Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es
Tfno.: 679457222



29/11/09

Aprendendo no Viveiro de Areas

O sábado 28 de novembro realizouse unha visita ó Viveiro Forestal de Areas (Tui), dependente da Consellería de Medio Rural. Os participantes, un grupo de voluntarios adultos, rapaces do Obradoiro da Natureza e dous monitores, foron guiados por Manuel e Jose Antonio, os gardas que están ó cargo das actividades do viveiro.

Ó longo da mañán realizarose diferentes actividades como unha visita á Aula Forestal, un percorrido polo entorno do viveiro (onde poidemos atopar unha toba de raposo) e tamén unha serie de actividades prácticas relacionadas coa produción de árbores nun viveiro (sementado de landras e preparación de gallos de buxo).

Dende a Asociación Fontaíña queremos agradecer á boa disposición amosada pola Consellería de Medio Rural para que se realizara a visita, que agardamos nos sexa a derradeira xa que o Viveiro Forestal de Areas ten moito que coñecer.

9/11/09

Obradoiro da Natureza: educación ambiental para os máis novos


A Asociación Fontaíña retoma as actividades do seu grupo xuvenil “Obradoiro da Natureza”. Comentarvos que na campaña que agora bota a andar os rapaces, de entre 6 e 12 anos, desenvolverán un proxecto denominado “Biodiversidade en acción” e que conta co patrocinio de Voz Natura e da Consellería de Traballo e Benestar (Xuventude). Os rapaces, acompañados polos monitores, realizarán actividades en defensa da natureza nas que tamén participarán, en grupos aparte, voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado .

Velaí tedes o calendario da primeiras actividades:

• Sábado 28/11/09 de 9:30 a 14:15h. Visita ó Viveiro Forestal de Areas (Tui). Nel coñeceremos, mediante actividades na Aula Forestal, as principais especies de árbores dos bosques galegos. Despois realizaremos un traballo práctico relacionado co viveiro forestal. A visita será guiada polo capataz forestal do viveiro. O lugar de encontro será o edificio do antigo Reitorado na rúa Areal (esquina r/Oporto), e dende alí partiremos nun microbus cara Tui. Lembrade traer as autorizacións asinadas.

• Sábado 12/12/09 de 10 a 13h. Obradoiro na Xunqueira do Lagares. Os nenos participantes plantarán arboriñas (donadas pola asociación Verdegaia) nas marxes da marisma, limparan lixo e observarán as aves migradoras que invernan na zona. O lugar de encontro será na ponte de madeira que hai no Paseo Peonal do Lagares (a carón da depuradora, na estrada Muíños-Samil). Os nenos deben traer botas de auga.

• Sábado 16/1/2010 de 9:30 a 18:30h. Excursión ó Esteiro do Miño (A Guarda). Realizaremos un percorrido por un dos espazos naturais de maior importancia de Galicia. Trátase da foz do río Miño, que no seu tramo final forma extensas marismas, areais e xunqueiras, e que serven de refuxio a moitísimas aves migradoras (patos, garzas ou limícolos). O lugar de encontro será o edificio do antigo Reitorado na rúa Areal (esquina r/Oporto), e dende alí partiremos nun microbus cara A Guarda. Os nenos deben traer comida e bebida propias.

• Sábado 30/1/2010 de 10 a 13h. Obradoiro en Cabo de Mar (Samil-Vigo).
Colocaremos pantallas para formar novas dunas neste espazo litoral, plantaremos plantas dunares e colocaremos carteliños para que a xente non pisotee este fráxil ecosistema. Tamén entregaremos a cada neno unha maceta cunha plantiña que terá que coidar, adoptandoa ata marzo de 2010, cando será trasplantada nuha zona dunar. O lugar de encontro é o Paseo de Samil, á altura de Cabo de Mar (perto da praia da Fonte-Restaurante Dornas).
Aqueles rapaces interesados en participar podedes anotarvos chamando ó tfno. 679457222 ou ben ó correo electrónico fontainhavigo@yahoo.es

2/11/09

Actividades medioambientais para novembro e decembro de 2009

PROGRAMA DE MEDIO AMBIENTE

Novembro-Decembro 2009

Convocatoria de actividades de voluntariado medioambiental


Xoves 19/11/09. Bricovoluntarios en Cabo de Mar. Reparación de valados e elaboración do viveiro de flora dunar. Horario: 17:30-19:30 h. Nº de prazas: 7. Lugar de encontro e material necesario: Praia do Cocho das Dornas-Cabo de Mar, no Paseo de Samil (perto do restaurante Dornas e a praia da Fonte). No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer as súas lubas.



