Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



28/12/10

AVISO: Suspensión da actividade de voluntariado en Cabo de Mar

Por mor da chuvia vémonos na obriga de suspender a actividade de voluntariado prevista para o martes 28/12 ás 17:00 h. en Cabo de Mar.

Dita actividade se traslada para o mércores 29/12 de 10 a 12h no mesmo lugar.

Máis información no tfno de Fontaíña 679457222.

Desculpade as molestias ocasionadas.

12/12/10

Resumo do obradoiro polo litoral realizado nas Praias de Fontaíña e Baluarte o 11-12-10 polos voluntarios da OMV de Vigo

Sábado 11/12/10. Obradoiro polo litoral na Praia da Fontaíña.
Traballos realizados: Reparación de valados e paneis informativos, eliminación de flora exótica, limpeza das dunas, colocación de carteliños informativos e poda dos piñeiros. Horario: 10:00-12:00 h.

Asistentes: Rosa, Pablo, Seraphine, Mª de los Angeles, Rossana, Jose Manuel, Oscar, Ana Belén, Rosalía, Pilar e Edu.
Primeiramente, procedeuse a pasar lista de asistencia e presentar os compoñentes do grupo. Fíxose unha breve explicación dos obxectivos das actividades de protección de espazos litorais do programa de medio ambiente e a metodolóxía de traballo, facendo especial referencia ós numerosos traballos levados a cabo polos voluntarios, a Asociación Fontaíña e a OMV. Posteriormente se entregou o material necesario (luvas, chalecos da OMV, bolsas e ferramenta –taladro, maletín bricolaxe, laias, maza, tesoiras e serrucho de podar- e material funxible –estacas de madeira e carteliños-) e os participantes foron divididos en catro grupos de tres voluntarios cada un, desenvolvendo cada un deles diferentes tarefas, que foron explicadas tanto a nivel de motivos polos que se levaban a cabo como do sistema de traballo:

a) Reparación de valados: un grupo de tres voluntarios levou a cabo o reforzamento dun tramo de valado onde faltaban estacas. En total se repuxeron dez estacas que faltaban.
b)Pintado de paneis: outro grupo de tres voluntarias procedeu a retirar os metacrilatos e láminas dos paneis informativas que permiten realizar unha visita pola zona e coñecer este ecosistema litoral. Posteriormente pintaron os desperfectos que tiñan os soportes metálicos.
c)Eliminación manual de flora exótica bioinvasora: un grpo de tres voluntarias iíxo un control, mediante arrincado manual e deposición en bolsas plásticas dunha planta que inza a zona de dunas do Vao e Baluarte, xa restauradas e protexidas. Trátase da margarida sudafricana Arctotheca calendula. Os traballos de eliminación nesta época, antes da floración, evitarán a floración e espallamento de sementes polo vento. En total se retiraron tres bolsas grandes de lixo cheas de exemplares (a estimación é duns 10kg de planta. As bolsas foron depositadas a caron dunha papeleira de lixo, para que as recolla o tractor. Ó mesmo tempo se fixo unha limpeza xeral de lixo nas dunas e praia.

d)Colocación de carteliños informativos: O grupo de voluntarias que fixo a eliminación de flora exótica, continuou traballando na colocación de dous carteis informativos destinados a evitar que a xente se meta nos valados e pisotee as dunas.
e)Poda dos piñeiros: unha voluntaria, con formación específica nesta tarefa fixo a poda dos piñeiros, media ducia deles que ha na parte alta das dunas da praia de Baluarte.
Unha vez rematados os traballos, o grupo de voluntarios reuniuse para recoller o material e ferramenta e se lles entregou o avituallamento (un bocadillo ou froita e un botellín de auga por persoa). Aproveitouse tamén para facer unha valoración da sesión de traballo, especialmente ás voluntarias novas que amosaron unha impresión positiva do realizado. Tres voluntarios tamén comentaron que había ocasións en que non lles chegaban as convocatorias por correo electrónico.. A impresión do monitor é que o grupo traballou axeitadamente, con rigorosidade cos equipos ben coordenados.

