Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



26/12/12

Visita co inspector de Medio Ambiente

Hoxe pola mañán, no areal do Baluarte (Coruxo) o biólogo da Asociación Fontaíña estivo co Inspector da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Vigo na  para comentar varios aspectos relacionados coa xestión do medio dunar (valados e duchas).

13/12/12

Resumo da campaña 2012 de voluntariado ambiental da OMV de Vigo baixo dirección da Ascociación Fontaíña


 
O desenvolvemento do programa 2012 de medio ambiente comezou a executarse en xaneiro e rematou en novembro de dito ano
Se levaron a cabo sete tipos de actividade medioambientais. Por tipo de medio natural catro delas en zonas do litoral e dúas en medios forestais. Por tipo de acción sobre o medio natural, catro delas foron intervencións directas para recuperar e conservar o medio natural, unha delas de vixianza medioambiental e dúas de formación e avaliación.   Deseguido se describen as características principais de cada unha:
a) Censos de aves: nesta actividade os voluntarios percorrerán o tramo de costa Cabo de Mar-Xunqueira do Lagares-Illa de Toralla identificando as distintas especies de aves (garzas, corvos mariños, limícolos, carráns e gaivotas) que vexan e censando o número de individuos de cada tipo. Mediante este tipo de estudos, realizados tres veces ó ano, se pode coñecer mellor o funcionamento das poboacións de aves que hai nos espazos que estamos a coidar. Trátase dunha actividade ofertada por primeira vez e que esixe paciencia, atención, gañas de aprender e interese pola natureza.

b) Inspecións ambientais na Xunqueira do Lagares: neste apartado encádrase unha actividade encamiñada a que os voluntarios investiguen os posible impactos medioambientais que afectan a unha zona de elevado interese medioambiental e sometida a numerosos impactos
.

c) Obradoiros polo Litoral: trátase dun tipo de actividades que levan a cabo grupos amplos de voluntarios como limpezas, plantacións, eliminación de flora exótica, traballos de bricolaxe e outros. As actividades dos Obradoiros polo Litoral levaronse a cabo nas praias de Fontaíña e Baluarte e na Xunqueira do Lagares.


d) Bricovoluntarios (Talleres de Natureza no Litoral): caracterizaríase por ser equipos de poucos voluntarios que desenvolven actividades moi concretas como foron a recollida de cabichas ou o reparto de cinceiros. Desenvolvéronse nas Praias de Fontaíña e Baluarte.

e) Acción Ríos Vivos: esta é outra das liñas que se puxo a andar definitivamente en 2012, tendo como precedentes o curso de formación sobre os ríos, a vixianza ambiental do tramo baixo do Lagares e a limpeza do encoro de Zamáns realizados en 2010. Preténdese acometer, a partir de agora e en vindeiros anos, accións de investigación e vixianza de tramos fluviais, recuperación e conservación do río, como por exemplo limpeza de residuos do cauce, plantación de árbores de ribeira, sinalización ambiental, fomento da biodiversidade da flora e fauna fluvial ou eliminación de impactos. Os traballos de vixianza ambiental consistiron basicamente na deteción de impactos ambientais, especialmente presenza de lixo no curso estudado e puntos de verquido, caracterización da vexetación fluvial, estudo das comunidades faunísticas de interese (peixes e aves, principalmente) e a identificación de usos dos terreos próximos ás marxes do río.
Hai dous anos estudiose o tramo baixo do ríos (Florida-Muíños). Este ano a actividade levouse a cabo nunha sesión, correspondente a un dos tramos a estudar, o río Eifonso (tramo do couto de pesca fluvial), afluente do LagaresCon posterioridade a esta primeira actividade, preténdese facer unha limpeza das zonas localizadas.