Sábado 28/11/09. Roteiro formativo: Visita ó Viveiro Forestal de Areas (Tui). Realizaremos unha visita pola aula forestal e logo faremos prácticas no viveiro. Horario: 9:30-14:15 h. Participará tamén o grupo de rapaces do Obradoiro da Natureza. Lugar de encontro e material necesario: r/Areal, fronte ó antigo Reitorado. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer as súas lubas. Tranporte ata Tui en microbús.



Xoves 10/12/09. Vixianza ambiental da Xunqueira do Lagares. Localización de exemplares de flora exótica invasora, análise de augas e deteción de impactos ambientais. Horario: 17:30-19:30 h. Nº de prazas: 7. Lugar de encontro: Ponte de madeira no Lagares, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora.



Sábado 12/12/09. Obradoiro polo Litoral na Xunqueira do Lagares. Limpeza residuos, eliminación flora exótica invasora (Cortaderia selloana), plantación de arboriñas de ribeira. Participará tamén o grupo de rapaces do Obradoiro da Natureza. Horario: 10:00-13:00 h. Nº de prazas: 15.

Lugar de encontro e material necesario: Ponte de madeira no Lagares, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os seus traxes, botas de auga e lubas.



Xoves 17/12/09. Bricovoluntarios na Praia da Fontaíña. Eliminación de flora exótica, reparación de valados e paneis informativos. Horario: 17:30-19:30 h. Nº de prazas: 7.

Lugar de encontro e material necesario: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer as súas lubas.



Para participar en calquera destas actividades é obrigatorio:

a)Estar inscrito como voluntario/a na OMV (Oficina Municipal de Voluntariado) do Concello de Vigo: Pza. do Rei, s/n; '986810213; ofi.voluntariado@vigo.org

b)Inscribirse directamente na Asociación Fontaíña (por e-mail ou sms-tfno.) ou enviar a ficha de inscrición adxunta á OMV, dentro dos prazos sinalados.

Máis información sobre as na web de Fontaíña http//: fontainhavigo.blogspot.com

Consultas no correo electrónico de Fontaíña fontainhavigo@yahoo.es ou no seu tfno. 679457222.


15/10/09

AVISO: Pospoñemos o obradoiro do sábado 17/12 na Xunqueira do Lagares

Estimados voluntarios e simpatizantes de Fontaíña: querémosvos avisar do cambio de data dunha actividade programada na Xunqueira do Lagares. Suspéndese o Obradoiro da Natureza do sábado 17/12/2009 e trasládase para o sábado 12 de decembro de 2009. O mótivo deste cambio é por mor da calor que aínda fai que poría en risco as arboriñas que estaba previsto plantas nas marxes da marisma.
Estamos avisando ós voluntarios anotados, pero é posible que apareza alguén sen anotar polo que facemos este aviso dende a nosa web.

1/10/09

Tarde de traballo en Baluarte-Fontaíña

O xoves 2 de outubro, polo serán, foron retomados os traballos de coidado das praias de Fontaíña e Baluarte. Coa participación de 2 voluntarios (Eva e Antonio), acompañados por un monitor da Asociación Fontaíña, levaronse a cabo as seguintes tarefas:

  • Eliminación de exemplares da planta invasora Conyza canadensis (encheronse tres sacos delas).
  • Arrincaronse dous exemplares de "cactus" que naceron nas dunas.
  • Reparación de tres tramos, deteriorados, do valado que protexe as dunas.

21/9/09

Limpeza do Encoro de Zamáns

O sábado 19 de setembro, pola máñan, un grupo de oito voluntarios procedentes de varias entidades (foro de pescadores Vigospinning, Oficina Municipal de Voluntariado e Asociación Fontaíña) levaron a cabo, pese a persistente chuvia, unha xornada de limpeza de residuos do encoro de Zamáns. Este espazo natural ten un grande interese ecolóxico e paisaxístico, o que non impide que algúns dos que ata alí se achegan para pescar ou pasear deixen as marxes do encoro cheas de sedelas, latas ou bolsas.