7/12/10

Vindeiras actividades de educación ambiental no Obradoiro da Natureza

Velaí vos informamos das vindeiras actividades do programa de educación ambiental Obradoiro da Natureza, adicado este ano á auga e a súa conservación e que conta co patrocinio de Voz Natura e da Consellería de Traballo e Benestar (Xuventude):

Domingo 12/12/10 de 10:00 a 13:00h. Percorrido polos Montes de Saiáns. Realizaremos un itinerario polos seus montes comunais e achegarémonos ata os muíños do Regato de Saiáns, onde levaremos a cabo unha pequena plantación de árbores e arbustos típicos destes medios. O lugar de encontro será no Parque Forestal de Saiáns.

Domingo 16/1/11 de 10 a 13h. Traballos medioambientais na Xunqueira do Lagares. Os nenos participantes realizarán unha pequena plantación de árbores de ribeira, podarán as arboriñas plantadas en invernos anteriores e, se da tempo, limparan as marxes do río. O lugar de encontro será na ponte de madeira que hai no Paseo Peonal do Lagares (a carón da depuradora, na estrada Muíños-Samil). Os nenos deben traer botas de auga e roupa que poidan manchar sen problema.

Xuntanza da Directiva


O vindeiro venres 17 de decembro de 2010, en horario de 19:30 a 21:20 celebrarase a reunión da Xunta Directiva da Asociación Fontaíña no Centro Cívico do Casco Vello.

6/12/10

Obradoiro da Natureza cos rapaces: resumo das actividades realizadas


Domingo 17/10/10 de 10:00 a 13:00h. Visita ó Encoro de Zamáns (Vigo). Nesta visita, guiados por Nacho (o vixiante de Aqualia neste encoro), os participantes puideron coñecer as instalacións e funcionamento do encoro, un dos que abastece de auga á bisbarra viguesa. A metade de percorrido o grupo realizou unha limpeza de lixo que se atopaba nas beiras e camiños do encoro (estaba bastante limpo en comparación con outros anos, pois o guía comentounos que recentemente unha brigada do Concello de Vigo realizara unha limpeza). Posteriormente o grupo visitou o Muíño de Maquías, situado no río Zamáns, xusto debaixo da presa. Comentar que é unha magoa ver a deterioración desta construción, poucos anos despois de ser restaurado e atoparse operativo. Xa para rematar se realizou a presentación de “Pinga”, a mascota desta edición do Obradoiro da Natureza adicado á auga. “Pinga” é un peto ou hucha no que os rapaces introduciran, cada xornada de obradoiro, uns papeliños con anotacións das medidas, a prol do aforro e conservación da auga, adoptadas por eles a cotío.










Domingo 7/11/10 de 10 a 13h. Investigación sobre o estado medioambiental do río Lagares. Os nenos participantes realizaron un percorrido polas marxes do Lagares (dende a Xunqueira ata o Humidal da Goberna) e estudiaron en que estado se atopaba a natureza do río vigués, analizando a auga, o cauce do río e as marxes. Os participantes comprobaron a enorme variedade de plantas, árbores e animais que habitan no río Lagares. Mediante unha medición realizada cun sonómetro detectaron importantes fontes de contaminación acústica na zona da ponte da autovía de circunvalación. Xa para rematar fixemos a primeira recollida de ideas levadas a cabo para aforrar auga, que foron introducidas na mascota ”Pinga”.




5/12/10

Actividades de Voluntariado Ambiental Decembro 2010

Estas son as vindeiras actividades que a Oficina Municipal de Voluntariado e a Asociación Fontaíña realizarán en decembro de 2010, dirixidas a todas aquelas persoas interesadas en facer voluntariado medioambiental.

Sábado 11/12/10. Obradoiro polo litoral na Praia da Fontaíña. Reparación de valados e paneis informativos, eliminación flora exótica, limpeza das dunas.

Horario: 10:00-12:00 h. Nº de prazas: 15.

Lugar de encontro e material necesario: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer as súas luvas e chubasqueiros.