Tamén se mantiveron conversas con veciños de Oia para iniciar un proxecto de conservación dun tramo fluvial e restauración de varios muíños no rego do Vao pero polo de agora esta nunha fase moi prematura de desenvolvemento.
f) Roteiros formativos: Realizáronse dous cursiños formativos:
  • “Iniciación á ornitoloxía”: Duración de oito horas lectivas e tres máis de desprazamentos e comida. Consistente nunha sesión teórica e un roteiro ó Esteiro do Miño. Celebrouse en xaneiro.
  • “Flora e vexetación do litoral”: De 5 horas lectivas e 1 de desprazamento de duración. Consistente nunha sesión teórica e un roteiro polo litoral da ría de Vigo. Celebrouse en maio.
g) Xuntanzas de avaliación: o programa de medio ambiente pretende ser un programa bidirecional e interactivo, de xeito que os voluntarios participantes poidan aportar ideas e asumir reponsabilidades organizativas. Con esta finalidade se incluíron un total de dúas xuntanzas de avaliación, nas que se lles amosou ós asistentes os logros acadados co seu esforzo, se informaou das seguintes actuacións e se debatiron propostas, tratando de implicar ós participantes na xestión do proxecto e se fixo unha valoración conxunta da evolución do programa, refrexada noutro apartado desta entrada.

 

Deseguido se enumeran as actividades realizadas, ordeadas cronoloxicamente, indicándose tamén o número de participantes en cada unha e tempo de duración de cada unha:
  1. Sábado 7/1/12. Censo de aves invernantes no tramo de costa Cabo de Mar-Xunqueira do Lagares-Illa de Toralla.
  2. Sábado 14/1/12. Obradoiro polo litoral nas Praias de Fontaíña e Baluarte.
  3. Venres 3/2/12. Roteiro Formativo:Curso de iniciación á ornitoloxía.
  4. Sábado 4/2/12. Roteiro Formativo:Curso de iniciación á ornitoloxía.
  5. Sábado 14/4/12. Censo de aves en paso prenupcial no tramo de costa Cabo de Mar-Xunqueira do Lagares-Illa de Toralla.
  6. Xoves 26/4/12. Inspección ambiental na Xunqueira do Lagares.
  7. Mércores 16/5/12. Roteiro Formativo: Botánica e Vexetación do Litoral de Galicia.
  8. Sábado 19/5/12. Roteiro Formativo: Botánica e Vexetación do Litoral de Galicia.
  9. Sábado 16/6/12. Obradoiro polo litoral nas Praias de Fontaíña e Baluarte.
  10. Venres 29/6/12. Xuntanza de voluntarios/as do Programa de Medio Ambiente da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo,
  11. Sábado 21/7/12. Operación Cabicha nas praias de Fontaíña e Baluarte.
  12. Venres 10/8/12. Operación Cabicha: Reparto de cinceiros nas praias de Fontaíña e Baluarte.
  13. Sábado 8/9/12. Censo de aves invernantes no tramo de costa Cabo de Mar-Xunqueira do Lagares-Illa de Toralla.
  14. Xoves 18/10/12. Acción Ríos Vivos: Inspeción ambiental no tramo baixo do río Eifonso (Sárdoma).
  15. Sábado 27/10/12. Obradoiro polo litoral nas Praias de Fontaíña e Baluarte.
  16. Sábado 17/11/12. Obradoiro polo litoral na Xunqueira do Lagares.
  17. Venres 23/11/12. Xuntanza de voluntarios/as do Programa de Medio Ambiente da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo,
 Ó longo do ano houbo 145 asistencias de persoas voluntarias repartidas en 17 xornadas de traballo, xerándose un total de 519 horas de tarefas de voluntariado ambiental. O número de persoas que participaron nas diferentes actividades do programa de medio ambiente da OMV durante 2012 foi de 64 voluntarios/as
Datos estatísticos xerais do programa: Como apoio explicativo dos gráficos débese sinalar que por “Asistencias de voluntariado” se entende a participación dunha persoa voluntaria nunha actividade. O gráfico “Número de actividades realizadas” fai referencia á cantidade de xornadas de voluntariado levadas a cabo (sinalar que nos cursiños formativos se contabilizan dúas xornadas ó celebrarse en datas diferentes). No gráfico “Horas de voluntariado” faise referencia á cantidade total de tempo de voluntariado, sumándose as horas aportadas por cada participante (por exemplo nunha actividade de 3h de duración na que participaron 10 persoas se contabilizarían 30 horas de voluntariado). O número de participantes se refire ó total de persoas que participaron no programa, ou sexa que aínda que unha determinada persoa participara en seis actividades diferentes so se contabilizaría unha vez.