Esta é a segunda limpeza popular que se fai na zona (a primeira fixéronna os pescadores de Vigospinning en marzo) e ten como finalidade preservar a calidade ambiental desta paraxe natural singular.

14/9/09

Calendario de actividades de setembro e outubro

De maneira extraordinaria, este bimestre os voluntarios podédesvos apuntar chamando ó teléfono da asociación 679457222 ou mediante un e-mail a fontainhavigo@yahoo.es

As próximas actividades serán:

Sábado 19/9/09. Ríos Limpos: Xornada no Encoro de Zamáns. Limpeza residuos. Nesta actividade participarán tamén pescadores do foro de internet Vigospinning.
Horario: 10:00-13:00 h. Nº de prazas: 15.
Lugar de encontro e material necesario: Carretera de Zamáns (PO-331) no km10 (ver plano).

Podedesvos achegar dende a Pza de América subindo polo vial de acceso á Universidade e collendo o desvío cara Zamáns.
Tamén dende a autopista do Val Miñor (AG-57, 0,30€ de peaxe) que conecta en Puxeiros coa Autopista do Atlántico, collemos a saída de Vincios e logo xiramos a dereita conectando coa PO331, que nos levará ó encoro de Zamáns.
A liña de Vitrasa C7 pasa perto.
No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os seus traxes, botas de auga e lubas.


Xoves 24/9/09. Bricovoluntarios en Cabo de Mar. Reparación de valados e paneis informativos.
Horario: 17:30-19:30 h. Nº de prazas: 7. Lugar de encontro e material necesario: Praia do Cocho das Dornas-Cabo de Mar, no Paseo de Samil (perto do restaurante Dornas e a praia da Fonte). No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os súas lubas.

Xoves 1/10/09. Bricovoluntarios nas praias de Fontaíña e Baluarte. Reparación de valados e paneis informativos, (plantación de flora dunar, por confirmar). Horario: 17:30-19:30 h. Nº de prazas: 7. Lugar de encontro e material necesario: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os súas lubas.

Sábado 17/10/09. Obradoiro polo Litoral na Xunqueira do Lagares. Limpeza residuos, eliminación flora exótica invasora (Cortaderia selloana), (plantación de arboriñas de ribeira, por confirmar).
Horario: 10:00-13:00 h. Nº de prazas: 15.
Lugar de encontro e material necesario: Ponte de madeira no Lagares, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os seus traxes, botas de auga e lubas.

Xoves 29/10/09. Ríos Limpos. Vixianza e estudo ambiental do río Lagares. Tramo Muíños (Coruxo-Navia) ata A Florida. Os participantes percorrerán o derradeiro tramo do Lagares antes da desembocadura para coñecer a súa situación ambiental e planificar posibles intervencións de voluntariado.
Horario: 17:30-19:30 h. Nº de prazas: 7.
Lugar de encontro e material necesario: Ponte de madeira no Lagares, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora. A actividade rematará no Lagares á altura da Florida.

10/9/09

Rapaces ¡ Comeza un novo Obradoiro da Natureza ¡ Aproveita para anotarte xa ¡

Dende hai tres cursos escolares a Asociación Fontaíña ven organizando a actividade de educación ambiental "Obradoiro da Natureza", contando co apoio económico de Voznatura e da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Mediante esta actividade, de balde, grupos de nenos realizan accións de descubrimento, recuperación e desfrute da natureza, sempre co apoio de monitores, empregando material e ferramenta axeitada e con avituallamento, como se foran (e así é) pequenos voluntarios.