Martes 28/12/10. Obradoiro polo litoral en Cabo de Mar. Reparación de valados, limpeza de lixo e substitución dos paneis informativos.

Horario: 17:00-18:30 h. Nº de prazas: 7.

Lugar de encontro e material necesario: Praia do Cocho das Dornas-Cabo de Mar, no Paseo de Samil (perto do restaurante Dornas e a praia da Fonte). No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os súas luvas e chubasqueiros.

No mes de xaneiro celebrarase un Curso de Voluntariado Ambiental Especializado no Medio Forestal. En breve recibiredes a convocatoria

Para participar en calquera destas actividades é necesario contactar coa Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Vigo (Tfno. 986810213, ofi.voluntariado@vigo.org)

22/11/10

Resumo do obradoiro realizado na Xunqueira do Lagares o sábado 20 de novembro

Sábado 20/11/10. Obradoiro polo Litoral na Xunqueira do Lagares.
Traballos realizados: Limpeza de residuos, eliminación de flora exótica invasora (Cortaderia selloana), titorización de arboriñas de ribeira.
Horario: 10:00-13:00 h. Voluntarios: Alberto, Antonio, Eva, Lourdes, Pablo, Esther, Angel Manuel, Manuel, José e Edu. Hai que sinalar que a chegada dos compoñentes do grupo aconteceu de xeito escalonado, polo que resultou imposible facer unha presentación e posta en común dos asistentes. A medida que foron chegando, entre 10 e 10:30h., se lles facilitaba a roupa de traballo (roupa de augas, botas de goma, luvas de goma e chaleco da OMV), ferramenta (laias, pico, machada, alicates, malla de plástico, aramio de atar, titores de madeira e bolsas de lixo) e se lles explicaba a tarefa a realizar. Os participantes foron divididos en tres grupos, desenvolvendo cada un deles diferentes tarefas, que foron explicadas tanto a nivel de motivos polos que se levaban a cabo como do sistema de traballo: a)Titorización de arboriñas: dous voluntarios se encargaron de titorizar as arboriñas plantadas en anos anteriores polos voluntarios. Agunhas aínda tiñan o titor ou a malla protectora, pero en mal estado, namentras que outra non tiñan. En total titorizaron unhas 15-20 arboriñas, que deste xeito teñen protección para cando os operarios do Concello de Vigo desbrozen a maleza do paseo peonal. En vindeiras sesións continuarase con esta tarefa que non foi rematada. b)Eliminación manual de flora exótica bioinvasora: fíxose un control, mediante arrincado manual de raíz da varios exemplares de herba das pampas (Cortaderia selloana) unha herba de porte bastante elevado que inzou practicamente todo o perímetro da marisma e que, na actualidade, unha vez controlada dende hai catro anos polos voluntarios da OMV e persoal do Concello de Vigo, somentes resulta necesario controlar e eliminar os novos gromos que van saíndo cada ano. Os exemplares arrincados, media ducia, foron depositados nas marxe do paseo e se dará aviso ó tractor do Concello de Vigo para que os recolla nos vindeiros días. Unha vez rematada esta tarefa, os tres voluntarios que a realizaban se incorporaron ó grupo que limpaba lixo. Posteriormente foi detectado na zona da Foz do Lagares un grupo de herbas das pampas que estaban a agromar e que serán eliminadas en vindeiras sesións de voluntariado. c)Limpeza de lixo: Sete voluntarios levaron a cabo a limpeza manual da zona de marisma que bordea o paseo peonal e a zona da foz, por ser os lugares que máis lixo acumulan nas épocas de enchentas do río e nas mareas. Retiranronse numerosos residuos, principalmente plásticos, compresas e voluminosos (rodas, sillas, cubos) ata recolectar uns 200kg de lixo, que foron depositados en bolsas nos lugares acordados co persoal de limpeza municipal (sinais de acceso á Xunqueira do Lagares). Unha vez rematados os traballos, o grupo de voluntarios reuniuse para recoller o material, ferramenta e chalecos e se lles comunicou que se fixeran cargo da roupa de traballo para que a teñan en boas condicións para vindeiras sesións. Posteriormente o grupo realizou o avituallamento nun bar próximo (auga, refrescos, tortilla e empanadillas). Aproveitouse tamén para facer unha valoración da sesión de traballo cos participantes que amosaron unha impresión positiva do realizado. Algúns voluntarios preguntaron acerca das actividades para os vindeiros meses e se lles informu que reibirían en breve a convocatoria. A impresión do monitor é que o grupo traballou axeitadamente, con moito ánimo e rigorosidade, a pesares do tempo chuvioso co que comezou a xornada e que, por sorte, foi mellorando a partir das once da mañán.

