Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



28/2/10

Convocatoria de Asemblea Xeral Ordinaria

Pola presente, queda convocada a Asemblea Xeral Ordinaria de 2010 da Asociación Fontaíña que terá lugar o vindeiro venres día 5 de marzo ás 19:30 h. en primeira convocatoria e ás 20:00 h. en segunda no local de xuntanzas do Centro Cívico do Casco Vello sito na rúa Oliva nº12, Vigo.

A orde do día a tratar será a seguinte:

1º) Lectura e aprobación, se procede, da acta da xuntanza anterior.

2º) Balance contable e memoria de actividades de 2009.

3º) Plano de traballo e presuposto para 2010.

4º) Rogos e preguntas.

27/2/10

Derradeiras actividades realizadas no Obradoiro da Natureza

Os rapaces participantes participantes no Obradoiro da Natureza realizaron dúas novas actividades nos meses de decembro e xaneiro. O mal tempo fixo que se suspendera a excursión prevista ó Esteiro do Miño. En Decembro un grupo de rapaces e máis algúns voluntarios adultos levaron a cabo un obradoiro medioambiental na Xunqueira do Lagares, un espazo de enorme interese natural que segue necesitando de numerosas medidas de protección por parte das autoridades. Os participantes continuaron cos traballos de plantación de arboriñas de ribeira arredor das marxes da marisma, coa finalidade de ir formando unha pantalla vexetal que reduza o impacto visual do entorno cada vez máis urbanizado arredor da marisma, ademais de favorecer a biodiversidade deste ecosistema. En total se plantaron e titorizaron 30 arboriñas de diversas especies (carballo, loureiro, freixo,salgueiro, amieiro e avelaira).

Unha vez rematada a plantación comezouse coa limpeza dos numerosos residuos acumulados na marxe dereita do río Lagares, consecuencia das enchentes. Este traballo foi continuado en dúas xornadas máis , de serán, polos voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado. En total foron retirados uns 115kg de lixo.

A xeito de anecdota sinalar que unha das voluntarias atopouse soterrad un exemplar de ecance común (Anguis fragilis), un reptil que, a primeira vista, semella unha cobra, pero que, en realidade, é un lagarto que evolucionou cara un corpo sen patas.

A finais de xaneiro os rapaces do Obradoiro da Natureza traballaron en Cabo de Mar, un singular tramo da costa de Vigo onde se mesturan as dunas, os piñeirais e as rochas no mar. Aproveitando que o Concello de Vigo (moitas grazas a Fran de Novocontorno polo seu interese) renovou totalmente o valado de proteción das dunas da praia do Cocho das Dornas.

Os nenos voluntarios colocaron carteliños informativos para evitar que a xente se meta entre as dunas e as pisotee, puxeron novas barreiras de ramallo que axudarán a atrapar a a area e formar novas dunas e retiraron o lixo que había entra es rochas.

A nota naturalista da xornada a puxeron as ringleiras de procesionarias (Thaumetopoea pityocampa ) que atoparon as rapazas no piñeiral.

Dende este blog queremos felicitar a tódolos participantes nos obradoiros e animámolos a que sigan colaborando na defensa da natureza.


PATROCINADORES:


26/2/10

A excursión ó Esteiro do Miño, novamente suspendida

A excusión ó Esteiro do Miño cos rapaces do Obradoiro da Natureza, programada para o sábado 27/2 queda suspendida polo temporal.

Novas actividades do Obradoiro da Natureza para rapaces

A pesares de que o mal tempo impediu a celebración dunha das derradeiras actividades do “Obradoiro da Natureza: Biodiversidade en Acción”, ímolo tentar de novo tamén vos propoñemos novas actividades. Animádevos a participar.

  • (AVISO IMPORTANTE: ESTA EXCURSIÓN SUSPENDEUSE POLO TEMPORAL) Sábado 27/2/2010 de 9:30 a 18:30h. Excursión ó Esteiro do Miño (A Guarda). Realizaremos un percorrido por un dos espazos naturais de maior importancia de Galicia. Trátase da foz do río Miño, que no seu tramo final forma extensas marismas, areais e xunqueiras, e que serven de refuxio a moitísimas aves migradoras (patos, garzas ou limícolos). O lugar de encontro será o edificio do antigo Reitorado na rúa Areal (esquina r/Oporto), e dende alí partiremos nun microbus cara A Guarda. Os nenos deben traer comida e bebida propias.
  • Sábado 13/3/2010 de 10 a 13h. Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro. Traballaremos plantando flora das dunas e reparando os carteis informativos deste espazo litoral. Tamén aproveitaremos para coñecer as plantas máis características do litoral galego.
  • Sábado 17/4/08 de 10 a 13h. Centro Cívico do Casco Vello (na rúa Oliva, nº 12, a carón da Igrexa da Colexiata). Obradoiro para a preparación e montaxe da exposición de Fontaíña que concursará na edición 2009-10 de Voz Natura. Nesta exposición aparecerán refrexados os traballos feitos polos rapaces a prol da biodiversidade.


AVISO IMPORTANTE: LEMBRADE QUE É NECESARIO AVISAR DA PARTICIPACIÓN DOS RAPACES PARA CADA ACTIVIDADE, CUN MÍNIMO DE DOUS DÍAS ANTES DA SÚA CELEBRACIÓN.

Podédelo facer chamando ou mandando unha mensaxe ó tfno. 679457222 ou ben ó correo electrónico fontainhavigo@yahoo.es