No actual curso 2009-10 o título do Obradoiro da Natureza será "Biodiversidade en acción" e os rapaces, de 6 a 12 anos, realizarán o seguinte programa de actividades:
  • Setembro 2009: Estudo ecolóxico e limpeza do Encoro de Zamáns.
  • Outubro: Plantación de arboriñas e limpeza da Xunqueira do Lagares.
  • Novembro: Actividade forestal no Viveiro de Areas (por confirmar).
  • Decembro: Recuperación das dunas en Cabo de Mar e entrega de plantiñas litorais en adopción.
  • Xaneiro 2010: Excursión ó Esteiro do Miño.
  • Febreiro: Plantío forestal no Mte. da Madroa-Teis (por confirmar).
  • Marzo: Repoboación, coas plantas adoptadas, nas dunas de Fontaíña.
  • Abril: Preparación da exposición do concurso Voznatura.
  • Maio: Roteiro entomolóxico, para coñecer os insectos e demais invertebrados dos nosos campos.
  • Xuño: Festa de fin de curso Voznatura.
As actividades desenvolveranse un sábado de cada mes, pola mañán, salvo algunha excursión que ocupará tamén a tardiña.

Todos aqueles rapaces e rapazas interesados en participar teñen que anotarse chamando ó teléfono 679457222 ou mandar un e-mail a fontainhavigo@yahoo.es

7/9/09

Proxima actividade: Censo de aves

O vindeiro sábado 12/9/09 de 9 a 13h a asociación Fontaíña vai organizar o seu habitual censo de aves en paso posnupcial. Realizarase un percorrido dende Cabo de Mar ata a praia do Vao, no concello de Vigo. A actividade está aberta a tódolos afeccionados ás aves que estean interesados. Apuntarse en fontainhavigo@yahoo.es ou cun sms ó 679457222.

5/7/09

Unha mañán para limpar de cabichas os areais de Fontaíña e Baluarte


A mañán do sábado 4 de xullo foi empregada por un grupo de 25 voluntarios da Oficina Municial de Voluntariado de Vigo e da Asociación Fontaíña para limpar arredor de 8 kg de lixo das praias de Fontaíña e Baluarte (Coruxo-Vigo).


Retiráronse arredor de dúas mil cabichas que se atopaban espalladas polo areal, degradándoo, mediante a realización dun traballo en equipo, no que un grupo rastrillaba a area favorecendo que o lixo saíra a superficie e despois outro grupo retiraba unha por unha as colillas, plásticos e lixo de pequeno tamaño.


Deste xeito evítase que a area vaia enchéndose de lixo e que sexa necesario que se faga un peneirado mecánico, pois esta acción resulta perxudicial para o ecosistema litoral (xa que tamén desaparecen sementes, pulgas de area ou algas) e incluso impide a formación de dunas embrionarias que aseguran o futuro da praia.


Posteriormente, a modo de remate, repartíronse cinceiros de praia e folletos informativos entre os bañistas, para conciencialos da necesidade de que non deixen as cabichas na area. Esta actividade de educación ambiental repetiráse os días 17 de xullo e 4 de agosto.







Dende a Asociación Fontaíña queremos agradecer a tódalas persoas voluntarias que participaron nesta e noutras actividades medioambientais o seu esforzo, interese e valor humano.

26/6/09

OPERACIÓN CABICHA 2009

As praias de Baluarte e Fontaiña (Coruxo-Vigo) conta con ecosistemas dunares en bo estado de conservación, resultado dun proxecto de recuperación que -iniciado na década dos 90- veñen realizando a Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo e maila Asociación Fontaíña.

Ó longo de todo este tempo, cabe sinalar a detección dun problema específico relacionado coa limpeza destas praias, xa que ó ser visitadas por moitos fumadores, aparece unha chea de cabichas (colillas) espalladas pola area, co que se dan unha serie de problemas ambientais como son:

-contaminación visual e química da area.
-posibles afeccións a organismos que habitan na area dunha praia (plantas, invertebrados, microorganismos) cun alto valor ecolóxico.
-redución da calidade da area dende o punto de vista do uso humano.

Para solucionar a causa destes impactos organízase anualmente a chamada “Operación Cabicha(Colilla)”, na que os voluntarios peinan toda a praia recollendo desperdicios de pequeño tamaño (colillas, plásticos, papeis, chapas,...) de orixe artificial, deixando os restos orgánicos, principalmente algas, para substento das comunidades biolóxicas que se asentan nestas praias. Evítase en todo caso promover a limpeza mecánica da praia con tractor, xa que o paso da maquinaria pesada sobre as dunas podería deterioralas e ademais o peneirado mecánico da area perxudicaría a formación de dunas embrionarias.

