que se modificou a data do próximo censo de aves, pasando do xoves 13 ó sábado 15 de setembro, de 9 a 13h. Máis información na entrada  inferior deste blog.

3/9/18

Próxima actividade: Censo de aves na costa de Coruxo. Se che gostan as aves desfrutarás a tope desta actividade.





O vindeiro sábado 15 de setembro pola mañá (de 9 a 13 h.) realizarase a XIV edición do censo de aves en paso posnupcial do treito costeiro que vai dende Cabo de Mar (Alcabre) ata a Praia de Baluarte (Coruxo), pasando pola Xunqueira do Lagares. Nesta actividade debaterase a conveniencia ou non de que a praia da Calzoa se convertira nun areal para cans.



O lugar de encontro será en Cabo de Mar (no extremo leste do paseo de Samil) ás 9:00 h.



O número de prazas é limitado (7 voluntarios/as).



Nesta actividade os e as participantes irán acompañados por un ornitólogo da asociación Fontaíña e aprenderán a identificar e a contar as aves acuáticas que se atopen no seu percorrido. Dita información serve para coñecer o estado ambiental deste treito de costa en xeral e das poboacións de aves acuáticas do mesmo en particular.



As persoas interesadas teñen que apuntarse no correo electrónico diegodalimia@gmail.com indicando o número de teléfono e se precisan prismáticos.



É recomendable levar prismáticos e roupa e calzado cómodos para camiñar.



Dende a Asociación Fontaíña queremos dar as grazas a todas as persoas que colaboran nas actividades ornitolóxicas en particular e nas actividades de voluntariado da asociación en xeral.

RESUMO DA LIMPEZA DA OPERACIÓN CABICHA 2018



O sábado 1/9/18, pola mañán, dous voluntarios da Asociación Fontaíña limparon de cabichas de tabaco os areais de Baluarte e Fontaíña. En total retiraron 0,75 kg deste tipo de pequeno residuo (xunto con outros restos coma pequenos fragmentos de plástico).

As cabichas ou colillas son un tipo de lixo que con frecuencia se atopan contaminando a area das praias. Por desgraza hai bañistas fumadores que as deixan na area e as cabichas permanecen nela durante anos.

Ademais, moitas veces os servizos de limpeza optan por pasar pola praia un tractor cunha peneira mecánica para poder retiralas. Sen embargo, esta medida en principio positiva, tamén elimina restos orgánicos (algas, follas, madeira,...) ou mata a moitos seres vivos (pulgas de area, sementes de plantas dunares,...), co cal supón un impacto negativo na praia, especialmente se falamos de areais de alto valor ecolóxico como acontece con Baluarte e Fontaíña, que posúen un pequeno sistema dunar, parte del pertecente ó Espazo Natural de Interese Local (ENIL) "Dunas do Vao".

De feito, grazas á limpeza manual de cabichas que realiza Fontaíña e de lixo que fai o servizo de limpeza do Concello de Vigo evítase ter que usar maquinaria para peneirar a area nesta dúas praias.

Con posterioridade á recollida repartironse cabicheiros entre os bañistas para conciencialos da importancia da súa colaboración no limpeza da praia.

Como remate desta nova, a Asociación Fontaíña quere facer pública o inicio dunha campaña para conseguir que estas duas praias de grande valor ambiental sexan declaradas "PRAIAS SEN FUME" por parte da Consellería de Sanidade e o Concello de Vigo. 

Parabéns ós voluntarios polo seu esforzo¡