Valoración do proxecto polos voluntarios. 
 Estes gráficos representan a valoración númerica feita polos voluntarios asistentes ás xuntanzas de avaliación realizadas en xuño e novembro. Os participantes cubrían unha enquisa de valoración de diferentes aspectos do programa dacordo ó seguinte baremo:
Criterios de calificación : 1-Moi mal, 2-Mal, 3-Regular, 4-Ben, 5-Moi Ben.








Valoración final da campaña 2011.
O programa experimentou un descenso no número de actividades ofertadas a causa da redución presupostaria que se acordou para 2012. Sen embargo optouse por un tipo de actividade que implicaba un número de horas de duración alta, dentro do marcado pola lexislación, e un número de participantes alto o que permitiu que o descenso no número de horas totais de traballo voluntario e número de persoas voluntarias participantes non fose tan acusado.

Tamén se debe sinalar que neste ano a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Vigo incorporou ó seu programa de educación ambiental “Camiño a camiño” actividades de voluntariado ambiental (aínda que cunha dinámica e tipo de traballos significativamente diferentes do plantexado pola OMV) o que supuxo unha maior dificultade para cubrir todas as prazas ofertadas pola Oficina Municipal de Voluntariado.

A valoración feita polo voluntariado participante no referido a monitores, material, organización, grao de utilizade dos traballos e valoración global do proxecto continuan en niveis altos, movéndose entre unha valoración boa a moi boa.

O nivel de comunicación e coordenación co persoal da OMV foi moi alto e en todo momento había disposición por ambas partes para solventar calquera tema de xeito eficaz.

A OMV enviou un listado co nome, teléfono, correo electrónico e tallaxes dos participantes de cada actividade. Pola súa parte a Asociación Fontaíña enviou á OMV unha memoria detallada de cada unha das actividades realizadas. Resulta necesario destacar o bo facer e interese amosado polo persoal da OMV, con especial referencia a Carmen, peza fundamental para que este proxecto de voluntariado medioambiental funcione.

Dende a Asociación Fontaíña se solicitou un permiso, para o período 2012-13, para realizar traballos medioambientais nos espacios habituais de traballo (areais de Fontaíña, Baluarte, cabo de Mar e Xunqueira do Lagares), sendo concedida pola Concellería de Medio Ambiente e o Servizo de Costas de Pontevedra.

25/11/12

Xuntanza co voluntariado da OMV de Vigo


O obxectivo da xuntanza era realizar, de modo conxunto -OMV, Fontaíña e voluntariado- unha valoración do realizado dende xuño ata novembro de 2012.

A xuntanza constou de catro partes:
1º)Recepción de asistentes e presentación en grupo. Explicación dos motivos, antes citados, da organización da actividade. 


2º)Exposición, mediante unha presentación de powerpoint, das actividades realizadas dende decembro xuño ata novembro de 2012. Apuntamento das vindeiras actividades en 2012. Dúbidas e suxerencias dos asistentes. 

3º)Enquisa de avaliación ós voluntarios, na que se valoraba diferentes aspectos do programa de medio ambiente e se solicitaban suxerencias. Deseguido se amosan os resultados:


a) Sinala, marcando cun x nas seguintes cuestións, a túa valoración das actividades:

Criterios de calificación : 1-Moi mal, 2-Mal, 3-Regular, 4-Ben, 5-Moi Ben.

Programa Medio Ambiente
1
2
3
4
5
Monitores



4,9

Material



4,5

Organización



4,7

Grao  de utilidade/interese



4,9

Valoración global do período xuño-novembro 2012



4,7

 
b) Resposta as seguintes cuestións.

b.1) Indica as tres cousas que máis che gustaron e as tres que menos deste período.

