Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



10/8/10

Reparacións de urxencia na praia do Baluarte

O pasado venres 6 de agosto, pola mañán, se realizaron reparacións no valado que protexe as dunas da praia do Baluarte (Coruxo), pois presentaba algúns desperfectos ocasionados polo deterioro normal do mesmo. É moi importante que os valados estean en boas condicións, para así conseguir que os bañistas valoren positivamente o coidado das dunas e a praia.

Por outra banda, sinalar que dous días antes uns descoñecidos esnaquizaron parte do valado novo que protexe unha pequena zona de dunas entre o Vao e Baluarte. Segundo nos informaron, foron os propios bañistas os que avisaron o 092 e deseguido pasou unha brigada municipal a reparar os danos causados por este lamentable acto vandálico.

O noso agradecemento a tódalas persoas que se preocupan por coidar o litoral.

9/8/10

A Policia Municipal de Vigo inicia o control dos aparcamentos irregulares en Fontaíña e Xunqueira

Acabamos de recibir unha chamada telefónica do portavoz da Policia Municipal de Vigo indicando que a patrulla de praias iniciará as accións de control de aparcamentos irregulares, solicitadas mediante escrito hai uns días (máis datos cliquea aquí).

Dende a Asociación Fontaíña queremoslle agadecer ó 092 de Vigo o seu interese e profesionalidade.

8/8/10

Voz Natura e Consellería de Benestar renovan o seu apoio ó Obradoiro da Natureza

Novamente, os patrocinadores habituais das actividades de educación ambiental renovaron o seu apoio ó Obradoiro da Natureza, o taller de actividades medioambientais dirixido a rapaces de 6 a 12 anos de idade.
Voz Natura, o concurso organizado pola Fundación Santiago Rey Fdez-Latorre, La Voz de Galicia e Radio Voz, seleccionou o proxecto presentado por Fontaíña e aportará unha axuda económica de 900€.

Pola súa banda, a Consellería de Traballo e Benestar ó abeiro do Programa Iniciativa Xove concedeu para o mesmo proxecto outra axuda de 1.410€.

Móllate pola auga é o nome do proxecto que se desenvolverá este ano e que terá a auga como protagonista principal. Os rapaces do Obradoiro da Natureza realizarán visitas a diferentes espazos naturais e instalacións relacionadas coa auga, tamén acometerán accións medioambientais como limpezas, plantións e investigacións.

28/7/10

Solicitada colaboración municipal contra os vehículos esttacionados na Xunqueira e Baluarte


A Asociación Fontaíña acaba de enviar un escrito á Concellería de Tráfico de Vigo para que se realicen dúas intervencións por parte da Policia Municipal coa finalidade de evitar as molestias causadas polos estacionamentos non legais e nada axeitados nas seguintes zonas do litoral vigués:
a) Praia do Baluarte (Breadouro-Coruxo): É habitual a presenza de motos aparcadas no tramo de paseo peonil que une a praia do Vao coa praia de Fontaíña. A zona atópase perfectamente sinalizada no referido á prohibición de estacionamento, dificultando o paso de peóns polo paseo.

b)Tamén é frecuente, especialmente polas tardes, que se estacionen bicicletas con candado na pasarela de baixada a dita praia, dificultandose o paso dos peóns, pois se trata dunha pasarela moi transitada.

c)Xunqueira do Lagares (Ponte da Foz do Lagares, Samil-Navia). Os días estivais con maior demanda de estacionamento (especialmente fins de semán e festivos) algúns coches chegan a aparcar dentro da Xunqueira do Lagares, nunha zona situada a carón da ponte (perto dunha discoteca). A entrada atopábase franqueada por unha cadea que impedía o acceso de coches pero na actualidade está rachada e os coches pasan sen problema, provocando danos no solo e vexetación desta zona natural.


Dende a Asociación Fontaíña esperamos, igual que en anteriores ocasións, a colaboración da policia municipal nesta tarefa e aproveitamos a ocasión para felicitalos pola laboura realizada a prol do bo estado das praias viguesas.

28/2/10

Convocatoria de Asemblea Xeral Ordinaria

Pola presente, queda convocada a Asemblea Xeral Ordinaria de 2010 da Asociación Fontaíña que terá lugar o vindeiro venres día 5 de marzo ás 19:30 h. en primeira convocatoria e ás 20:00 h. en segunda no local de xuntanzas do Centro Cívico do Casco Vello sito na rúa Oliva nº12, Vigo.

A orde do día a tratar será a seguinte:

1º) Lectura e aprobación, se procede, da acta da xuntanza anterior.

2º) Balance contable e memoria de actividades de 2009.

3º) Plano de traballo e presuposto para 2010.

4º) Rogos e preguntas.

27/2/10

Derradeiras actividades realizadas no Obradoiro da Natureza

Os rapaces participantes participantes no Obradoiro da Natureza realizaron dúas novas actividades nos meses de decembro e xaneiro. O mal tempo fixo que se suspendera a excursión prevista ó Esteiro do Miño. En Decembro un grupo de rapaces e máis algúns voluntarios adultos levaron a cabo un obradoiro medioambiental na Xunqueira do Lagares, un espazo de enorme interese natural que segue necesitando de numerosas medidas de protección por parte das autoridades. Os participantes continuaron cos traballos de plantación de arboriñas de ribeira arredor das marxes da marisma, coa finalidade de ir formando unha pantalla vexetal que reduza o impacto visual do entorno cada vez máis urbanizado arredor da marisma, ademais de favorecer a biodiversidade deste ecosistema. En total se plantaron e titorizaron 30 arboriñas de diversas especies (carballo, loureiro, freixo,salgueiro, amieiro e avelaira).

Unha vez rematada a plantación comezouse coa limpeza dos numerosos residuos acumulados na marxe dereita do río Lagares, consecuencia das enchentes. Este traballo foi continuado en dúas xornadas máis , de serán, polos voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado. En total foron retirados uns 115kg de lixo.

A xeito de anecdota sinalar que unha das voluntarias atopouse soterrad un exemplar de ecance común (Anguis fragilis), un reptil que, a primeira vista, semella unha cobra, pero que, en realidade, é un lagarto que evolucionou cara un corpo sen patas.

A finais de xaneiro os rapaces do Obradoiro da Natureza traballaron en Cabo de Mar, un singular tramo da costa de Vigo onde se mesturan as dunas, os piñeirais e as rochas no mar. Aproveitando que o Concello de Vigo (moitas grazas a Fran de Novocontorno polo seu interese) renovou totalmente o valado de proteción das dunas da praia do Cocho das Dornas.

Os nenos voluntarios colocaron carteliños informativos para evitar que a xente se meta entre as dunas e as pisotee, puxeron novas barreiras de ramallo que axudarán a atrapar a a area e formar novas dunas e retiraron o lixo que había entra es rochas.

A nota naturalista da xornada a puxeron as ringleiras de procesionarias (Thaumetopoea pityocampa ) que atoparon as rapazas no piñeiral.

Dende este blog queremos felicitar a tódolos participantes nos obradoiros e animámolos a que sigan colaborando na defensa da natureza.


PATROCINADORES:


26/2/10

A excursión ó Esteiro do Miño, novamente suspendida

A excusión ó Esteiro do Miño cos rapaces do Obradoiro da Natureza, programada para o sábado 27/2 queda suspendida polo temporal.