Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



27/10/08

ROTEIROS FORMATIVOS: O voluntariado ambiental e o bosque autóctono

Un dos aspectos máis salientables do recen estreado programa de medio ambiente da OMV é a inclusión dos chamados roteiros formativos, destinados a mellorar a formación e coñecementos dos voluntarios en materia de medio ambiente. O primeiro deles irá adicado á conservación dos bosques autóctonos de Galicia e servirá de preparación cara ao plantío forestal do 29 de novembro.

Programación:

Venres 14/11/08. 18:00-20:00h. Charla, acompañada de imaxes: “O voluntariado ambiental e o bosque autóctono”. Impartida por Afonso Rodríguez, experto forestal. Terá lugar na Sala de Reunións (1º andar) do Centro Cívico do Casco Vello (r/Oliva, nº 12, a carón da igrexa da Colexíata).

Domingo 16/11/08. 10:00-14:00h. Roteiro medioambiental polos Montes de Coruxo. A excursión será guiada por Afonso Rodríguez.
Haberá un microbús para trasladarse ata Coruxo que sairá as 10:00 da Pza. do Rei, pasando as 10:05h pola Pza. de América (C.Comercial Camelias). O bus regresará ás 14:00h á Pza. do Rei.


Inscricións na Oficina de Voluntariado do Concello de Vigo, ofi.voluntariado@vigo.org , tfno. 986810213.

A Oficina Municipal de Voluntariado inicia un programa de formación medioambiental en colaboración coa Asociación Fontaíña

(Nova publicada en xornal.vigo.org o día 20/10/08).

O edil de Participación Cidadá, Santos Héctor, presentou este luns as liñas principais do convenio asinado coa Asociación Fontaiña, polo que se formará aos voluntarios que o soliciten en medioambiente. Ata o momento, son xa 165 os apuntados para participar, aínda que está aberto a todos aqueles que queiran anotarse na Concellería. Algunhas das actividades son a vixilancia ambiental do litoral e do Lagares.

O concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor, e unha representante da Asociación Fontaíña, Cristal Fernández, presentaron este luns o convenio asinado entre ambas entidades, por valor de 6.000 euros, que formará ao voluntariado en criterios medioambientais. O programa está aberto a todos os que desexen incorporarse e ata o momento son 165 os voluntarios interesados neste proxecto que xa se apuntaron na Concellería de Participación Cidadá, dun total de 617 que están inscritos e participan en todo tipo de campos de actuación. As actividades a desenvolver mediante o convenio son a vixilancia ambiental no litoral e do río Lagares -análise de augas, detección de impactos ambientais, caracterización da vexetación...-, obradoiros polo litoral -limpezas, plantacións, eliminación de flora invasora, traballos de bricolaxe...- ou a "Operación Colilla" -recuperación do medio e ao mesmo tempo de concienciación cidadá, no que un grupo elevado de voluntarios limpa exhaustivamente con recolledores de cabichas a area de Fontaíña e Baluarte-. Segundo informou o edil socialista, tamén se incorporará unha nova liña de traballo baseada na conservación de masas forestais de interese ecolóxico situadas na bisbarra viguesa, e uns roteiros formativos para formar aos voluntarios do programa nos contidos conceptuais, procedementais e actitudinais, a desenvolver na súa labor como voluntarios. Santos Héctor mostrouse "moi satisfeito" pola participación da Asociación Fontaiña, colaboradores de forma altruísta, neste programa que permite ampliar a oferta de actividades para voluntarios no Concello. Pola súa banda, Cristal Fernández valorou a "receptividade" do departamento nas súas iniciativas e destacou que a formalización deste convenio lles permite elaborar un programa estable de actividades cara ao próximo ano e amplialo a máis zonas de actuación na cidade.

4/9/08

Proximamente… censo de aves

Comentarvos que o vindeiro domingo 14 de setembro realizaremos un censo de aves, correspondente ao paso migratorio posnupcial no que as aves se diríxen cara os lugares de invernada.
A actividade comezará ás 9h dende Cabo de Mar e rematará ás 13h na zona de Toralla. Os voluntarios interesados pódense anotar chamando ao tfno. 679457222 ou a través dun correo electrónico a fontainhavigo@yahoo.es

28/8/08

Actividade de recollida de sementes no litoral

O pasado 27 de agosto, voluntari@s da asociación levaron a cabo unha recollida de sementes de especies de litoral. Un ano máis percorremos a costa do Morrazo en busca de plantas autóctonas antes abondosas na costa viguesa, pero que agora están practicamente extinguidas. Así foron recollidas sementes de camariña, mapoula de praia, abruñeiro, estripeiro, trovisco, cardo de ribeira, cebola das gaivotas... Durante o outono estas especies serán levadas ó viveiro ou plantadas directamente na praia de Fontaíña, para deste xeito recuperar parte da biodiversidade perdida por mor da man do home. Xa vos iremos informando.

30/7/08

Primeiro achegamento aos Mtes. de Chaín

Despois de varias tentativas finalmente logrouse realizar un encontro entre representantes da Comunidade de Montes de Chaín (Gondomar) e da Asociación Fontaíña. O motivo do mesmo non era outro que o de coñecerse mutuamente e compartir ideas para poñer en marcha unha colaboración entre estas dúas entidades coa finalidade de desenvolver accións de conservación e recuperación dos bosques autóctonos, máis concretamente nos “cotos” (unhas formacións graníticas de peculiar xeoloxía, vexetación e etnografía) que inzan os montes desta parroquia do Val Miñor.

Na visita, o tesoureiro da comunidade de montes e unha veciña de Gondomar, autora dun estudo sobre os cotos, achegaronnos ata dúas destas formacións para coñecer o seu estado e problemática de conservación.
En vindeiras datas realizarase unha nova xuntanza para concretar xeitos de colaboración entre Fontaíña e a Comunidade de Montes de Chaín.

13/6/08

Festa de Fin de Curso Voz Natura

Co remate do curso escolar chega o intre de que todolos rapaces inscritos no concurso Voz Natura celebren e dean a coñecer o feito ao longo de nove meses.
O sábado 7 de xuño milleiros de rapaces e as súas familias achegáronse ata o Parque de Acea de Ama (Culleredo, Coruña) para participar na Festa Voz Natura.
Nela, ademais de desfrutar dunha chea de diversións e actividades educativas,os asistentes poideron coñecer a traves de diferentes exposicións o realizado polos nenos a través dos centros educativos ou como no noso caso de asociacións. Na imaxe superior podedes ver a exposición presentada por Fontaíña, consistente nun decorado con siluetas a tamaño case real dos nenos facendo tarefas medioambientais.
Xa polo serán procedeuse á entrega de galardóns e rematouse a xornada cun concerto do Xabarín Club.

Visita ao Parque Natural do Monte Aloia



O pasado sábado 31 de maio os rapaces e monitores do Programa Obradoiro da Natureza tivemos a sorte de poder coñecer, grazas ás explicacións de Jose Manuel, guía do parque, a natureza do Monte Aloia.

A visita iniciouse cun percorrido polo centro de interpretación, para posteriormente facer un roteiro dende a Senda Botánica ata a Poza de Cabanas. Despois dunha merecida comida e descanso, retomamos a visita facendo outra senda, a coñecida como Roteiro dos Muíños de Tripes.

Desde Fontaíña queremos agradecer a colaboración prestada polo personal do parque natural, e como non aos patrocinadores do Obradoiro da Natureza, que con esta actividade remata o curso 2007-2008. Retomaremos as actividades en setembro.