   (+)traballos litorais (2 opinións similares), operación cabicha (2 opinións similares), formación (2 opinións similares), actividades e iniciativas en xeral (2 opinións similares), censos de aves, traballo en equipo.

   (-)Máis actividades (2 opinións similares)

b.2) Anota calquera outra observación, comentario, idea, crítica,... que queiras comunicar ou penses que poida servir para vindeiras actividades de medio ambiente.

Gostaronme moito as actividades e penso repetir como voluntario.
Recuperación muíños.
Limpeza de regatos e desbroces.
Antes de facer a actividade ir a ver o material necesario.
Máis información nos medios de comunicación (prensa) e redes sociais.
Excursión a Cíes.
Caixas aniñadoiras
Censos e refuxios para morcegos.
Charla identificación algas.
Censo de anfibios.
Panel con cinceiros reutiliazbles na praia.


4º)Entrega de CD con fotos das actividades realizadas, un lote de pegatinas e posters sobre especies galegas ameazadas.

Alegacións á declaración do ENIL Vao-Baluarte

 
Con data do 5 de novembro de 2012 publícase no Diario Oficial de Galicia a RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública a proposta de declaración de espazo natural de interese local da zona denominada Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte, pertencente ó concello de Vigo (Pontevedra).

Unha vez revisada a documentación do proxecto publicamos no blog as alegacións presentadas pola Asociación Fontaíña á declaración do espazo natural de interese local (ENIL) Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte:

 

Consideramos a declaración do ENIL Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte como unha medida sumamente positiva para a protección deste tramo litoral e para o desenvolvemento sostible da parroquia de Coruxo.
 

Propoñemos unha ampliación dos límites do espazo natural polo seu sector oriental ata chegar ó estreito camiño central de baixada da praia de Fontaiña (tal e como se refrexa e explica na imaxe inferior). 

Proposta de ampliacion:

Límite do ENIL según a memoria do proxecto

Límite proposto na alegación.

Zonas dunares valladas que quedarían fora do ENIL

Afloramento rochoso con interesantes comunidades intermareais e pousadoiros de aves limícolas que quedarían fora do ENIL


 Os motivos polos que propoñemos dita ampliación son:

  • Continuidade do sistema dunar de Baluarte ata dito límite con varias parcelas de zona dunar protexida con valado perimetral. Dita continuidade é de carácter xeomorfolóxico e biolóxico (especialmente a nivel botánico e faunístico). Nelas hai presenza das comunidades botánicas, invertebrados e paseriformes citados na memoria descritiva.
  • Presenza en dito sector do afloramento rochoso que forma a Punta Elena, unha pequeño tramo costeiro que alberga unha elevada diversidade de fauna intermareal, incluidas unha excepcionais e fráxiles colonias do escaso anélido poliqueto Sabellaria alveolata, e que tamén é utilizado como zona de refuxio e comedeiro pola avifauna limícola citada no inventario faunístico.


Que na memoria presentada polo Concello de Vigo no Apdo. 6.1. dí no 3º parágrafo “En 1992 iniciouse a recuperación da duna do Areal de Baluarte, foi o primeiro paso das actuacións dirixidas a protección, recuperación e conservación do medio litoral” sen especificar que o promotor e executor dos traballos en Baluarte foron voluntarios do movemento ecoloxista vigués co apoio económico do Concello de Vigo. É máis, en ningunha liña da memoria faise referencia a este feito que se prolongou ata o día de hoxe, que serviu de xérmolo para posteriores intervencións máis ambiciosas en extensión.


Que como consecuencia do erro informativo citado no parágrafo anterior non se ten en conta o papel das entidades ecoloxistas e de voluntariado ambiental na xestión e coidado do espazo protexido, sempre desde unha aportación positiva, tanto en coñecemento técnico, medios humanos, materiais e económicos. Consideramos imprescindible que este feito sexa tido en conta na declaración definitiva do ENIL e en documentos posteriores.


