Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es
Tfno.: 679457222



25/11/12

Xuntanza co voluntariado da OMV de Vigo


O obxectivo da xuntanza era realizar, de modo conxunto -OMV, Fontaíña e voluntariado- unha valoración do realizado dende xuño ata novembro de 2012.

A xuntanza constou de catro partes:
1º)Recepción de asistentes e presentación en grupo. Explicación dos motivos, antes citados, da organización da actividade. 


2º)Exposición, mediante unha presentación de powerpoint, das actividades realizadas dende decembro xuño ata novembro de 2012. Apuntamento das vindeiras actividades en 2012. Dúbidas e suxerencias dos asistentes. 

3º)Enquisa de avaliación ós voluntarios, na que se valoraba diferentes aspectos do programa de medio ambiente e se solicitaban suxerencias. Deseguido se amosan os resultados:


a) Sinala, marcando cun x nas seguintes cuestións, a túa valoración das actividades:

Criterios de calificación : 1-Moi mal, 2-Mal, 3-Regular, 4-Ben, 5-Moi Ben.

Programa Medio Ambiente
1
2
3
4
5
Monitores



4,9

Material



4,5

Organización



4,7

Grao  de utilidade/interese



4,9

Valoración global do período xuño-novembro 2012



4,7

 
b) Resposta as seguintes cuestións.

b.1) Indica as tres cousas que máis che gustaron e as tres que menos deste período.

   (+)traballos litorais (2 opinións similares), operación cabicha (2 opinións similares), formación (2 opinións similares), actividades e iniciativas en xeral (2 opinións similares), censos de aves, traballo en equipo.

   (-)Máis actividades (2 opinións similares)

b.2) Anota calquera outra observación, comentario, idea, crítica,... que queiras comunicar ou penses que poida servir para vindeiras actividades de medio ambiente.

Gostaronme moito as actividades e penso repetir como voluntario.
Recuperación muíños.
Limpeza de regatos e desbroces.
Antes de facer a actividade ir a ver o material necesario.
Máis información nos medios de comunicación (prensa) e redes sociais.
Excursión a Cíes.
Caixas aniñadoiras
Censos e refuxios para morcegos.
Charla identificación algas.
Censo de anfibios.
Panel con cinceiros reutiliazbles na praia.


4º)Entrega de CD con fotos das actividades realizadas, un lote de pegatinas e posters sobre especies galegas ameazadas.

Alegacións á declaración do ENIL Vao-Baluarte

 
Con data do 5 de novembro de 2012 publícase no Diario Oficial de Galicia a RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública a proposta de declaración de espazo natural de interese local da zona denominada Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte, pertencente ó concello de Vigo (Pontevedra).

Unha vez revisada a documentación do proxecto publicamos no blog as alegacións presentadas pola Asociación Fontaíña á declaración do espazo natural de interese local (ENIL) Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte:

 

Consideramos a declaración do ENIL Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte como unha medida sumamente positiva para a protección deste tramo litoral e para o desenvolvemento sostible da parroquia de Coruxo.
 

Propoñemos unha ampliación dos límites do espazo natural polo seu sector oriental ata chegar ó estreito camiño central de baixada da praia de Fontaiña (tal e como se refrexa e explica na imaxe inferior). 

Proposta de ampliacion:

Límite do ENIL según a memoria do proxecto

Límite proposto na alegación.

Zonas dunares valladas que quedarían fora do ENIL

Afloramento rochoso con interesantes comunidades intermareais e pousadoiros de aves limícolas que quedarían fora do ENIL


 Os motivos polos que propoñemos dita ampliación son:

  • Continuidade do sistema dunar de Baluarte ata dito límite con varias parcelas de zona dunar protexida con valado perimetral. Dita continuidade é de carácter xeomorfolóxico e biolóxico (especialmente a nivel botánico e faunístico). Nelas hai presenza das comunidades botánicas, invertebrados e paseriformes citados na memoria descritiva.
  • Presenza en dito sector do afloramento rochoso que forma a Punta Elena, unha pequeño tramo costeiro que alberga unha elevada diversidade de fauna intermareal, incluidas unha excepcionais e fráxiles colonias do escaso anélido poliqueto Sabellaria alveolata, e que tamén é utilizado como zona de refuxio e comedeiro pola avifauna limícola citada no inventario faunístico.


