Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



12/10/16

ACTIVIDADE DE VOLUNTARIADO NA XUNQUEIRA DO LAGARES

ACTIVIDADE DE VOLUNTARIADO DA ASOCIACIÓN FONTAÍÑA NA XUNQUEIRA DO LAGARES

O vindeiro sábado 15 de outubro, de 10:00 a 13:00 horas, a Asociación Fontaíña organiza unha actividade de eliminación da planta exótica invasora herba da pampa (Cortaderia selloana) na Xunqueira do Lagares. Ademais, aproveitaremos para facer unha pequena recollida de lixo neste espazo natural.


Para esta actividade é imprescindible apuntarse previamente.


Lugar de encontro e material necesario: Ponte de madeira do Lagares, na estrada Muíños-Samil, preto da depuradora. No caso de que xa as recibiran, os/as voluntarios/as deberán traer as súas lubas e botas.

O número de prazas é limitado.

Nesta actividade os e as participantes estarán acompañados por monitores da asociación Fontaíña.

É recomendable levar roupa para a chuvia e botas de auga

As persoas interesadas deben apuntarse mediante o envío dun correo electrónico a fontaínhavigo@yahoo.es indicando nome e teléfono.

6/9/16

Palestra sobre a restauración de ecosistemas litorais

A asociación Fontaíña participou cunha charla na II Xornada ambiental da Comunidade de Montes de Coruxo, organizada polo Colectivo Matogueira, titulada "Preto de 25 anos restaurando ecosistemas do litoral de Vigo".

Convocatoria de actividade de voluntariado ecolóxico: Censo de aves

O vindeiro sábado 10 de setembro pola mañá (de 9 a 13 h.) realizarase o xa tradicional censo de aves en paso posnupcial do treito costeiro que vai dende Cabo de Mar (Alcabre) ata a Praia de Baluarte (Coruxo), pasando pola Xunqueira do Lagares.


O lugar de encontro será en Cabo de Mar (no extremo leste do paseo de Samil) as 9:00 h.


O número de prazas é limitado (7 voluntarios/as)


Nesta actividade os e as participantes irán acompañados polo ornitólogo da asociación Fontaíña, Diego R. Vieites, e axudarán a identificar e a contar as aves acuáticas que se atopen no seu percorrido. Dita información serve para coñecer o estado ambiental deste treito de costa en xeral e das poboacións de aves acuáticas do mesmo en particular.


As persoas interesadas teñen que apuntarse no correo electrónico diegodalimia@gmail.com indicando se dispoñen ou non de prismáticos (Fontaíña facilitaralles uns, de non dispor deles).

5/8/16

Resumo da Operación Cabicha 2016

O pasado sábado 30 de xullo, de 10 a 13h, un grupo de nove voluntarios logrou retirar 1,9 kg de cabichas do areais de Baluarte (que pertence ó Espazo Natural de Interes Local -ENIL- "Dunas do Vao" e no areal de Fontaíña. Despois da limpeza repartíronse cabicheiros entre os bañistas fumadores, para conciencialos da importancia de non tirar este tipo de lixo, de moi dificil limpeza, na area, pois contamínase un medio no que habitan moitos organismos de interese para o ecosistema litoral e ademais obriga a mecanizar a limpeza da areal co forte impacto ambiental que provoca o tamizado con máquina.  


A actividade foi cuberta por varios medios de comunicación como Radiovoz, Atlántico Diario (enlace) e Faro de Vigo (enlace).  

Moitas grazas a todos os participantes na limpeza e a toda a xente que colabora mantendo limpa estas dúas praias de grande valor ecolóxico.

26/7/16

OPERACIÓN CABICHA 2016

 
O vindeiro sábado 30 de xullo pola mañá (de 10 a 13h.) realizarase a xa tradicional Operación Cabicha nas praias de Baluarte e Fontaíña (Coruxo). 
 
Lugar de encontro e material necesario: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro. No caso de que xa as recibiran, os/as voluntarios/as deberán traer as súas lubas.
 
O número de prazas é limitado (30 voluntarios/as). Poden asistir nenos e nenas acompañados/as dun adulto.
 
As persoas interesadas teñen que apuntarse no correo electrónico fontainhavigo@yahoo.es 
 
Hai que traer gorra e é recomendable levar roupa e calzado cómodos para traballar.
 
 
 
As praias de Fontaiña é Baluarte son uns dos areais vigueses que contan con ecosistemas dunares en bo estado de conservación, resultado dun proxecto de voluntariado ambiental levado a cabo pola Asociación Fontaíña dende 1993.
 
Ó longo de todo este tempo cabe sinalar a detección dun problema específico relacionado coa limpeza da area destas praias, xa que ó ser visitada maioritariamente por xente nova e de mediana idade, moitos/as deles/as persoas fumadoras, aparecen multitude de cabichas dispersas pola area, co que se xeran unha serie de problemas ambientais:
 
-Contaminación visual e química da area.
 
-Posibles afeccións a organismos que habitan na area dunha praia (plantas, invertebrados, microorganismos) cun alto valor ecolóxico.
 
-Redución da calidade da area dende o punto de vista do uso humano (bañistas, turismo,...).
 
A Asociación Fontaíña vén traballando regularmente a prol da solución deste problema mediante a organización anual da chamada “Operación Cabicha”, na que voluntarios da Asociación, nunha xornada de verán, peitean toda a praia recollendo desperdicios de pequeno tamaño (cabichas, plásticos, papeis, chapas,...) de orixe artificial, deixando os restos orgánicos, principalmente algas, para substento das comunidades biolóxicas que se asentan nesta praia. Evítase en todo caso promover a limpeza mecanica da praia con tractor, xa que o paso da maquinaria pesada sobre a duna podería deteriorala e, ademáis, o tamizado mecánico da area (útil en praias urbanizadas) neste caso perxudicaría a formación de dunas embrionarias na costa.
 
Esa mesma xornada repartiranse cinceiros de praia entre os bañistas, realizándose ó mesmo tempo unha laboura informativa e de concienciación entre os usuarios da praia. Ademais disto, a propia praia de Baluarte conta cunha serie de cinceiros fixos, instalados no valado de proteción das dunas que son baleirados periodicamente polo persoal de limpeza de praias.
  
 
Máis información e resumos de anteriores actividades na web de Fontaíña http//: fontainhavigo.blogspot.com
 
e no facebook de Fontaiña.
 
Consultas no correo electrónico de Fontaíña fontainhavigo@yahoo.es



13/4/16

Curso de Botánica, de balde

A Asociación Fontaíña e o Colectivo Matogueira van impartir un curso de botánica para tod@s aqueles interesad@s en se iniciar ou profundizar no mundo das plantas silvestres. O curso, para o que non se precisan coñecementos previos de botánica, constará de dúas partes: a primeira será máis ben teórica (aínda que con algunha escapadiña ao exterior) e a segunda será unha xornada totalmente práctica.

 

Xa temos data para esa primeira parte: o vindeiro domingo 24 de abril, pola mañá (de 10 a 14 horas). Os profesores serán Marga Rubido e Afonso Rodríguez e o lugar: no local da Comunidade de Montes de Coruxo (subida a San Sebastián, 23, Fragoselo, Vigo).

O curso é de balde, pero as persoas interesadas deberán apuntarse no correo electrónico fontainhavigo@yahoo.es