Que no Apdo. 12 relativo ás NECESIDADES ORZAMENTARIAS PARA A XESTIÓN E FONTES DE FINANCIAMENTO PREVISTAS non se inclúe ningunha partida presupostaria para realización das seguintes tarefas que consideramos básicas para a correta xestión do ENIL. Creemos necesario que se contemplen ditos gastos no documento modificado:


  • Estudo da evolución da dinámica litoral da zona, con especial referencia ó perfil da praia-duna, a liña de costa e a suposta incidencia negativa para a zona da escolleira do inicio da ponte de Toralla.
  • Vixianza medioambiental da zona para facer cumprir os usos non permitidos especialmente os referidos á extracción de recursos naturais.
  • Establecemento dun espazo anexo nas proximidades para a instalación dun viveiro de vexetación litoral para abastecemento das plantacións de flora dunar.
  • Eliminación do arborado inapropiado para este tipo de ecosistemas (chopos e palmeiras).



18/11/12

Xornada chuviosa de voluntariado ambiental na Xunqueira do Lagares


Sábado 17/11/12. Obradoiro polo litoral na Xunqueira do Lagares.

Esta actividade estaba programada inicialmente para o sábado 10/11/12 pero foi suspendida polo mal tempo. Nesta xornada do 17/11 tamén choveu pero con menor intensidade.

Participaron seis persoas voluntarias da OMV de Vigo e o biólogo de Fontaíña.
 

Previo ó comezo da actividade repartiuse a roupa de traballo e ferramenta, explicándose os obxectivos do programa de voluntariado ambiental na Xunqueira do Lagares, metodoloxía de traballo e medidas de seguridade para as tarefas a realizar.

 

Realizáronse dúas tarefas relacionadas co mantemento e conservación do ecosistema da marisma da Xunqueira do Lagares: limpeza de lixo e desbroce de maleza. A destacar o desbroce duns 60 metros cadrados de silveiral, na marxe do paseo peonal, que estaba a cubrir tres arboriñas (dous freixos e un salgueiro) plantadas hai catro anos polos voluntarios. Enviose aviso á Concellería de Distritos, Parques, Xardíns e Limpeza do Concello de Vigo para que pasen a retirar o restos do desbroce. Tamén se limparon 20kg de lixo na beira do río.

 

 

En verde a área da Xunqueira do Lagares na que se realizou a limpeza de residuos e en vermello localización da zona na que se efectuou o desbroce.

Ó remate da xornada os participantes foron a tomar un avituallamento a un bar das proximidades.

15/11/12

Solicitada a eliminación das duchas de Baluarte

Acabamos de presentar polo Rexistro do Concello de Vigo unha solicitude para que a Concellería de Medio Ambiente proceda a retirar ou reubicar as duchas e a fonte situadas na traseira da praia de Baluarte, no lugar coñecido como Breadouro (Coruxo). O motivo é o dano que esta a causar a auga das duchas na vexetación dunar favorecendo a aparición de vexetación ruderal invasora.

14/11/12

Actividades en novembro de voluntariado ambiental


Sábado 17/11/12. Obradoiro polo litoral na Xunqueira do Lagares. Eliminación de flora exótica bioinvasora, limpeza de lixo na marisma, coidados arbóreos e desbroce dunha zona de silveiras.

Horario: 10:00-13:00 h. Nº de prazas: 15.

Lugar de encontro e material necesario: Ponte de madeira no Lagares, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os seus traxes, botas de auga e lubas.


Venres 23/11/12. Xuntanza de voluntarios/as do Programa de Medio Ambiente da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo, na Sala de Xuntanzas do 1º andar do Centro Cívico do Casco Vello (r/Oliva, nº12). Preténdese que nesta xuntanza fagamos unha valoración do realizado no que vai de ano. Proxectaremos fotos das accións de voluntariado e vos presentaremos as vindeiras iniciativas. Animádemos a participar¡ Queremos coñecer a vosa opinión¡. Tódolos asistentes recibiran un CD coas fotos dos voluntarios participantes en 2012 e os seus traballos e tamén algún que outro agasallo. Horario: 19:00-20:00 h. 