Que na memoria presentada polo Concello de Vigo no Apdo. 6.1. dí no 3º parágrafo “En 1992 iniciouse a recuperación da duna do Areal de Baluarte, foi o primeiro paso das actuacións dirixidas a protección, recuperación e conservación do medio litoral” sen especificar que o promotor e executor dos traballos en Baluarte foron voluntarios do movemento ecoloxista vigués co apoio económico do Concello de Vigo. É máis, en ningunha liña da memoria faise referencia a este feito que se prolongou ata o día de hoxe, que serviu de xérmolo para posteriores intervencións máis ambiciosas en extensión.


Que como consecuencia do erro informativo citado no parágrafo anterior non se ten en conta o papel das entidades ecoloxistas e de voluntariado ambiental na xestión e coidado do espazo protexido, sempre desde unha aportación positiva, tanto en coñecemento técnico, medios humanos, materiais e económicos. Consideramos imprescindible que este feito sexa tido en conta na declaración definitiva do ENIL e en documentos posteriores.


Que no Apdo. 12 relativo ás NECESIDADES ORZAMENTARIAS PARA A XESTIÓN E FONTES DE FINANCIAMENTO PREVISTAS non se inclúe ningunha partida presupostaria para realización das seguintes tarefas que consideramos básicas para a correta xestión do ENIL. Creemos necesario que se contemplen ditos gastos no documento modificado:


  • Estudo da evolución da dinámica litoral da zona, con especial referencia ó perfil da praia-duna, a liña de costa e a suposta incidencia negativa para a zona da escolleira do inicio da ponte de Toralla.
  • Vixianza medioambiental da zona para facer cumprir os usos non permitidos especialmente os referidos á extracción de recursos naturais.
  • Establecemento dun espazo anexo nas proximidades para a instalación dun viveiro de vexetación litoral para abastecemento das plantacións de flora dunar.
  • Eliminación do arborado inapropiado para este tipo de ecosistemas (chopos e palmeiras).



18/11/12

Xornada chuviosa de voluntariado ambiental na Xunqueira do Lagares


Sábado 17/11/12. Obradoiro polo litoral na Xunqueira do Lagares.

Esta actividade estaba programada inicialmente para o sábado 10/11/12 pero foi suspendida polo mal tempo. Nesta xornada do 17/11 tamén choveu pero con menor intensidade.

Participaron seis persoas voluntarias da OMV de Vigo e o biólogo de Fontaíña.
 

Previo ó comezo da actividade repartiuse a roupa de traballo e ferramenta, explicándose os obxectivos do programa de voluntariado ambiental na Xunqueira do Lagares, metodoloxía de traballo e medidas de seguridade para as tarefas a realizar.

 

Realizáronse dúas tarefas relacionadas co mantemento e conservación do ecosistema da marisma da Xunqueira do Lagares: limpeza de lixo e desbroce de maleza. A destacar o desbroce duns 60 metros cadrados de silveiral, na marxe do paseo peonal, que estaba a cubrir tres arboriñas (dous freixos e un salgueiro) plantadas hai catro anos polos voluntarios. Enviose aviso á Concellería de Distritos, Parques, Xardíns e Limpeza do Concello de Vigo para que pasen a retirar o restos do desbroce. Tamén se limparon 20kg de lixo na beira do río.

 

 

En verde a área da Xunqueira do Lagares na que se realizou a limpeza de residuos e en vermello localización da zona na que se efectuou o desbroce.

Ó remate da xornada os participantes foron a tomar un avituallamento a un bar das proximidades.

15/11/12

Solicitada a eliminación das duchas de Baluarte

Acabamos de presentar polo Rexistro do Concello de Vigo unha solicitude para que a Concellería de Medio Ambiente proceda a retirar ou reubicar as duchas e a fonte situadas na traseira da praia de Baluarte, no lugar coñecido como Breadouro (Coruxo). O motivo é o dano que esta a causar a auga das duchas na vexetación dunar favorecendo a aparición de vexetación ruderal invasora.

14/11/12

Actividades en novembro de voluntariado ambiental


Sábado 17/11/12. Obradoiro polo litoral na Xunqueira do Lagares. Eliminación de flora exótica bioinvasora, limpeza de lixo na marisma, coidados arbóreos e desbroce dunha zona de silveiras.

Horario: 10:00-13:00 h. Nº de prazas: 15.

Lugar de encontro e material necesario: Ponte de madeira no Lagares, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os seus traxes, botas de auga e lubas.


Venres 23/11/12. Xuntanza de voluntarios/as do Programa de Medio Ambiente da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo, na Sala de Xuntanzas do 1º andar do Centro Cívico do Casco Vello (r/Oliva, nº12). Preténdese que nesta xuntanza fagamos unha valoración do realizado no que vai de ano. Proxectaremos fotos das accións de voluntariado e vos presentaremos as vindeiras iniciativas. Animádemos a participar¡ Queremos coñecer a vosa opinión¡. Tódolos asistentes recibiran un CD coas fotos dos voluntarios participantes en 2012 e os seus traballos e tamén algún que outro agasallo. Horario: 19:00-20:00 h. 


Xente interesada anotarse na Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Vigo 986810213 ofi.voluntariado@vigo.org 

1/11/12

Medio Ambiente somete a información pública desde a vindeira semana a declaración dos areais do Vao e Baluarte, en Vigo, como espazo natural de interese local

Fonte (web da Consellería de Medio Ambiente). A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, está a tramitar a declaración do complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte, no concello de Vigo, como espazo natural de interese local.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a vindeira semana a resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza pola que se somete a información pública a declaración de espazo natural de interese local desta zona da costa viguesa.

Segundo consta na resolución, as alegacións formularanse durante un período de 20 días que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.

A Lei 9/2001, de 21 de agosto, de conservación da natureza, define os ENIL como aqueles espazos integrados nun termo municipal, que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A área comprendida na solicitude deste ENIL conta cunha superficie de 11 hectáreas. O espazo natural dos areais do Vao e Baluarte (Parroquia de Coruxo) está situado na zona central do arco definido entre Cabo Estai (Parroquia de Oia) e Cabo de Mar (Parroquia de Alcabre) na parte suroriental do Concello de Vigo.

O interese natural da solicitude de declaración do ENIL Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte baséase na recuperación da dinámica natural da zona, adecuándose a morfoloxía do espazo a unhas condicións de modulación natural e a restauración progresiva da flora e fauna dunar autóctona representativa da nosa latitude e características climáticas.

Todo isto constitúe un conxunto paisaxístico e natural merecedor dunha protección especial
Aos efectos do mencionado, pódense destacar coma Valores Naturais recollidos na memoria da solicitude da superficie do ENIL Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte, a presenza dalgúns hábitats de interese comunitario definidos pola Directiva 92/43/CEE do Consello de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais da fauna e flora silvestre, como son dunas marítimas das costas atlánticas, do mar do norte e do báltico (Dunas embrionarias ou primarias; Dunas brancas ou secundarias; Dunas terciarias) ou cantís mariños e areais de bolos (cantís baixos con comunidades vexetais rupícolas aerohalófilas).



Máis protección

Defínense como espazos naturais protexidos aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza coma derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

O obxecto da declaración destes é establecer normas encamiñadas á protección, conservación, restauración e mellora dos recursos naturais e á adecuada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, ademais da xea da comunidade autónoma galega, á difusión dos seus valores, así como á súa preservación para as xeracións futuras.

En función dos bens e valores que hai que protexer, os espazos naturais protexidos clasifícanse en diferentes categorías; unha delas é a de Espazo natural de interese local (ENIL).

Por petición do concello e logo de informe do órgano con competencias en materia de política territorial, obras públicas e vivenda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá declarar como espazos naturais de interese local aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

Deste xeito, a razón principal para realizar a declaración desta categoría de espazos naturais é a conservación dunha zona cun alto valor ecolóxico e paisaxístico, a nivel local.

Vistas as solicitude presentada polo Concello de Vigo perante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas solicitando a declaración provisional deste lugares é necesario establecer un período de información pública na tramitación das solicitudes. Así pois, este período abrirá un prazo para que interesados e terceiros aleguen canto crean necesario, e será a Dirección Xeral de Conservación da Natureza a que reciba ditas alegacións e instrúa o procedemento de declaración dos espazos.Unha vez obtida a declaración provisional os concellos disporán dun prazo de dous anos para elaborar un Plan de Conservación do ENIL correspondente, como requisito para a súa declaración definitiva.