Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es
Tfno.: 679457222



28/12/10

AVISO: Suspensión da actividade de voluntariado en Cabo de Mar

Por mor da chuvia vémonos na obriga de suspender a actividade de voluntariado prevista para o martes 28/12 ás 17:00 h. en Cabo de Mar.

Dita actividade se traslada para o mércores 29/12 de 10 a 12h no mesmo lugar.

Máis información no tfno de Fontaíña 679457222.

Desculpade as molestias ocasionadas.

12/12/10

Resumo do obradoiro polo litoral realizado nas Praias de Fontaíña e Baluarte o 11-12-10 polos voluntarios da OMV de Vigo

Sábado 11/12/10. Obradoiro polo litoral na Praia da Fontaíña.
Traballos realizados: Reparación de valados e paneis informativos, eliminación de flora exótica, limpeza das dunas, colocación de carteliños informativos e poda dos piñeiros. Horario: 10:00-12:00 h.

Asistentes: Rosa, Pablo, Seraphine, Mª de los Angeles, Rossana, Jose Manuel, Oscar, Ana Belén, Rosalía, Pilar e Edu.
Primeiramente, procedeuse a pasar lista de asistencia e presentar os compoñentes do grupo. Fíxose unha breve explicación dos obxectivos das actividades de protección de espazos litorais do programa de medio ambiente e a metodolóxía de traballo, facendo especial referencia ós numerosos traballos levados a cabo polos voluntarios, a Asociación Fontaíña e a OMV. Posteriormente se entregou o material necesario (luvas, chalecos da OMV, bolsas e ferramenta –taladro, maletín bricolaxe, laias, maza, tesoiras e serrucho de podar- e material funxible –estacas de madeira e carteliños-) e os participantes foron divididos en catro grupos de tres voluntarios cada un, desenvolvendo cada un deles diferentes tarefas, que foron explicadas tanto a nivel de motivos polos que se levaban a cabo como do sistema de traballo:

a) Reparación de valados: un grupo de tres voluntarios levou a cabo o reforzamento dun tramo de valado onde faltaban estacas. En total se repuxeron dez estacas que faltaban.
b)Pintado de paneis: outro grupo de tres voluntarias procedeu a retirar os metacrilatos e láminas dos paneis informativas que permiten realizar unha visita pola zona e coñecer este ecosistema litoral. Posteriormente pintaron os desperfectos que tiñan os soportes metálicos.
c)Eliminación manual de flora exótica bioinvasora: un grpo de tres voluntarias iíxo un control, mediante arrincado manual e deposición en bolsas plásticas dunha planta que inza a zona de dunas do Vao e Baluarte, xa restauradas e protexidas. Trátase da margarida sudafricana Arctotheca calendula. Os traballos de eliminación nesta época, antes da floración, evitarán a floración e espallamento de sementes polo vento. En total se retiraron tres bolsas grandes de lixo cheas de exemplares (a estimación é duns 10kg de planta. As bolsas foron depositadas a caron dunha papeleira de lixo, para que as recolla o tractor. Ó mesmo tempo se fixo unha limpeza xeral de lixo nas dunas e praia.

d)Colocación de carteliños informativos: O grupo de voluntarias que fixo a eliminación de flora exótica, continuou traballando na colocación de dous carteis informativos destinados a evitar que a xente se meta nos valados e pisotee as dunas.
e)Poda dos piñeiros: unha voluntaria, con formación específica nesta tarefa fixo a poda dos piñeiros, media ducia deles que ha na parte alta das dunas da praia de Baluarte.
Unha vez rematados os traballos, o grupo de voluntarios reuniuse para recoller o material e ferramenta e se lles entregou o avituallamento (un bocadillo ou froita e un botellín de auga por persoa). Aproveitouse tamén para facer unha valoración da sesión de traballo, especialmente ás voluntarias novas que amosaron unha impresión positiva do realizado. Tres voluntarios tamén comentaron que había ocasións en que non lles chegaban as convocatorias por correo electrónico.. A impresión do monitor é que o grupo traballou axeitadamente, con rigorosidade cos equipos ben coordenados.