Xente interesada anotarse na Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Vigo 986810213 ofi.voluntariado@vigo.org 

1/11/12

Medio Ambiente somete a información pública desde a vindeira semana a declaración dos areais do Vao e Baluarte, en Vigo, como espazo natural de interese local

Fonte (web da Consellería de Medio Ambiente). A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, está a tramitar a declaración do complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte, no concello de Vigo, como espazo natural de interese local.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a vindeira semana a resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza pola que se somete a información pública a declaración de espazo natural de interese local desta zona da costa viguesa.

Segundo consta na resolución, as alegacións formularanse durante un período de 20 días que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.

A Lei 9/2001, de 21 de agosto, de conservación da natureza, define os ENIL como aqueles espazos integrados nun termo municipal, que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A área comprendida na solicitude deste ENIL conta cunha superficie de 11 hectáreas. O espazo natural dos areais do Vao e Baluarte (Parroquia de Coruxo) está situado na zona central do arco definido entre Cabo Estai (Parroquia de Oia) e Cabo de Mar (Parroquia de Alcabre) na parte suroriental do Concello de Vigo.

O interese natural da solicitude de declaración do ENIL Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte baséase na recuperación da dinámica natural da zona, adecuándose a morfoloxía do espazo a unhas condicións de modulación natural e a restauración progresiva da flora e fauna dunar autóctona representativa da nosa latitude e características climáticas.

Todo isto constitúe un conxunto paisaxístico e natural merecedor dunha protección especial
Aos efectos do mencionado, pódense destacar coma Valores Naturais recollidos na memoria da solicitude da superficie do ENIL Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte, a presenza dalgúns hábitats de interese comunitario definidos pola Directiva 92/43/CEE do Consello de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais da fauna e flora silvestre, como son dunas marítimas das costas atlánticas, do mar do norte e do báltico (Dunas embrionarias ou primarias; Dunas brancas ou secundarias; Dunas terciarias) ou cantís mariños e areais de bolos (cantís baixos con comunidades vexetais rupícolas aerohalófilas).



Máis protección

Defínense como espazos naturais protexidos aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza coma derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

O obxecto da declaración destes é establecer normas encamiñadas á protección, conservación, restauración e mellora dos recursos naturais e á adecuada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, ademais da xea da comunidade autónoma galega, á difusión dos seus valores, así como á súa preservación para as xeracións futuras.

En función dos bens e valores que hai que protexer, os espazos naturais protexidos clasifícanse en diferentes categorías; unha delas é a de Espazo natural de interese local (ENIL).

Por petición do concello e logo de informe do órgano con competencias en materia de política territorial, obras públicas e vivenda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá declarar como espazos naturais de interese local aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

Deste xeito, a razón principal para realizar a declaración desta categoría de espazos naturais é a conservación dunha zona cun alto valor ecolóxico e paisaxístico, a nivel local.

Vistas as solicitude presentada polo Concello de Vigo perante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas solicitando a declaración provisional deste lugares é necesario establecer un período de información pública na tramitación das solicitudes. Así pois, este período abrirá un prazo para que interesados e terceiros aleguen canto crean necesario, e será a Dirección Xeral de Conservación da Natureza a que reciba ditas alegacións e instrúa o procedemento de declaración dos espazos.Unha vez obtida a declaración provisional os concellos disporán dun prazo de dous anos para elaborar un Plan de Conservación do ENIL correspondente, como requisito para a súa declaración definitiva.

30/10/12

Traballos outonais nos areais de Fontaíña e Baluarte





O pasado sábado 27/10/12 pola mañán seis voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado e un biólogo da Asociación Fontaíña participaron nun Obradoiro polo litoral nas Praias de Fontaíña e Baluarte (Coruxo-Vigo)

  

Os traballos realizados foron: limpar lixo de dunas e praia, revisar valados e arranxar pequenos desperfectos, colocación de carteliños, coidados arbóreos e eliminación de flora exótica.

   


Realizáronse diversas tarefas relacionadas co mantemento e conservación do ecosistema dunar destes areais. A destacar a reparación dun tramo duns 25m de lonxitude de valado de protección dunar e a retirada duns 50kg de plantas exóticas invasoras (Conyza canadensis e Arctotheca calendula). 

