Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



26/6/09

OPERACIÓN CABICHA 2009

As praias de Baluarte e Fontaiña (Coruxo-Vigo) conta con ecosistemas dunares en bo estado de conservación, resultado dun proxecto de recuperación que -iniciado na década dos 90- veñen realizando a Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo e maila Asociación Fontaíña.

Ó longo de todo este tempo, cabe sinalar a detección dun problema específico relacionado coa limpeza destas praias, xa que ó ser visitadas por moitos fumadores, aparece unha chea de cabichas (colillas) espalladas pola area, co que se dan unha serie de problemas ambientais como son:

-contaminación visual e química da area.
-posibles afeccións a organismos que habitan na area dunha praia (plantas, invertebrados, microorganismos) cun alto valor ecolóxico.
-redución da calidade da area dende o punto de vista do uso humano.

Para solucionar a causa destes impactos organízase anualmente a chamada “Operación Cabicha(Colilla)”, na que os voluntarios peinan toda a praia recollendo desperdicios de pequeño tamaño (colillas, plásticos, papeis, chapas,...) de orixe artificial, deixando os restos orgánicos, principalmente algas, para substento das comunidades biolóxicas que se asentan nestas praias. Evítase en todo caso promover a limpeza mecánica da praia con tractor, xa que o paso da maquinaria pesada sobre as dunas podería deterioralas e ademais o peneirado mecánico da area perxudicaría a formación de dunas embrionarias.

Hai que sinalar que o Concello de Vigo é un dos poucos da costa galega que renunciou a retirar as algas ou argazos dos areais, facendolle caso ós expertos en ecoloxía litoral, que consideran de grande interese para a conservación do areal a chegada de algas e restos á praia pois son a base das cadeas alimentarias de moitos organismos como invertebrados ou aves.

Este verán imos organizar unha campaña de concienciación para que a xente que segue a deixar as cabichas na area deixe de facelo. As actividades que realizaremos serán:

-Organización dunha xornada de limpeza con voluntarios das praias de Fontaíña e Baluarte “Operación Colilla”.
-Divulgación desta actividade a nivel de medios de comunicación local.
-Reparto ó longo do verán de cinceiros e folletos entre os fumadores usuarios destas praias coa finalidade de conciencialos.

Consideramos que esta experiencia vai ser de grande interese e utilidade e por iso pedimos a implicación dos voluntarios na mesma.

Deseguido vos informamos do calendario de actividades para os meses de verán:

Sábado 4/7/09. Operación Cabicha (Operación Colilla) na Praia de Fontaíña. Coa finalidade de mellorar o areal realizaremos unha limpeza exhaustiva do mesmo, dando a coñecer a actividade dos voluntarios ós medios de comunicación e repartindo cinceiros entre os bañistas.
Horario: 10:00-13:30 h. Nº de prazas: 30.
Lugar de encontro: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro.

Venres 17/7/09. Reparto de cinceiros (Operación Cabicha) na Praia da Fontaíña. Os voluntarios participantes repartirán cinceiros portátiles e folletos informativos entre os bañistas coa finalidade de conciencialos para que non deixen as cabichas na area. Tamén se realizará unha limpeza das dunas
Horario: 17:00-19:00 h. Nº de prazas: 7.
Lugar de encontro: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro.


Martes 4/8/09. Reparto de cinceiros (Operación Cabicha) na Praia da Fontaíña. Os voluntarios participantes repartirán cinceiros portátiles e folletos informativos entre os bañistas coa finalidade de conciencialos para que non deixen as cabichas na area. Tamén se realizará unha limpeza das dunas
Horario: 12:00-14:00 h. Nº de prazas: 7.
Lugar de encontro: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro.

Luns 31/8/09. Vixianza ambiental na Xunqueira do Lagares. Análise de augas, detección de impactos ambientais.
Horario: 10:00-12:00 h. Nº de prazas: 5.
Lugar de encontro: Paseo peonal do río Lagares, a carón da ponte de madeira, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora.

Para participar en calquera destas actividades é necesario contactar coa Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo (tfno. 986810213, ofi.voluntariado@vigo.org ) ou coa Asociación Fontaíña (tfno. 679457222, fontainhavigo@yahoo.es ).

VOZNATURA renova o seu apoio ó Obradoiro da Natureza

O concurso Voznatura (organizado pola Fundación Santiago Rey Fdez.-Latorre, La Voz de Galicia e máis Radio Voz) concedeu novamente o seu apoio económico ó proxecto “Obradoiro da Natureza” da Asociación Fontaíña. Nesta nova edición do “Obradoiro da Natureza” participarán rapaces interesados na natureza, desenvolvendo actividades de educación e voluntariado ambiental.


Polo tanto, ábrese o prazo para que calquera rapaz de 8 a 12 anos, interesado en facer cousas (plantíos, limpezas, talleres, excursións, investigacións,...) a prol da natureza un sabado de cada mes, se apunte ó Obradoiro da Natureza chamando ó télefono da asociación ou mandando un correo electrónico.


7/6/09

Descubrimos os segredos do "Pai Miño"

Esta podería a opinión coa que rematase a xente voluntaria que participou no segundo roteiro formativo, organizado pola Asociación Fontaíña e maila Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo e que nos achegou ó coñecemento dos ecosistemas fluviais galegos.

Na primeira xornada, venres 17/5, tivemos ocasión de ollar dous documentais relacionados con esta temática máis un coloquio con Manuel E. García, biólogo e documentalista autor da película "Os mares doces de Galicia".

Xa o sábado 18/5 achegámonos en autobús ata os concellos de Lugo, Rábade e Outeiro de Rei, para coñecer de perto os espazos e persoas que conviven na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Alí, da man da guía Laura Vázquez, visitamos o Centro de Interpretación no río dos Ratos, coñecimos a Pilar, única oleira de Bonxe; achegámonos ás insuas do río e rematamos visitando o conxunto etnográfico da Fervenza.

Esperamos que as actividades deste roteiro formativo fosen de utilidade e agrado dos participantes e xa nos poñemos a traballar nunha nova andaina do programa, que se celebrará no outono.