Hai que sinalar que o Concello de Vigo é un dos poucos da costa galega que renunciou a retirar as algas ou argazos dos areais, facendolle caso ós expertos en ecoloxía litoral, que consideran de grande interese para a conservación do areal a chegada de algas e restos á praia pois son a base das cadeas alimentarias de moitos organismos como invertebrados ou aves.

Este verán imos organizar unha campaña de concienciación para que a xente que segue a deixar as cabichas na area deixe de facelo. As actividades que realizaremos serán:

-Organización dunha xornada de limpeza con voluntarios das praias de Fontaíña e Baluarte “Operación Colilla”.
-Divulgación desta actividade a nivel de medios de comunicación local.
-Reparto ó longo do verán de cinceiros e folletos entre os fumadores usuarios destas praias coa finalidade de conciencialos.

Consideramos que esta experiencia vai ser de grande interese e utilidade e por iso pedimos a implicación dos voluntarios na mesma.

Deseguido vos informamos do calendario de actividades para os meses de verán:

Sábado 4/7/09. Operación Cabicha (Operación Colilla) na Praia de Fontaíña. Coa finalidade de mellorar o areal realizaremos unha limpeza exhaustiva do mesmo, dando a coñecer a actividade dos voluntarios ós medios de comunicación e repartindo cinceiros entre os bañistas.
Horario: 10:00-13:30 h. Nº de prazas: 30.
Lugar de encontro: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro.

Venres 17/7/09. Reparto de cinceiros (Operación Cabicha) na Praia da Fontaíña. Os voluntarios participantes repartirán cinceiros portátiles e folletos informativos entre os bañistas coa finalidade de conciencialos para que non deixen as cabichas na area. Tamén se realizará unha limpeza das dunas
Horario: 17:00-19:00 h. Nº de prazas: 7.
Lugar de encontro: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro.


Martes 4/8/09. Reparto de cinceiros (Operación Cabicha) na Praia da Fontaíña. Os voluntarios participantes repartirán cinceiros portátiles e folletos informativos entre os bañistas coa finalidade de conciencialos para que non deixen as cabichas na area. Tamén se realizará unha limpeza das dunas
Horario: 12:00-14:00 h. Nº de prazas: 7.
Lugar de encontro: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro.

Luns 31/8/09. Vixianza ambiental na Xunqueira do Lagares. Análise de augas, detección de impactos ambientais.
Horario: 10:00-12:00 h. Nº de prazas: 5.
Lugar de encontro: Paseo peonal do río Lagares, a carón da ponte de madeira, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora.

Para participar en calquera destas actividades é necesario contactar coa Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo (tfno. 986810213, ofi.voluntariado@vigo.org ) ou coa Asociación Fontaíña (tfno. 679457222, fontainhavigo@yahoo.es ).

VOZNATURA renova o seu apoio ó Obradoiro da Natureza

O concurso Voznatura (organizado pola Fundación Santiago Rey Fdez.-Latorre, La Voz de Galicia e máis Radio Voz) concedeu novamente o seu apoio económico ó proxecto “Obradoiro da Natureza” da Asociación Fontaíña. Nesta nova edición do “Obradoiro da Natureza” participarán rapaces interesados na natureza, desenvolvendo actividades de educación e voluntariado ambiental.


Polo tanto, ábrese o prazo para que calquera rapaz de 8 a 12 anos, interesado en facer cousas (plantíos, limpezas, talleres, excursións, investigacións,...) a prol da natureza un sabado de cada mes, se apunte ó Obradoiro da Natureza chamando ó télefono da asociación ou mandando un correo electrónico.


7/6/09

Descubrimos os segredos do "Pai Miño"

Esta podería a opinión coa que rematase a xente voluntaria que participou no segundo roteiro formativo, organizado pola Asociación Fontaíña e maila Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo e que nos achegou ó coñecemento dos ecosistemas fluviais galegos.

Na primeira xornada, venres 17/5, tivemos ocasión de ollar dous documentais relacionados con esta temática máis un coloquio con Manuel E. García, biólogo e documentalista autor da película "Os mares doces de Galicia".

