Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



7/1/09

Proxima actividade: censo de aves invernantes

Informamos aos voluntarios interesados na ornitoloxía que o vindeiro sábado 10 de xaneiro realizarase un censo de aves, correspondente ao período de invernada.
A actividade comezará ás 9h dende Cabo de Mar e rematará aproximadamente ás 13h na zona de Toralla. Os voluntarios interesados pódense anotar chamando ao tfno. 679457222 ou a través dun correo electrónico a
fontainhavigo@yahoo.es

E para que vos vaiades organizando comentámosvos que o resto de censos de 2009 seran nas seguintes datas: 18-4-09 e 12-9-09

3/11/08

Comeza unha nova andaina do grupo xuvenil "Obradoiro da natureza"...a que esperas para apuntarte?

Xa levamos mes e medio de curso escolar 2008-09 e a Asociación Fontaíña retoma as actividades do seu grupo xuvenil “Obradoiro da Natureza”. Na campaña que agora bota a andar os rapaces desenvolverán un proxecto denominado “Ríos, montes e mar… a xuventude en defensa da natureza” e que conta co patrocinio de Voz Natura e da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar (Xuventude). Tal e como reza o título do proxecto os participantes combinarán actividades en defensa dos nosos bosques autóctonos coas xa iniciadas, na anterior edición, a prol das praias, dunas e marismas de Vigo e tamén tentaremos facer algunha actividade a prol dos ríos vigueses.
Os nenos inscritos recibirán por correo unha convocatoria cada dous meses, aproximadamente para que se apunten ás actividades que, por suposto, son de balde.
Se coñecedes a algun rapaz ou rapaza de entre 8 a 12 anos de idade, interesado en participar nas actividades de Fontaíña comentadelles que se apunten chamando ao teléfono (679457222) da asociación.


Velaí tedes o calendario da primeiras actividades:

Sábado 8/11/08 de 10 a 13h na praia da Fontaíña e Baluarte (lugar de encontro: pasarela de madeira no lugar de Breadouro-Vao). Realizaremos un traballo de plantación de sementes de plantas do litoral galego, que logo medrarán no viveiro da asociación. Se sobra tempo limparemos a praia e arrincaremos plantas exóticas invasoras.

Sábado 29/11/08 de 9:50 a 13h (hora de remate aproximada) nos Montes de Teis-A Madroa (lugar de encontro: Praza dos Leóns, a carón do Vigozoo). Imos realizar unha plantación de árbores autóctonas nos montes desta parroquia, en colaboración coa Comunidade de Montes de Teis.
Nesta actividade tamén poderán participar os pais e familiares dos rapaces. (PRAZO INSCRICIÓN ATA O 24/11/09).



Sábado 13/12/07 de 10 a 13h en Cabo de Mar (lugar de encontro: Paseo de Samil, á altura do restaurante Dornas, perto da praia da Fonte). Traballaremos colocando barreiras para atrapar a area nas dunas, reparando o valado e arrincando flora exótica invasora.


Lembrade polo tanto que aqueles rapaces interesados en participar deben inscribirse canto antes, pois o número de prazas é limitado.

PATROCINADORES:


28/10/08

PROGRAMA DE MEDIO AMBIENTE - Novembro-Decembro 2008 - Convocatoria de actividades de voluntariado medioambiental



Sábado 29/11/08. Programa Devesas do Sur: Plantío forestal de árbores autóctonas nos Montes Comunais de Teis. MOI IMPORTANTE: Por mor do elevado número de participantes, pregámoslles a aqueles voluntarios que dispoñan dunha ferramenta forestal (tipo sacho/azada) e luvas propias, a leve dito día para o seu uso persoal. Aqueles que non teñán se lles facilitará ferramenta e luvas.
TRÁTASE DUNHA PLANTACIÓN BASTANTE GRANDE POLO QUE NECESITAREMOS MOITOS VOLUNTARIOS, ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR.
Horario: 9:45-13:00 h. Nº de prazas: 30.
Lugar de encontro: Praza dos Leóns, a carón de Vigozoo. (A liña de autobús C9B chega ata alí).

Xoves 20/11/08. Bricovoluntarios na Xunqueira do Lagares*. Eliminación de flora exótica invasora.
Horario: 16:30-18:00 h. Nº de prazas: 7.

Xoves 4/12/08. Bricovoluntarios na Xunqueira do Lagares*. Eliminación de flora exótica invasora.
Horario: 16:30-18:00 h. Nº de prazas: 7.

*Lugar de encontro e material necesario: Ponte de madeira no Lagares, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os seus traxes, botas de auga e luvas.
Para participar en tódalas actividades é obrigatorio:
a)Estar inscrito como voluntario/a na OMV (Oficina Municipal de Voluntariado) do Concello de Vigo: Pza. do Rei, s/n; '986810213;
ofi.voluntariado@vigo.org
b)Enviar a ficha de inscrición adxunta á OMV, dentro dos prazos sinalados.

