Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



23/5/18

Cea literaria conmemorativa do XXV Aniversario do proxecto de restauración das dunas dos areais de Fontaíña e Baluarte



Na primavera de 1993 daban comezo os traballos de restauración das dunas dos areais de Fontaíña e Baluarte (Coruxo, Vigo) co que, na actualidade, este proxecto que aínda se está levar a cabo vai cumplir 25 anos. Na Asociación Fontaíña imos celebralo organizando unha cea literaria conmemorativa o vindeiro 30 de xuño na que queremos xuntar a todas as persoas que colaboraron ou simpatizan co proxecto dende os seus inicios no Grupo Erva ata a actualidade, xa na Asociación Fontaíña, e na que cada un dos asistentes terá a opción de levar poemas ou textos breves inspirados nas dunas de Fontaíña e Baluarte que lerá para disfrute dos demais comensais. Estades todos e todas convidad@s.

Cómpre lembrar que cando comezamos traballar neste interesante ecosistema dunar atopábase nun estado de degradación moi avanzado e agora, tras as tarefas de restauración, forma parte do Espazo Natural de Interese Local “Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte”. Daquela case que non había experiencias de restauración dunar en Galicia polo que o proxecto foi pioneiro ó mesmo tempo que moi valioso e exemplificante. Tras vintecinco anos de esforzo continuado, o proxecto ben se merece unha cea de celebración.

Ademais desta actividade, ó longo do ano proseguiremos cos traballos de restauración ambiental nos tres espazos naturais onde habitualmente traballamos: areais e dunas de Fontaíña e Baluarte, areal e dunas de Cabo de Mar e Xunqueira do Lagares e temos previsto organizar outras actividades como palestras temáticas, actividades que conxuguen arte e natureza, os xa tradicionais censos de aves acuáticas,… ás que estades todos e todas convidad@s e das que teredes máis información no noso blog fontainhavigo.blogspot.com e na nosa páxina de facebook. Concretamente na dunas de Fontaíña e Baluarte fixámonos dous obxectivos concretos para 2018: renovar o itinerario autoguiado de interpretación ambiental e proseguir coa nosa solicitude de retirado da ducha sobre as dunas.

E, como sempre, queremos agradecer a inestimable colaboración de todos aqueles que fixeron posible o noso traballo de restauración ambiental e voluntariado nestes 25 anos. Moitas grazas e vémonos nas dunas e na cea literaria!

Para máis información e para apuntarse na cea hai que enviar un correo a diegodalimia@gmail.com antes do 27 de xuño.

19/5/18

Resumo do roteiro polo litoral de Vigo organizado polas asociacións Verdegaia e Fontaíña




As asociacións Fontaíña e Verdegaia organizaron un roteiro medioambiental pola costa de Vigo,  o pasado 14 de abril pola mañán. Contou coa participación de 16 persoas.

O percorrido iniciouse na Capela do Vao (Coruxo) ás 10:00, percorréndose logo as praias do Vao, Baluarte e Fontaíña, despois visitouse a Xunqueira do Lagares e, tras atravesar o areal de Samil, rematou en Cabo de Mar (Alcabre) aproximadamente ás 13:00h. Os participantes regresaron ó punto de partida (O Vao) en autobús, de balde para os participantes, xa se contou co apadriñamento económico do Programa Libera "Natureza sen lixo" (SEO e Ecoembes).

Neste roteiro achegouse ó público asistente ata os ecosistemas litorais da ría de Vigo, os seus valores naturais, evolución na historia de Vigo, problémática de conservación e as medidas de recuperación e conservación levadas a cabo pola sociedade, con especial referencia ó voluntariado dos grupos ecoloxistas.

A visita foi guiada por Eduardo González (profesor de ensino secundario de Bioloxía e Xeoloxía),  Ó remate da actividade todos os participantes recibiron un pequeno agasallo relacionado cos espazos visitados.

Agardamos que vos gostara o roteiro e esperamos organizar novos percorridos en vindeiras datas.