15/11/10

Resumo da xornada de vixianza ambiental na Xunqueira do Lagares

Xoves 11/11/10. Vixianza ambiental da Xunqueira do Lagares.

Traballos realizados: Localización de exemplares de flora exótica invasora, análise de augas, valoración da evolución dos plantíos de anos anteriores, localización de desperfectos no paseo peonal e deteción de impactos ambientais

Asistentes: José Luis, Alberto, Antonio, Pilar, Esther e Edu.
Primeiramente, procedeuse a pasar lista de asistencia e presentar os compoñentes do grupo. Fíxose unha breve explicación dos valores medioambientais da Xunqueira do Lagares, a súa problemática de consevación e dos obxectivos das actividades de protección da Xunqueira do Lagares e a metodolóxía de traballo do Programa de Medio Ambiente da OMV. Posteriormente se entregou unha ficha de control, un plano da zona, bolígrafo, maletín co equipo de análise de augas e uns prismáticos. O monitor explicou detalladamente o protocolo a seguir para a realización das medicións en cada mostraxe e da toma de datos o longo do percorrido:
a)Ánalise de augas e niveis de contaminación sonora: realizáronse cinco mostraxes en diferentes zonas da marisma. Os resultados, que serán incorporados á unha base de datos máis ampla, foron os seguintes.

LUGAR

Ta

TDS

CONDUC-TIVIDADE

pH

NITRATOS

COLIFORMES

RUIDO

Ponte de Muiños

14,7

109

215

7.08

10

+

62,5

(50-75)

Ponte de madeira

14,6

114

231

6,91

10

+

56

(52-62)

Cañería dique

15,3

>2000

>4000

7,05

0

-

50,5

(42-59)

Regato Carras-queira

15,6

297

150

6,53

5

+

51

(50-52)

Ponte da Foz

14,7

1210

2420

6,92

10

+

67,5

(55-80)

OBSERVACIÓNS: Nas mostras da Ponte de Muíños e Ponte de madeira1 e 2 a auga presentaba irisacións.


b) Localización de exemplares de flora exótica bioinvasora: localizáronse 2 exemplares de tamaño medio da especie Cortaderia selloana (Herba das pampas), que serán arrincados no vindeiro obradoiro.

c) Localización de desperfectos no adoquinado do paseo peonal.: Levouse a cabo un control visual de posibles danos no adoquinado de lusa do paseo peonal, localizándose tres zonas (dúas delas con danos importantes). Enviarase unha nota ó Dpto. de xardíns para que o reparen.
d) Deteción de impactos ambientais: Foron detectados numerosos restos de lixo nas marxe do paseo a carón do río Lagares e na zona da Foz (ponte de Samil), procedentes das riadas. Serán retirados no vindeiro obradoiro.

e) Identificación de danos nas arboriñas plantadas polos voluntarios: a maior parte das arboriñas plantadas o ano pasado non tiñan o titor, aínda que algunhas presentaban malla plástica. As arboriñas de maior porte (carballos p. ex.) sobreviviron ós desbroces non selectivos realizados no verán. Tamén se observou que na zona plantada a carón do murete de pedra do paseo os cabalos pastaron na zona e causaron danos nas arboriñas. A conclusión á que se chegou é que hai que voltar a titorizar tódalas arboriñas e no caso de plantar algunha máis deben de ser árbores de 2-3m de altura alomenos.
Unha vez rematados os traballos, o grupo de voluntarios recolleu o material de análise e foron levados ata un bar situado a escasos cincuenta metros da ponte de Muíños para tomar un refresco ou bebida quente e maís un pincho ou biscoito.. Aproveitouse tamén para facer unha valoración da sesión de traballo, especialmente os voluntarios de nova incorporación (Jose Luis e Esther) que amosaron unha impresión positiva do realizado. A impresión do monitor é que o grupo traballou de xeito coordenado e con rigorosidade.

