Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



22/6/18

Detalles organizativos da cea literaria conmemorativa do XXV Aniversario do proxecto de restauración das dunas dos areais de Fontaíña e Baluarte



Na primavera de 1993 daban comezo os traballos de restauración das dunas dos areais de Fontaíña e Baluarte (Coruxo, Vigo) co que, na actualidade, este proxecto que aínda se está levar a cabo vai cumplir 25 anos. Na Asociación Fontaíña imos celebralo organizando unha cea literaria conmemorativa o vindeiro 30 de xuño na que queremos xuntar a todas as persoas que colaboraron ou simpatizan co proxecto dende os seus inicios no Grupo Erva ata a actualidade, xa na Asociación Fontaíña, e na que cada un dos asistentes terá a opción de levar poemas ou textos breves inspirados nas dunas de Fontaíña e Baluarte que lerá para disfrute dos demais comensais. Estades todos e todas convidad@s.

O lugar e hora de celebración deste evento serán a Asociación Cultural Caleidoskopio (rúa Romil, 3, Vigo) a partires das 21:30 h. O prezo do menú, que se aboará o mesmo día da cea, será de 7.50 /persoa.

Cómpre lembrar que cando comezamos traballar neste interesante ecosistema dunar atopábase nun estado de degradación moi avanzado e agora, tras as tarefas de restauración, forma parte do Espazo Natural de Interese Local “Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte”. Daquela case que non había experiencias de restauración dunar en Galicia polo que o proxecto foi pioneiro ó mesmo tempo que moi valioso e exemplificante. Tras vintecinco anos de esforzo continuado, o proxecto ben se merece unha cea de celebración.

Ademais desta actividade, ó longo do ano proseguiremos cos traballos de restauración ambiental nos tres espazos naturais onde habitualmente traballamos: areais e dunas de Fontaíña e Baluarte, areal e dunas de Cabo de Mar e Xunqueira do Lagares e temos previsto organizar outras actividades como palestras temáticas, actividades que conxuguen arte e natureza, os xa tradicionais censos de aves acuáticas,… ás que estades todos e todas convidad@s e das que teredes máis información no noso blog fontainhavigo.blogspot.com e na nosa páxina de facebook. Concretamente na dunas de Fontaíña e Baluarte fixámonos dous obxectivos concretos para 2018: renovar o itinerario autoguiado de interpretación ambiental e proseguir coa nosa solicitude de retirado da ducha sobre as dunas.

E, como sempre, queremos agradecer a inestimable colaboración de todos aqueles que fixeron posible o noso traballo de restauración ambiental e voluntariado nestes 25 anos. Moitas grazas e vémonos nas dunas e na cea literaria!

Para máis información e para apuntarse na cea hai que enviar un correo a diegodalimia@gmail.com antes do 28 de xuño ás 22 h.

No hay comentarios: