Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



25/10/10

Actividades realizadas en outubro cos voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Vigo

Xoves 14/10/10. Bricovoluntarios na Praia da Fontaíña.

Traballos realizados: Reparación de valados de protección das dunas, eliminación manual de flora exótica, limpeza de lixo das dunas
Horario: 17:00-19:00 h.
Asistentes: Sara, Noemí, Alberto, Juan Carlos, Pilar, Antonio e Edu.
Primeiramente, procedeuse a pasar lista de asistencia e presentar os compoñentes do grupo. Fíxose unha breve explicación dos obxectivos das actividades de protección de espazos litorais do programa de medio ambiente e a metodolóxía de traballo. Posteriormente se entregou o material necesario (luvas, chalecos da OMV, bolsas e ferramenta –taladro, maletín bricolaxe- e material funxible –listón madeira, tensores, aramio-) e os participantes foron divididos en tres grupos de dous voluntarios cada un, desenvolvendo cada un deles diferentes tarefas, que foron explicadas tanto a nivel de motivos polos que se levaban a cabo como do sistema de traballo:

  1. Reparación de valados: levouse a cabo a reposición dun traveseiro de madeira (que fora arrincado) situado no valado á esquerda e a carón da pasarela de baixada ó Areal de Baluarte. Posteriormente se eliminou un cinceiro de madeira que estaba deteriorado (queimado) no valado máis próximo a Punta Elena e que será reposto nunha vindeira sesión. Finalmente se substituíron dous tensores metálicos, inutilizados pola corrosión mariña, no aramio do valado situado nas pedras de Punta Elena.
  2. Eliminación manual de flora exótica bioinvasora: fíxose un control, mediante arrincado manual e deposición en bolsas plásticas dunha planta que inza a zona de dunas, xa restauradas e protexidas, que se atopa entre o Breadouro e o Vao. A especie en cuestión, denominada Conyza canadensis, é unha planta ruderal que aparece en ambientes alterados pola actividade humana (aterros, camiños, lixo…). Na parcela onde se traballou se eliminan os exemplares atopados cada outono, antes do espallamento da sementes, coa finalidade de reducir gradualmente a súa presenza e mellorar a as características xenuinas da flora dunas de Baluarte e Fontaíña. En total se retiraron catro bolsas grandes de lixo cheas de exemplares (a estimación é duns 6kg de planta –arredor de 180 exemplares-). As bolsas foron depositadas no contedor xeral de lixo.
  3. Limpeza de lixo nas dunas: Levouse a cabo a limpeza manual de todo o sistema dunar protexido polo valado, retirandose plásticos, lata, madeiras e outros restos de orixe humana, ata encher dúas bolsas (apenas 4kg de lixo). As bolsas foron depositadas no contedor xeral de lixo.

Unha vez rematados os traballos, o grupo de voluntarios reuniuse para recoller o material e ferramenta e se lles entregou o avituallamento (un bocadillo e un botellín de auga por persoa). Aproveitouse tamén para facer unha valoración da sesión de traballo, especialmente ás voluntarias novas (Noemi e Sara) que amosaron unha impresión positiva do realizado. Outro voluntario, Juan Carlos, preguntou que pasara coas árboriñas plantadas o inverno pasado, respostándoselle que non saíra adiante ningunha por mor do seu escaso porte e o tardío de replantado.
A impresión do monitor é que o grupo traballou axeitadamente e con rigorosidade.


Sábado 23/10/10. Obradoiro polo litoral en Cabo de Mar.

Traballos realizados: Retirada de valados vellos e reparación de valados, eliminación de uña de gato, limpeza de lixo e colocación de carteliños informativos.

Horario: 10:00-13:00 h.

Asistentes: en total participaron 12 voluntarios (Tomás, Rubén, Pablo, Pilar, Lourdes, Julio Cesar, José Manuel, Jose Antonio, Eva, Alberto, Jose e Edu).

Primeiramente, procedeuse a pasar lista de asistencia e presentar os compoñentes do grupo. Fíxose unha breve explicación dos obxectivos das actividades de protección de espazos litorais do programa de medio ambiente e a metodolóxía de traballo. Posteriormente se entregou o material necesario (luvas, chalecos da OMV aínda que non chegaban para todos, bolsas e ferramenta –laias, maletín bricolaxe- e material funxible –aramio-) e os participantes foron divididos en tres grupos de tres, seis e tres voluntarios, desenvolvendo cada un deles diferentes tarefas, que foron explicadas tanto a nivel de motivos polos que se levaban a cabo como do sistema de traballo:
  1. Reparación de valados (grupo de seis voluntarios): levouse a cabo a retirada do valado antigo (instalado aproximadamente en 1999), que na actualidade xa non era de utilidade pois o novo valado (de 2009) sobrepasa os límites do vello. Iso si, como o estado de conservación da maior parte das estacas de madeira tratada era satisfactorio se procedeu a retirar o aramio, grapas ou puntas que tiñan (botaronse o contedor de lixo), se limparon de area e foron transportadas e gardadas no almacén de material da Asociación Fontaíña. Foron retirados uns 40-50m de valado.
  2. Eliminación manual de flora exótica bioinvasora: fíxose unha revisión xeral da zona (dunas protexidas, dunas sen protección, costa rochosa e piñeiral) na procura de brotes de uña de gato (Carpobrotus sp.), un especie exótica que ten un comportamento bioinvasor nos hábitats dunares. Esta especie inzaba practicamente todas as zonas de Cabo de Mar (dunas e penedos sobre todo) e fi retirada paulatinamente mediante o traballo de operarios do Concello de Vigo (Praias), Asociación Fontaíña e OMV. A especie se retira manualmente de raíz e se deposita no contedor de lixo. O resultado da inspección amosou unha ausencia case total da especie en todos os hábitats, atopandose unicamente unha pequena mata nos penedos contiguos á Praia da Espedrigada.
  3. Reparación do valado e carteliños informativos (tres voluntarios): este grupo encargouse de arranxar algúns desperfectos do novo valado perimetral das dunas da Praia do Cocho das Dornas e tamén colocou catro carteliños informativos para informar ós visitantes que non se metan na zona de dunas protexidas.
  4. Limpeza de lixo nas dunas: Levouse a cabo a limpeza manual de toda a zona (dunas, rochas e piñeiral), ata encher dúas bolsas (5kg de lixo). As bolsas foron depositadas no contedor xeral de lixo.

Unha vez rematados os traballos, o grupo de voluntarios reuniuse para recoller o material e ferramenta e se lles entregou o avituallamento (un bocadillo ou froita e un botellín de auga por persoa). Aproveitouse tamén para facer unha valoración da sesión de traballo, especialmente cos voluntarios novos (Tomás, Rubén, Pablo, Julio Cesar e Jose) que amosaron unha impresión positiva do realizado. Sinalar que unha parella de paseantes se achegou xunto a unha voluntaria (Pilar) para agradecer o traballo realizado polo voluntariado a prol do medio ambiente.

Se fixo unha revisión de tarefas pendentes para proximas sesións:
a) Borrar grafitis dos carteis situados nos accesos.
b) Renovar os paneis do itinerario autoguiado.
c) Colocar novas pantallas de carrizo para formar dunas.
d) Plantar vexetación dunar nas dunas.
e) Plantar vexetación litoral nas rochas nas que foi recentemente eliminada a uña de gato.
f) Construir unha pasarela de madeira no carreiro que conecta a praia de Argazada coa do Cocho das Dornas, pois é un camiño estreito, de 2m de ancho e 10m de longo, que se ve moi pisoteado.
g) Mercar material funxible para o maletín de bricolaxe (grapas, tornillos 3cm e 2cm, disolvente, tensores).
h) Imprimir os novos paneis do itinerario
i) Encargar máis chalecos á OMV (unha ducia).

A impresión do monitor é que o grupo traballou moi ben, coordenadamente e axudándose uns ós outros. De feito, non estaba previsto que se rematara, tan pronto, a retirada do valado vello en tan pouco tempo.

2/10/10

Suspendida a actividade no Encoro de Zamáns

Por mor da alerta meteorolóxica (nivel amarelo, segundo Meteogalicia) desta fin de semán, suspéndese a actividade para os rapaces do Obradoiro da Natureza, a celebrar no Encoro de Zamáns o sábado 2/19/2010 de 10 a 13h.
A actividade se celebrará nalgunha das vindeiras fins de semana, avisándose ós rapaces inscritos de xeito persoal e tamén a través da web da Asociación Fontaíña.

