Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



16/2/09

Plantío de árbores autóctonas nos Montes de Teis...Animate e participa¡

O vindeiro sábado 28 de febreiro, de 9:45 a 13h, celebrarase o plantío dun milleiro de árbores autóctonas (carballos, cerdeiras, bidueiras,...) nos montes comunais de Teis (Vigo). O lugar de encontro dos participantes será na praza dos Leóns, no Monte da Madroa, a carón de Vigozoo.
Este plantío, organizado pola Comunidade de Montes de Teis, forma parte dun programa de recuperación forestal que xa levan anos emprendendo os comuneiros desta parroquia e que, resumidamente, esta a substituir gradualmente a cuberta forestal destes montes, inzada de especies exóticas invasoras (acacia negra e eucalipto, sobre todo), plantadas no século pasado, por árbores propias dos bosques galegos. Preténdese, deste xeito, reorientar os usos dos montes da parroquia cara aos aproveitamentos recreativos e enriquecer a biodiversidade forestal da zona.A asociación Fontaíña ven colaborando, desde 2008, coa Comunidade de Montes de Teis, axudándolle mediante a aportación de voluntariado ambiental, unha medida englobada nun programa da propia asociación que, baixo o nome de Devesas do Sur, pretende colaborar coas comunidades de montes, particulares e administracións comprometidos coa recuperación e conservacíón dos bosques autóctonos da bisbarra viguesa.
De cara ao plantío do vindeiro día 28 contarase coa participación de comuneiros, socios de Fontaíña, voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo, socios de Verdegaia e numerosos simpatizantes deste interesante proxecto forestal en Teis.
Animamos a todas as persoas (incluídos menores de idade se van acompañados por un adulto) interesadas en participar a que se apunten chamando ao teléfono de Fontaíña 679457222 ou mandando un e-mail a fontainhavigo@yahoo.es antes do 20/2.

XA QUEDA POUCO TEMPO... NECESITAMOS VOLUNTARIOS/AS ...ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR¡