30/10/10

Próximas actividades de voluntariado ambiental coa OMV

A Oficina Municipal de Voluntariado e a Asociación Fontaíña organizan as seguintes actividades de voluntariado ambiental para o mes de novembro.
Xoves 11/11/10. Vixianza ambiental da Xunqueira do Lagares. Localización de exemplares de flora exótica invasora, análise de augas e deteción de impactos ambientais. Horario: 17:00-19:00 h. Nº de prazas: 7. Lugar de encontro: Ponte de madeira no Lagares, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora.

Sábado 20/11/10. Obradoiro polo Litoral na Xunqueira do Lagares. Limpeza residuos, eliminación flora exótica invasora (Cortaderia selloana), titorización de arboriñas de ribeira. Horario: 10:00-13:00 h. Nº de prazas: 15. Lugar de encontro: Ponte de madeira no Lagares, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora.

As persoas interesadas en participar nestas actividades deben de apuntarse na Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo (OMV), chamando ó tfno: 679457222.

25/10/10

Actividades realizadas en outubro cos voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Vigo

Xoves 14/10/10. Bricovoluntarios na Praia da Fontaíña.

Traballos realizados: Reparación de valados de protección das dunas, eliminación manual de flora exótica, limpeza de lixo das dunas
Horario: 17:00-19:00 h.
Asistentes: Sara, Noemí, Alberto, Juan Carlos, Pilar, Antonio e Edu.
Primeiramente, procedeuse a pasar lista de asistencia e presentar os compoñentes do grupo. Fíxose unha breve explicación dos obxectivos das actividades de protección de espazos litorais do programa de medio ambiente e a metodolóxía de traballo. Posteriormente se entregou o material necesario (luvas, chalecos da OMV, bolsas e ferramenta –taladro, maletín bricolaxe- e material funxible –listón madeira, tensores, aramio-) e os participantes foron divididos en tres grupos de dous voluntarios cada un, desenvolvendo cada un deles diferentes tarefas, que foron explicadas tanto a nivel de motivos polos que se levaban a cabo como do sistema de traballo:

  1. Reparación de valados: levouse a cabo a reposición dun traveseiro de madeira (que fora arrincado) situado no valado á esquerda e a carón da pasarela de baixada ó Areal de Baluarte. Posteriormente se eliminou un cinceiro de madeira que estaba deteriorado (queimado) no valado máis próximo a Punta Elena e que será reposto nunha vindeira sesión. Finalmente se substituíron dous tensores metálicos, inutilizados pola corrosión mariña, no aramio do valado situado nas pedras de Punta Elena.
  2. Eliminación manual de flora exótica bioinvasora: fíxose un control, mediante arrincado manual e deposición en bolsas plásticas dunha planta que inza a zona de dunas, xa restauradas e protexidas, que se atopa entre o Breadouro e o Vao. A especie en cuestión, denominada Conyza canadensis, é unha planta ruderal que aparece en ambientes alterados pola actividade humana (aterros, camiños, lixo…). Na parcela onde se traballou se eliminan os exemplares atopados cada outono, antes do espallamento da sementes, coa finalidade de reducir gradualmente a súa presenza e mellorar a as características xenuinas da flora dunas de Baluarte e Fontaíña. En total se retiraron catro bolsas grandes de lixo cheas de exemplares (a estimación é duns 6kg de planta –arredor de 180 exemplares-). As bolsas foron depositadas no contedor xeral de lixo.
  3. Limpeza de lixo nas dunas: Levouse a cabo a limpeza manual de todo o sistema dunar protexido polo valado, retirandose plásticos, lata, madeiras e outros restos de orixe humana, ata encher dúas bolsas (apenas 4kg de lixo). As bolsas foron depositadas no contedor xeral de lixo.

