Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



30/8/17

A Asociación Fontaíña, o Colectivo Matogueira, o Grupo de Anelamento Anduriña e Verdegaia solicitan ó Concello de Vigo que a praia da Calzoa non se convirta en praia canina polos seus valores ornitolóxicos




Neste areal repousan e aliméntanse numerosas aves acuáticas, algunha delas catalogada no Anexo I da Directiva Aves


A Asociación Fontaíña, o Colectivo Matogueira, o Grupo de Anelamento Anduriña e Verdegaia veñen de solicitar ó Concello de Vigo que a praia da Calzoa non se convirta nunha das dúas praias caninas que proxecta esta administración debido a que neste areal adoitan alimentarse e repousar diferentes especies de aves acuáticas que quedarían sen un dos poucos puntos da costa viguesa onde existen concentracións deste tipo de fauna. Cómpre lembrar que neste areal aparecen aves catalogadas no Anexo I da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello de 30 de novembro de 2009 relativa á conservación das aves silvestres como a garzota (Egretta garzetta) ou a gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus); as especies engadidas neste anexo deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat.

Ademais, este areal conta con outros interesantes valores naturais como unha das mellores poboacións viguesas do anélido poliqueto Arenicola marina ou a presenza de ecosistemas dunares, tan escasos xa na costa da cidade olívica, con especies de interese como os paxariños amarelos (Linaria poligalifolia) ou o alelí de praia (Malcolmia littorea).
Na praia da Calzoa aliméntanse aves limícolas en migración e exemplares invernantes que repousan ou pasan a noite no interior da Xunqueira do Lagares, a zona húmida de maior importancia do concello. Non ten sentido a protección da Xunqueira sen esta zona de alimentación. É o caso do pilro común (Calidris alpina) o bilurico bailón (Actitis hypoleucos) ou da píllara real (Charadrius hiaticula), entre outras.
Outra especie de interese é o virapedras (Arenaria interpres) na que podemos salientar un individuo marcado como xuvenil en 2011 (tería agora seis anos) polo Grupo de Anelamento Anduriña. Esta ave foi avistada en Escocia en maio de 2015, na súa migración cara ao norte, a 1.700 Km da Calzoa. Estas zonas de alimentación son fundamentais para garantir a viaxe de ida ata as zonas de cría (a máis de 2.500 Km) e a supervivenza trala chegada ás nosas costas, despois de reproducirse, xa que chegan esgotadas ás nosas praias a finais de xullo ou primeiros de agosto (en plena tempada de praia), despois de ter realizado unha viaxe de milleiros de quilómetros.
Moitas destas aves precisan esta zona para alimentarse e poder continuar o seu camiño migratorio dende as zonas de cría (no ártico) ata as de invernada (en ocasións tan ao sur como Sudáfrica).
Tamén cabe subliñar o caso dun pilro bulebule (Calidris alba), atopado exhausto durante a migración na praia da Calzoa, que despois dunha breve estadía no Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Cotorredondo, foi novamente liberado nesa mesma praia. Esta ave foi observada, dous anos e medio despois (en marzo de 2017), en tres ocasións diferentes, na costa de Gambia (3.300 km ao sur). Outras aves desta mesma especie, presentes tamén na Calzoa en diversas épocas do ano, foron avistadas en Francia, Holanda, Escocia ou Islandia (estas últimas a 2.600 km ao norte).
Na zona recalan outras moitas especies de limícolas (das que non dispoñemos de datos pormenorizados dos seus movementos debido a que non están marcadas, pero que pola súa bioloxía son similares aos descritos) e aves mariñas que tamén precisan desa zona para alimentarse.
Con frecuencia obsérvase como algúns donos de cans cirran neles para que corran cara ás aves, pensando que, como non as van a atrapar, non lles acasionan ningún dano. As molestias que lles poden producir estas mascotas durante ese tempo que as aves precisan para alimentarse marcan a liña entre a vida ou a morte para elas. As aves dependen en grande medida da baixamar para alimentarse, polo que o tempo que dispoñen diariamente para comer e sobrevivir é escaso. 
Por estos motivos o Concello de Vigo debería buscar outro emprazamento máis axeitado para a ubicación dunha praia canina que é incompatible coa conservación dos valores naturais que alberga a praia da Calzoa. Posibles candidatas poden ser a praia de Santa Baia ou unha das praias de Toralla.