Lembra que a OMV abona os teus desprazamentos ata o lugar da actividade mediante unha tarxeta de Vitrasa

27/10/08

ROTEIROS FORMATIVOS: O voluntariado ambiental e o bosque autóctono

Un dos aspectos máis salientables do recen estreado programa de medio ambiente da OMV é a inclusión dos chamados roteiros formativos, destinados a mellorar a formación e coñecementos dos voluntarios en materia de medio ambiente. O primeiro deles irá adicado á conservación dos bosques autóctonos de Galicia e servirá de preparación cara ao plantío forestal do 29 de novembro.

Programación:

Venres 14/11/08. 18:00-20:00h. Charla, acompañada de imaxes: “O voluntariado ambiental e o bosque autóctono”. Impartida por Afonso Rodríguez, experto forestal. Terá lugar na Sala de Reunións (1º andar) do Centro Cívico do Casco Vello (r/Oliva, nº 12, a carón da igrexa da Colexíata).

Domingo 16/11/08. 10:00-14:00h. Roteiro medioambiental polos Montes de Coruxo. A excursión será guiada por Afonso Rodríguez.
Haberá un microbús para trasladarse ata Coruxo que sairá as 10:00 da Pza. do Rei, pasando as 10:05h pola Pza. de América (C.Comercial Camelias). O bus regresará ás 14:00h á Pza. do Rei.


Inscricións na Oficina de Voluntariado do Concello de Vigo, ofi.voluntariado@vigo.org , tfno. 986810213.

A Oficina Municipal de Voluntariado inicia un programa de formación medioambiental en colaboración coa Asociación Fontaíña

(Nova publicada en xornal.vigo.org o día 20/10/08).

O edil de Participación Cidadá, Santos Héctor, presentou este luns as liñas principais do convenio asinado coa Asociación Fontaiña, polo que se formará aos voluntarios que o soliciten en medioambiente. Ata o momento, son xa 165 os apuntados para participar, aínda que está aberto a todos aqueles que queiran anotarse na Concellería. Algunhas das actividades son a vixilancia ambiental do litoral e do Lagares.

O concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor, e unha representante da Asociación Fontaíña, Cristal Fernández, presentaron este luns o convenio asinado entre ambas entidades, por valor de 6.000 euros, que formará ao voluntariado en criterios medioambientais. O programa está aberto a todos os que desexen incorporarse e ata o momento son 165 os voluntarios interesados neste proxecto que xa se apuntaron na Concellería de Participación Cidadá, dun total de 617 que están inscritos e participan en todo tipo de campos de actuación. As actividades a desenvolver mediante o convenio son a vixilancia ambiental no litoral e do río Lagares -análise de augas, detección de impactos ambientais, caracterización da vexetación...-, obradoiros polo litoral -limpezas, plantacións, eliminación de flora invasora, traballos de bricolaxe...- ou a "Operación Colilla" -recuperación do medio e ao mesmo tempo de concienciación cidadá, no que un grupo elevado de voluntarios limpa exhaustivamente con recolledores de cabichas a area de Fontaíña e Baluarte-. Segundo informou o edil socialista, tamén se incorporará unha nova liña de traballo baseada na conservación de masas forestais de interese ecolóxico situadas na bisbarra viguesa, e uns roteiros formativos para formar aos voluntarios do programa nos contidos conceptuais, procedementais e actitudinais, a desenvolver na súa labor como voluntarios. Santos Héctor mostrouse "moi satisfeito" pola participación da Asociación Fontaiña, colaboradores de forma altruísta, neste programa que permite ampliar a oferta de actividades para voluntarios no Concello. Pola súa banda, Cristal Fernández valorou a "receptividade" do departamento nas súas iniciativas e destacou que a formalización deste convenio lles permite elaborar un programa estable de actividades cara ao próximo ano e amplialo a máis zonas de actuación na cidade.

4/9/08

Proximamente… censo de aves

Comentarvos que o vindeiro domingo 14 de setembro realizaremos un censo de aves, correspondente ao paso migratorio posnupcial no que as aves se diríxen cara os lugares de invernada.
A actividade comezará ás 9h dende Cabo de Mar e rematará ás 13h na zona de Toralla. Os voluntarios interesados pódense anotar chamando ao tfno. 679457222 ou a través dun correo electrónico a fontainhavigo@yahoo.es

28/8/08

Actividade de recollida de sementes no litoral

O pasado 27 de agosto, voluntari@s da asociación levaron a cabo unha recollida de sementes de especies de litoral. Un ano máis percorremos a costa do Morrazo en busca de plantas autóctonas antes abondosas na costa viguesa, pero que agora están practicamente extinguidas. Así foron recollidas sementes de camariña, mapoula de praia, abruñeiro, estripeiro, trovisco, cardo de ribeira, cebola das gaivotas... Durante o outono estas especies serán levadas ó viveiro ou plantadas directamente na praia de Fontaíña, para deste xeito recuperar parte da biodiversidade perdida por mor da man do home. Xa vos iremos informando.