Unha vez rematados os traballos, o grupo de voluntarios reuniuse para recoller o material e ferramenta e se lles entregou o avituallamento (un bocadillo e un botellín de auga por persoa). Aproveitouse tamén para facer unha valoración da sesión de traballo, especialmente ás voluntarias novas (Noemi e Sara) que amosaron unha impresión positiva do realizado. Outro voluntario, Juan Carlos, preguntou que pasara coas árboriñas plantadas o inverno pasado, respostándoselle que non saíra adiante ningunha por mor do seu escaso porte e o tardío de replantado.
A impresión do monitor é que o grupo traballou axeitadamente e con rigorosidade.


Sábado 23/10/10. Obradoiro polo litoral en Cabo de Mar.

Traballos realizados: Retirada de valados vellos e reparación de valados, eliminación de uña de gato, limpeza de lixo e colocación de carteliños informativos.

Horario: 10:00-13:00 h.

Asistentes: en total participaron 12 voluntarios (Tomás, Rubén, Pablo, Pilar, Lourdes, Julio Cesar, José Manuel, Jose Antonio, Eva, Alberto, Jose e Edu).

Primeiramente, procedeuse a pasar lista de asistencia e presentar os compoñentes do grupo. Fíxose unha breve explicación dos obxectivos das actividades de protección de espazos litorais do programa de medio ambiente e a metodolóxía de traballo. Posteriormente se entregou o material necesario (luvas, chalecos da OMV aínda que non chegaban para todos, bolsas e ferramenta –laias, maletín bricolaxe- e material funxible –aramio-) e os participantes foron divididos en tres grupos de tres, seis e tres voluntarios, desenvolvendo cada un deles diferentes tarefas, que foron explicadas tanto a nivel de motivos polos que se levaban a cabo como do sistema de traballo:
  1. Reparación de valados (grupo de seis voluntarios): levouse a cabo a retirada do valado antigo (instalado aproximadamente en 1999), que na actualidade xa non era de utilidade pois o novo valado (de 2009) sobrepasa os límites do vello. Iso si, como o estado de conservación da maior parte das estacas de madeira tratada era satisfactorio se procedeu a retirar o aramio, grapas ou puntas que tiñan (botaronse o contedor de lixo), se limparon de area e foron transportadas e gardadas no almacén de material da Asociación Fontaíña. Foron retirados uns 40-50m de valado.
  2. Eliminación manual de flora exótica bioinvasora: fíxose unha revisión xeral da zona (dunas protexidas, dunas sen protección, costa rochosa e piñeiral) na procura de brotes de uña de gato (Carpobrotus sp.), un especie exótica que ten un comportamento bioinvasor nos hábitats dunares. Esta especie inzaba practicamente todas as zonas de Cabo de Mar (dunas e penedos sobre todo) e fi retirada paulatinamente mediante o traballo de operarios do Concello de Vigo (Praias), Asociación Fontaíña e OMV. A especie se retira manualmente de raíz e se deposita no contedor de lixo. O resultado da inspección amosou unha ausencia case total da especie en todos os hábitats, atopandose unicamente unha pequena mata nos penedos contiguos á Praia da Espedrigada.
  3. Reparación do valado e carteliños informativos (tres voluntarios): este grupo encargouse de arranxar algúns desperfectos do novo valado perimetral das dunas da Praia do Cocho das Dornas e tamén colocou catro carteliños informativos para informar ós visitantes que non se metan na zona de dunas protexidas.
  4. Limpeza de lixo nas dunas: Levouse a cabo a limpeza manual de toda a zona (dunas, rochas e piñeiral), ata encher dúas bolsas (5kg de lixo). As bolsas foron depositadas no contedor xeral de lixo.