Convocatoria do censo de aves en paso posnupcial



O vindeiro sábado 2 de setembro pola mañá (de 9 a 13 h.) realizarase a XIII edición do censo de aves en paso posnupcial do treito costeiro que vai dende Cabo de Mar (Alcabre) ata a Praia de Baluarte (Coruxo), pasando pola Xunqueira do Lagares. Nesta actividade debaterase a conveniencia ou non de que a praia da Calzoa se convirta nun areal para cans.
O lugar de encontro será en Cabo de Mar (no extremo leste do paseo de Samil) ás 9:00 h.

O número de prazas é limitado (7 voluntarios/as).

Nesta actividade os e as participantes irán acompañados por un ornitólogo da asociación Fontaíña e aprenderán a identificar e a contar as aves acuáticas que se atopen no seu percorrido. Dita información serve para coñecer o estado ambiental deste treito de costa en xeral e das poboacións de aves acuáticas do mesmo en particular.

As persoas interesadas teñen que apuntarse no correo electrónico diegodalimia@gmail.com indicando o número de teléfono e se se precisan prismáticos.

É recomendable levar prismáticos e roupa e calzado cómodos para camiñar.

Dende a Asociación Fontaíña queremos dar as grazas a todas as persoas que colaboran nas actividades ornitolóxicas en particular e nas actividades de voluntariado da asociación en xeral.

Reparto de cinceiros en praias de Vigo


O pasado sábado 26 de agosto pola mañán, cinco voluntarios de Fontaíña, repartiron uns 200 cabicheiros ou colilleros entre a xente usuaria das seguintes praias: Baluarte e Fontaíña (Coruxo) e Cocho das Dornas e Espedrigada (Cabo de Mar-Alcabre). Mediante estes repartos preténdese reducir a presenza de cabichas nas praias, evitandose dous impactos: o causado pola contaminación destes residuos na area e o que provoca na praia a limpeza mecanizada da area mediante tractores con peneira, que tamén eliminaría restos orgánicos (algas,..) e organismos (pulgas de area,...) deste ecosistema que sufre unha grade presión humana no verán.
Grazas a voluntariado e persoas fumadoras concienciadas pola colaboración nesta campaña.

24/8/17

Reparto de cinceiros 2017



O vindeiro sábado 26 de agosto pola mañá (de 10 a 13h.) realizarase o xa tradicional reparto de cinceiros da Asociación Fontaíña nas praias de Baluarte e Fontaíña (Coruxo). 

Lugar de encontro e material necesario: Praia da Fontaíña no lugar do Breadouro. O número de prazas é limitado.

As persoas interesadas teñen que apuntarse no correo electrónico diegodalimia@gmail.com

É recomendable levar roupa e calzado cómodos.


As praias de Fontaiña e Baluarte son uns dos areais vigueses que contan con ecosistemas dunares en bo estado de conservación, resultado dun proxecto de voluntariado ambiental levado a cabo pola Asociación Fontaíña dende 1993.

Ó longo de todo este tempo cabe sinalar a detección dun problema específico relacionado coa limpeza da area destas praias, xa que ó ser visitada maioritariamente por xente nova e de mediana idade, moitos/as deles/as persoas fumadoras, aparecen multitude de cabichas dispersas pola area, co que se xeran unha serie de problemas ambientais:

- Contaminación visual e química da area.
- Posibles afeccións a organismos que habitan na area dunha praia (plantas, invertebrados, microorganismos) cun alto valor ecolóxico.
- Redución da calidade da area dende o punto de vista do uso humano (bañistas, turismo,...).
A Asociación Fontaíña vén traballando regularmente a prol da solución deste problema mediante a organización anual da chamada “Operación Cabicha” celebrada o pasado mes de xullo, na que voluntarios da Asociación peitearon toda a praia recollendo desperdicios de pequeno tamaño (cabichas, plásticos, papeis, chapas,...) de orixe artificial, deixando os restos orgánicos, principalmente algas, para substento das comunidades biolóxicas que se asentan nesta praia. Evítase en todo caso promover a limpeza mecánica da praia con tractor, xa que o paso da maquinaria pesada sobre a duna podería deteriorala e, ademáis, o tamizado mecánico da area (útil en praias urbanizadas) neste caso perxudicaría a formación de dunas embrionarias na costa.

O vindeiro sábado repartiranse cinceiros de praia entre os bañistas, realizándose ó mesmo tempo unha laboura informativa e de concienciación entre os usuarios da praia. Ademais disto, a propia praia de Baluarte conta cunha serie de cinceiros fixos, instalados no valado de proteción das dunas que son baleirados periodicamente polo persoal de limpeza de praias.

Consultas no correo electrónico diegodalimia@gmail.com