 
Ó remate da actividade repartiuse un avituallamento entre os participantes (bocadillos de xamón serrano, froita e augas).

19/8/12

Resumo da campaña Operación Cabicha 2012

O sábado 21 de xullo pola mañán, un grupo de 13 voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo e dous monitores da Asociación Fontaíña realizaron unha limpeza ecolóxica de cabichas e outros pequenos residuos nas praias de Baluarte e Fontaíña (Coruxo-Vigo).






O venres 10 de agosto 6 voluntari@s e unha monitora da Asociación Fontaíña desenvolveron a xa tradicional actividade de reparto de cinceiros na praia de Fontaíña.

Neste soleado día, foron moitas as persoas que se achegaron a nós en busca dun dos cinceiros que foron repartidos nesta xornada. Ademáis, @s voluntari@s informaron a bañistas e visitantes deste pequeno espazo natural, da importancia de non tirar as cabichas na area.






13/7/12

OPERACIÓN CABICHA-OPERACIÓN COLILLA 2012




As praias de Fontaiña é Baluarte (Coruxo-Vigo) son un dos areais vigueses que contan con ecosistemas dunares en bo estado de conservación, resultado dun proxecto de voluntariado ambiental levado a cabo pola Asociación Fontaíña e o Concello de Vigo desde 1993.
Ó longo de todo este tempo cabe sinalar a detección dun problema específico relacionado coa limpeza da area destas praias, xa que ó ser visitada maioritariamente por xente nova e de mediana idade, moitos/as deles/as persoas fumadoras, aparecen multitude de colillas dispersas pola area, co que se dan unha serie de problemas ambientais:
- Contaminación visual e química da area.
- Posibles afeccións a organismos que habitan na area dunha praia (plantas, invertebrados, microorganismos) cun alto valor ecolóxico.
- Redución da calidade da area desde o punto de vista do uso humano (bañistas, turismo,...).
 
 A OMV e a Asociación Fontaíña veñen traballando regularmente a prol da solución deste problema mediante a organización anual da chamada “Operación Colilla”, na que voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo e da Asociación Fontaíña, nunha xornada de verán, peinan toda a praia recollendo desperdicios de pequeno tamaño (colillas, plásticos, papeis, chapas,...) de orixe artificial, deixando os restos orgánicos, principalmente algas, para substento das comunidades biolóxicas que se asentan nesta praia.   Evítase en todo caso promover a limpeza mecanica da praia con tractor, xa que o paso da maquinaria pesada sobre a duna podería deterioralas e ademáis o tamizado mecánico da area (útil en praias urbanizadas) neste caso perxudicaría a formación de dunas embrionarias na costa.
 
 Posteriormente, noutra xornada, repartiríanse cinceiros de praia entre os bañistas, realizándose ó mesmo tempo unha laboura informativa e de concienciación entre os usuarios da praia.  Ademais disto a propia praia de Baluarte conta cunha serie de cinceiros fixos, instalados no valado de proteción das dunas que son baleirados periódicamente polo persoal de limpeza de praias.

 
CALENDARIO DE ACTIVIDADES DA “OPERACIÓN COLILLA 2012”

Sábado 21/7/12.  Operación Colilla en Fontaíña e Baluarte.  Limpeza de cabichas na praia e campaña de concienciación cidadá.  Horario: 10:00-13:00 h.    Nº de prazas: 30.
Lugar de encontro e material necesario: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro.  No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer as súas lubas.

Venres 10/8/12 Operación Cabicha: Reparto de colilleiros.  Reparto de cinceiros e campaña informativa en Fontaíña-BaluarteHorario: 17:00-18:00 h.    Nº de prazas: 7.
Lugar de encontro e material necesario: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro


ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR

Apuntarse a través da Oficina Municipal de Voluntariado (Tfno: 986810213, e-mail: ofi.voluntariado@vigo.org) ou da Asociación Fontaíña (Tfno: 679457222, e-mail: fontainhavigo@yahoo.es).