Unha vez rematados os traballos, o grupo de voluntarios reuniuse para recoller o material e ferramenta e se lles entregou o avituallamento (un bocadillo ou froita e un botellín de auga por persoa). Aproveitouse tamén para facer unha valoración da sesión de traballo, especialmente cos voluntarios novos (Tomás, Rubén, Pablo, Julio Cesar e Jose) que amosaron unha impresión positiva do realizado. Sinalar que unha parella de paseantes se achegou xunto a unha voluntaria (Pilar) para agradecer o traballo realizado polo voluntariado a prol do medio ambiente.

Se fixo unha revisión de tarefas pendentes para proximas sesións:
a) Borrar grafitis dos carteis situados nos accesos.
b) Renovar os paneis do itinerario autoguiado.
c) Colocar novas pantallas de carrizo para formar dunas.
d) Plantar vexetación dunar nas dunas.
e) Plantar vexetación litoral nas rochas nas que foi recentemente eliminada a uña de gato.
f) Construir unha pasarela de madeira no carreiro que conecta a praia de Argazada coa do Cocho das Dornas, pois é un camiño estreito, de 2m de ancho e 10m de longo, que se ve moi pisoteado.
g) Mercar material funxible para o maletín de bricolaxe (grapas, tornillos 3cm e 2cm, disolvente, tensores).
h) Imprimir os novos paneis do itinerario
i) Encargar máis chalecos á OMV (unha ducia).

A impresión do monitor é que o grupo traballou moi ben, coordenadamente e axudándose uns ós outros. De feito, non estaba previsto que se rematara, tan pronto, a retirada do valado vello en tan pouco tempo.

2/10/10

Suspendida a actividade no Encoro de Zamáns

Por mor da alerta meteorolóxica (nivel amarelo, segundo Meteogalicia) desta fin de semán, suspéndese a actividade para os rapaces do Obradoiro da Natureza, a celebrar no Encoro de Zamáns o sábado 2/19/2010 de 10 a 13h.
A actividade se celebrará nalgunha das vindeiras fins de semana, avisándose ós rapaces inscritos de xeito persoal e tamén a través da web da Asociación Fontaíña.

24/9/10

Comezan as actividades para os rapaces: Obradoiro da Natureza 2010-2011

A Asociación Fontaíña retoma as actividades do seu grupo xuvenil “Obradoiro da Natureza”. Comentarvos que na campaña que agora bota a andar os rapaces desenvolverán un proxecto denominado “Mollate pola natureza e aforra auga” e que conta co patrocinio de Voz Natura e da Consellería de Traballo e Benestar (Xuventude). Os rapaces, acompañados polos monitores, realizarán actividades en defensa da natureza relacionadas coa auga como recurso natural.
Ó igual que fixemos o pasado curso recibiredes por correo unha convocatoria cada dous ou tres meses, aproximadamente, e lembrade que debedes avisarnos se os vosos fillos van asistir a cada unha das actividades (trátase dunha cuestión organizativa para o tema de material, monitores e avituallamento).
Os nenos deben traer roupa cómoda para andar polo campo e que poidan manchar. A asociación facilitaralles lubas (guantes) para traballar e o avituallamento. Outro tema que vos queremos comentar é que se coñecedes a algun rapaz ou rapaza de entre 6 e 12 anos de idade, interesado en participar nas actividades de Fontaíña lles comentedes que se apunten chamando ao teléfono da asociación. Velaí tedes o calendario da primeiras actividades:

Sábado 2/10/10 de 10:00 a 13:00h.
Visita ó Encoro de Zamáns (Vigo). Nel coñeceremos, mediante unha visita guiada polo personal de Aqualia, as instalacións do encoro un dos que abastece de auga a algunhas parroquias de Vigo. Posteriormente visitaremos o Muíño de Maquías, situado no río Zamáns e se da tempo daremos un paseiño polas beiras do encoro e as limparemos de lixo. O lugar de encontro será na Carretera de Zamáns no km10. A liña de Vitrasa C7 pasa perto. Lembrade traer as autorizacións asinadas.