Xa o sábado 18/5 achegámonos en autobús ata os concellos de Lugo, Rábade e Outeiro de Rei, para coñecer de perto os espazos e persoas que conviven na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Alí, da man da guía Laura Vázquez, visitamos o Centro de Interpretación no río dos Ratos, coñecimos a Pilar, única oleira de Bonxe; achegámonos ás insuas do río e rematamos visitando o conxunto etnográfico da Fervenza.

Esperamos que as actividades deste roteiro formativo fosen de utilidade e agrado dos participantes e xa nos poñemos a traballar nunha nova andaina do programa, que se celebrará no outono.

9/5/09

Novo roteiro formativo adicado aos ríos galegos


Os ríos en Galicia: conservación dos seus recursos naturais

Esta é a segunda convocatoria dos roteiros formativos, destinados a mellorar a formación e coñecementos dos voluntarios en materia de medio ambiente.

Concretamente neste roteiro pretendemos achegarvos ata os ecosistemas fluviais galegos, unhas das nosas xoias naturais moitas veces esquecidos e maltratados. Farémolo mediante a proxección de dous interesantes documentais, ademais dun itinerario por unha das mellores zonas fluviais de España.

Ao igual que na anterior edición (adicada aos bosques autóctonos) pretendemos conectar os coñecementos adquiridos no roteiro con accións de voluntariado ambiental, neste caso mediante o inicio do programa Ríos Limpos no que realizaremos tarefas de vixianza ambiental e limpeza de residuos en cursos de auga de Vigo.

O número de prazas (20) é limitado polo que se recomenda non deixar a inscrición para última hora. Lembramos que as persoas inscritas teñen que asistir ás dúas sesións do roteiro. Daráselle prioridade aos participantes habituais das actividades de voluntariado
ambiental.


Programación:

Venres 29/5/09. 18:00-20:00h. Proxeción dos documentais:
-“Terras de pedra e auga”. Aproximación aos valores naturais e etnográficos da Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, que visitaremos o sábado 30/5, así como das medidas de conservación que nela se están a levar a cabo.
-“Os mares doces de Galicia”. Utilizando como fío condutor a lamprea e mailo salmón, dúas especies de enorme interese biolóxico, cultural e económico, o documental achéganos á ecoloxía dos ríos galegos. Este documental recibiu numerosos galardóns:

Ao remate da proxeción teremos oportunidade de manter un coloquio co biólogo e realizador Manuel E. García, autor do segundo documental.

A actividade terá lugar na Salón de Actos do Centro Cívico do Casco Vello (r/Oliva, nº 12, a carón da igrexa da Colexíata).


Sabado 30/5/09. 8:30-22:30h. Visita á Reserva da Biosfera Terras do Miño desde un punto de vista natural, etnográfico e cultural. A excursión será guiada pola técnica Laura Vázquez Janeiro.

Horario previsto do roteiro*:

8:25h. Encontro dos participantes na Pza. do Rei (parada de Vitrasa).
8:30h. Saída do microbús cara a Lugo.
11:00-12:00h. Chegada a Lugo. Recepción de visitantes no Centro de Interpretación Terras do Miño. Visita ao centro e entrega de materiais.
12:00-15:00. Percorrido por diferentes puntos de interese da Reserva da Biosfera Terras do Miño (zona centro): Visita ás Insuas do Miño. Ruta das Insuas. Actividades de conservación do hábitat e especies. Protección do medio. O Programa Life na Xestión do Biotopo.
Visita á “Olería de Bonxe”. Cultura e tradición nas Terras do Miño.
Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito. Visita á Lagoa.
15:00-16:30h. Comida de campo na Área Recreativa de Sta. Isabel.
16:30-20:00h. Percorrido por distintos puntos de interese da Reserva Biosfera Terras do Miño (zona sur): Ruta Camiño do Miño. Insua de Borneiros. Desembocadura do río Chamoso. Visita a unha pesqueira de anguías.
A Fervenza. A cultura da auga na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Visita guiada ao conxunto Etnográfico A Fervenza.
20:00h. Remate da visita. Regreso do microbus a Vigo.
22:30h. Chegada á Pza. do Rei.