24/9/10

Comezan as actividades para os rapaces: Obradoiro da Natureza 2010-2011

A Asociación Fontaíña retoma as actividades do seu grupo xuvenil “Obradoiro da Natureza”. Comentarvos que na campaña que agora bota a andar os rapaces desenvolverán un proxecto denominado “Mollate pola natureza e aforra auga” e que conta co patrocinio de Voz Natura e da Consellería de Traballo e Benestar (Xuventude). Os rapaces, acompañados polos monitores, realizarán actividades en defensa da natureza relacionadas coa auga como recurso natural.
Ó igual que fixemos o pasado curso recibiredes por correo unha convocatoria cada dous ou tres meses, aproximadamente, e lembrade que debedes avisarnos se os vosos fillos van asistir a cada unha das actividades (trátase dunha cuestión organizativa para o tema de material, monitores e avituallamento).
Os nenos deben traer roupa cómoda para andar polo campo e que poidan manchar. A asociación facilitaralles lubas (guantes) para traballar e o avituallamento. Outro tema que vos queremos comentar é que se coñecedes a algun rapaz ou rapaza de entre 6 e 12 anos de idade, interesado en participar nas actividades de Fontaíña lles comentedes que se apunten chamando ao teléfono da asociación. Velaí tedes o calendario da primeiras actividades:

Sábado 2/10/10 de 10:00 a 13:00h.
Visita ó Encoro de Zamáns (Vigo). Nel coñeceremos, mediante unha visita guiada polo personal de Aqualia, as instalacións do encoro un dos que abastece de auga a algunhas parroquias de Vigo. Posteriormente visitaremos o Muíño de Maquías, situado no río Zamáns e se da tempo daremos un paseiño polas beiras do encoro e as limparemos de lixo. O lugar de encontro será na Carretera de Zamáns no km10. A liña de Vitrasa C7 pasa perto. Lembrade traer as autorizacións asinadas.


Sábado 6/11/10 de 10 a 13h
. Investigación sobre o estado medioambiental do río Lagares. Os nenos participantes realizarán un percorrido polas marxes do Lagares e estudiaran en que estado se atopa a natureza do río vigués, analizando a auga, o cauce do río e as marxes. O lugar de encontro será na ponte de madeira que hai no Paseo Peonal do Lagares (a carón da depuradora, na estrada Muíños-Samil). Os nenos deben traer botas de auga.


AVISO IMPORTANTE
: LEMBRADE QUE É NECESARIO AVISAR DA PARTICIPACIÓN DOS RAPACES PARA CADA ACTIVIDADE, CUN MÍNIMO DE DOUS DÍAS ANTES DA SÚA CELEBRACIÓN.
Podédelo facer chamando ou mandando unha mensaxe ó tfno. 679457222 ou ben ó correo electrónico fontainhavigo@yahoo.es

3/9/10

Censo de aves

Como xa é habitual vaise celebrar o censo de aves en paso outonal no litoral de Vigo, actividade organizada polo ornitólogo Diego Rodríguez Vieites.
Aquelas persoas interesadas en descubrir o mundo das aves e axudar ó seu coñecemento poden participar no censo, que terá lugar o sábado 4/9/10. Iniciarase o percorrido ás 9h dende Cabo de Mar ata O Vao.
Os interesados en participar poden apuntarse no tfno. 679457222 ou no correo fontainhavigo@yahoo.es

31/8/10

Xuntanza da Xunta Directiva da Asociación Fontaiña

Celebrarase no Salón de Actos do Centro Cívico do Casco Vello o venres día 3/9 de 19:30 a 21:15. Nela trataranse diversos temas de traballo da asociación.

10/8/10

Reparacións de urxencia na praia do Baluarte

O pasado venres 6 de agosto, pola mañán, se realizaron reparacións no valado que protexe as dunas da praia do Baluarte (Coruxo), pois presentaba algúns desperfectos ocasionados polo deterioro normal do mesmo. É moi importante que os valados estean en boas condicións, para así conseguir que os bañistas valoren positivamente o coidado das dunas e a praia.

Por outra banda, sinalar que dous días antes uns descoñecidos esnaquizaron parte do valado novo que protexe unha pequena zona de dunas entre o Vao e Baluarte. Segundo nos informaron, foron os propios bañistas os que avisaron o 092 e deseguido pasou unha brigada municipal a reparar os danos causados por este lamentable acto vandálico.

O noso agradecemento a tódalas persoas que se preocupan por coidar o litoral.

9/8/10

A Policia Municipal de Vigo inicia o control dos aparcamentos irregulares en Fontaíña e Xunqueira

Acabamos de recibir unha chamada telefónica do portavoz da Policia Municipal de Vigo indicando que a patrulla de praias iniciará as accións de control de aparcamentos irregulares, solicitadas mediante escrito hai uns días (máis datos cliquea aquí).

Dende a Asociación Fontaíña queremoslle agadecer ó 092 de Vigo o seu interese e profesionalidade.