Sábado 6/11/10 de 10 a 13h
. Investigación sobre o estado medioambiental do río Lagares. Os nenos participantes realizarán un percorrido polas marxes do Lagares e estudiaran en que estado se atopa a natureza do río vigués, analizando a auga, o cauce do río e as marxes. O lugar de encontro será na ponte de madeira que hai no Paseo Peonal do Lagares (a carón da depuradora, na estrada Muíños-Samil). Os nenos deben traer botas de auga.


AVISO IMPORTANTE
: LEMBRADE QUE É NECESARIO AVISAR DA PARTICIPACIÓN DOS RAPACES PARA CADA ACTIVIDADE, CUN MÍNIMO DE DOUS DÍAS ANTES DA SÚA CELEBRACIÓN.
Podédelo facer chamando ou mandando unha mensaxe ó tfno. 679457222 ou ben ó correo electrónico fontainhavigo@yahoo.es

3/9/10

Censo de aves

Como xa é habitual vaise celebrar o censo de aves en paso outonal no litoral de Vigo, actividade organizada polo ornitólogo Diego Rodríguez Vieites.
Aquelas persoas interesadas en descubrir o mundo das aves e axudar ó seu coñecemento poden participar no censo, que terá lugar o sábado 4/9/10. Iniciarase o percorrido ás 9h dende Cabo de Mar ata O Vao.
Os interesados en participar poden apuntarse no tfno. 679457222 ou no correo fontainhavigo@yahoo.es

31/8/10

Xuntanza da Xunta Directiva da Asociación Fontaiña

Celebrarase no Salón de Actos do Centro Cívico do Casco Vello o venres día 3/9 de 19:30 a 21:15. Nela trataranse diversos temas de traballo da asociación.

10/8/10

Reparacións de urxencia na praia do Baluarte

O pasado venres 6 de agosto, pola mañán, se realizaron reparacións no valado que protexe as dunas da praia do Baluarte (Coruxo), pois presentaba algúns desperfectos ocasionados polo deterioro normal do mesmo. É moi importante que os valados estean en boas condicións, para así conseguir que os bañistas valoren positivamente o coidado das dunas e a praia.

Por outra banda, sinalar que dous días antes uns descoñecidos esnaquizaron parte do valado novo que protexe unha pequena zona de dunas entre o Vao e Baluarte. Segundo nos informaron, foron os propios bañistas os que avisaron o 092 e deseguido pasou unha brigada municipal a reparar os danos causados por este lamentable acto vandálico.

O noso agradecemento a tódalas persoas que se preocupan por coidar o litoral.

9/8/10

A Policia Municipal de Vigo inicia o control dos aparcamentos irregulares en Fontaíña e Xunqueira

Acabamos de recibir unha chamada telefónica do portavoz da Policia Municipal de Vigo indicando que a patrulla de praias iniciará as accións de control de aparcamentos irregulares, solicitadas mediante escrito hai uns días (máis datos cliquea aquí).

Dende a Asociación Fontaíña queremoslle agadecer ó 092 de Vigo o seu interese e profesionalidade.

8/8/10

Voz Natura e Consellería de Benestar renovan o seu apoio ó Obradoiro da Natureza

Novamente, os patrocinadores habituais das actividades de educación ambiental renovaron o seu apoio ó Obradoiro da Natureza, o taller de actividades medioambientais dirixido a rapaces de 6 a 12 anos de idade.
Voz Natura, o concurso organizado pola Fundación Santiago Rey Fdez-Latorre, La Voz de Galicia e Radio Voz, seleccionou o proxecto presentado por Fontaíña e aportará unha axuda económica de 900€.

Pola súa banda, a Consellería de Traballo e Benestar ó abeiro do Programa Iniciativa Xove concedeu para o mesmo proxecto outra axuda de 1.410€.

Móllate pola auga é o nome do proxecto que se desenvolverá este ano e que terá a auga como protagonista principal. Os rapaces do Obradoiro da Natureza realizarán visitas a diferentes espazos naturais e instalacións relacionadas coa auga, tamén acometerán accións medioambientais como limpezas, plantións e investigacións.