*O horario da visita podería sufrir modificacións ou recortes por mor do ritmo co que se faga a visita. Máis información sobre a Reserva da Biosfera “Terras do Miño” en internet http://www.terrasdomino.org/
Os participantes deberán levar roupa e calzado comodo, adaptado ás condicións meteorolóxicas previstas, ademais de comida e bebida propias.

21/4/09

Proximas actividades da Asociación Fontaíña

Domingo 26/4/09. Obradoiro polo Litoral na Xunqueira do Lagares. Limpeza residuos, eliminación flora exótica invasora (Cortaderia selloana).
Horario: 10:00-13:00 h. Nº de prazas: 15.
Lugar de encontro e material necesario: Paseo peonal do río Lagares, a carón da ponte de madeira, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os seus traxes, botas de auga e lubas.

Xoves 30/4/09. Xuntanza de voluntarios/as do Programa de Medio Ambiente da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo, no Salón de Actos do Centro Cívico do Casco Vello (r/Oliva, nº12). Preténdese que nesta xuntanza fagamos unha valoración do realizado nestes primeiros seis meses de reinicio das actividades de voluntariado ambiental. Proxectaremos fotos das accións de voluntariado e vos presentaremos as iniciativas para o vindeiro semestre. Animádemos a participar¡ Queremos coñecer a vosa opinión¡.
Horario: 19:00-20:00 h. Nº de prazas: sen límite.

Para participar en calquera destas actividades é obrigatorio:
a)Estar inscrito como voluntario/a na OMV (Oficina Municipal de Voluntariado) do Concello de Vigo: Pza. do Rei, s/n; '986810213;
ofi.voluntariado@vigo.org
b)Anotarse para participar na actividade na OMV.

16/2/09

Plantío de árbores autóctonas nos Montes de Teis...Animate e participa¡

O vindeiro sábado 28 de febreiro, de 9:45 a 13h, celebrarase o plantío dun milleiro de árbores autóctonas (carballos, cerdeiras, bidueiras,...) nos montes comunais de Teis (Vigo). O lugar de encontro dos participantes será na praza dos Leóns, no Monte da Madroa, a carón de Vigozoo.
Este plantío, organizado pola Comunidade de Montes de Teis, forma parte dun programa de recuperación forestal que xa levan anos emprendendo os comuneiros desta parroquia e que, resumidamente, esta a substituir gradualmente a cuberta forestal destes montes, inzada de especies exóticas invasoras (acacia negra e eucalipto, sobre todo), plantadas no século pasado, por árbores propias dos bosques galegos. Preténdese, deste xeito, reorientar os usos dos montes da parroquia cara aos aproveitamentos recreativos e enriquecer a biodiversidade forestal da zona.A asociación Fontaíña ven colaborando, desde 2008, coa Comunidade de Montes de Teis, axudándolle mediante a aportación de voluntariado ambiental, unha medida englobada nun programa da propia asociación que, baixo o nome de Devesas do Sur, pretende colaborar coas comunidades de montes, particulares e administracións comprometidos coa recuperación e conservacíón dos bosques autóctonos da bisbarra viguesa.
De cara ao plantío do vindeiro día 28 contarase coa participación de comuneiros, socios de Fontaíña, voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo, socios de Verdegaia e numerosos simpatizantes deste interesante proxecto forestal en Teis.
Animamos a todas as persoas (incluídos menores de idade se van acompañados por un adulto) interesadas en participar a que se apunten chamando ao teléfono de Fontaíña 679457222 ou mandando un e-mail a fontainhavigo@yahoo.es antes do 20/2.

XA QUEDA POUCO TEMPO... NECESITAMOS VOLUNTARIOS/AS ...ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR¡

7/1/09

Proxima actividade: censo de aves invernantes

Informamos aos voluntarios interesados na ornitoloxía que o vindeiro sábado 10 de xaneiro realizarase un censo de aves, correspondente ao período de invernada.
A actividade comezará ás 9h dende Cabo de Mar e rematará aproximadamente ás 13h na zona de Toralla. Os voluntarios interesados pódense anotar chamando ao tfno. 679457222 ou a través dun correo electrónico a
fontainhavigo@yahoo.es

E para que vos vaiades organizando comentámosvos que o resto de censos de 2009 seran nas seguintes datas: 18-4-09 e 12-9-09