7/12/10

Vindeiras actividades de educación ambiental no Obradoiro da Natureza

Velaí vos informamos das vindeiras actividades do programa de educación ambiental Obradoiro da Natureza, adicado este ano á auga e a súa conservación e que conta co patrocinio de Voz Natura e da Consellería de Traballo e Benestar (Xuventude):

Domingo 12/12/10 de 10:00 a 13:00h. Percorrido polos Montes de Saiáns. Realizaremos un itinerario polos seus montes comunais e achegarémonos ata os muíños do Regato de Saiáns, onde levaremos a cabo unha pequena plantación de árbores e arbustos típicos destes medios. O lugar de encontro será no Parque Forestal de Saiáns.

Domingo 16/1/11 de 10 a 13h. Traballos medioambientais na Xunqueira do Lagares. Os nenos participantes realizarán unha pequena plantación de árbores de ribeira, podarán as arboriñas plantadas en invernos anteriores e, se da tempo, limparan as marxes do río. O lugar de encontro será na ponte de madeira que hai no Paseo Peonal do Lagares (a carón da depuradora, na estrada Muíños-Samil). Os nenos deben traer botas de auga e roupa que poidan manchar sen problema.

Xuntanza da Directiva


O vindeiro venres 17 de decembro de 2010, en horario de 19:30 a 21:20 celebrarase a reunión da Xunta Directiva da Asociación Fontaíña no Centro Cívico do Casco Vello.

6/12/10

Obradoiro da Natureza cos rapaces: resumo das actividades realizadas


Domingo 17/10/10 de 10:00 a 13:00h. Visita ó Encoro de Zamáns (Vigo). Nesta visita, guiados por Nacho (o vixiante de Aqualia neste encoro), os participantes puideron coñecer as instalacións e funcionamento do encoro, un dos que abastece de auga á bisbarra viguesa. A metade de percorrido o grupo realizou unha limpeza de lixo que se atopaba nas beiras e camiños do encoro (estaba bastante limpo en comparación con outros anos, pois o guía comentounos que recentemente unha brigada do Concello de Vigo realizara unha limpeza). Posteriormente o grupo visitou o Muíño de Maquías, situado no río Zamáns, xusto debaixo da presa. Comentar que é unha magoa ver a deterioración desta construción, poucos anos despois de ser restaurado e atoparse operativo. Xa para rematar se realizou a presentación de “Pinga”, a mascota desta edición do Obradoiro da Natureza adicado á auga. “Pinga” é un peto ou hucha no que os rapaces introduciran, cada xornada de obradoiro, uns papeliños con anotacións das medidas, a prol do aforro e conservación da auga, adoptadas por eles a cotío.










Domingo 7/11/10 de 10 a 13h. Investigación sobre o estado medioambiental do río Lagares. Os nenos participantes realizaron un percorrido polas marxes do Lagares (dende a Xunqueira ata o Humidal da Goberna) e estudiaron en que estado se atopaba a natureza do río vigués, analizando a auga, o cauce do río e as marxes. Os participantes comprobaron a enorme variedade de plantas, árbores e animais que habitan no río Lagares. Mediante unha medición realizada cun sonómetro detectaron importantes fontes de contaminación acústica na zona da ponte da autovía de circunvalación. Xa para rematar fixemos a primeira recollida de ideas levadas a cabo para aforrar auga, que foron introducidas na mascota ”Pinga”.




5/12/10

Actividades de Voluntariado Ambiental Decembro 2010

Estas son as vindeiras actividades que a Oficina Municipal de Voluntariado e a Asociación Fontaíña realizarán en decembro de 2010, dirixidas a todas aquelas persoas interesadas en facer voluntariado medioambiental.

Sábado 11/12/10. Obradoiro polo litoral na Praia da Fontaíña. Reparación de valados e paneis informativos, eliminación flora exótica, limpeza das dunas.

Horario: 10:00-12:00 h. Nº de prazas: 15.

Lugar de encontro e material necesario: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer as súas luvas e chubasqueiros.

Martes 28/12/10. Obradoiro polo litoral en Cabo de Mar. Reparación de valados, limpeza de lixo e substitución dos paneis informativos.

Horario: 17:00-18:30 h. Nº de prazas: 7.

Lugar de encontro e material necesario: Praia do Cocho das Dornas-Cabo de Mar, no Paseo de Samil (perto do restaurante Dornas e a praia da Fonte). No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os súas luvas e chubasqueiros.

No mes de xaneiro celebrarase un Curso de Voluntariado Ambiental Especializado no Medio Forestal. En breve recibiredes a convocatoria

Para participar en calquera destas actividades é necesario contactar coa Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Vigo (Tfno. 986810213, ofi.voluntariado@vigo.org)