Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



28/5/15

Resumo do obradoiro de voluntariado ecolóxico: Cabo de Mar 16-5-2015

O pasado día 16 de maio sete voluntarios realizaron tarefas de conservación no ecosistema dunar de Cabo de Mar. Limpamos lixo, retiramos flora invasora, colocamos carteliños pra evitar que se entre no dunar valado e sacamos un panel de interpretación ambiental que estaba case soterrado.

Traballamos a reo e despois tomamos un merecido tentenpé. Antes de irnos para casa demos un paseo interpretativo pola duna para coñecer as diferentes especies de seres vivos que aparecen na mesma e para coñecer os pormenores do proxecto de restauración deste valioso ecosistema.

21/5/15

Charla no IES Sto Tomé


O pasado venres 15 de maio, Diego Rguez., biólogo e  membro da Asociación Fontaíña impartiu a charla "De praias degradadas a dunas protexidas: máis de 20 anos de restauración no litoral vigués" ós alumnos do Instituto de Ensinanza Secundaria Santo Tomé.

12/5/15

Resumo do Obradoiro de Voluntariado do 9-5-15 na praia de Baluarte-Fontaíña



O pasado sábado 9 de maio un grupo de quince voluntarios (adultos e menores de idade), participaron nun Obradoiro de Voluntariado Ecolóxico nas praias de Baluarte e Fontaíña. Mediante este tipo de actividades contribúese á conservación de espazos litorais que foron recuperados hai anos grazas á acción dos voluntarios, ecoloxistas e persoal das administracións públicas.

O grupo de voluntarias adultas fixo a eliminación de flora exótica invasora (Arctotheca calendula e Conyza canadensis), reparación do valado de protección das dunas e da barandilla da pasarela de baixada á praia. O grupo de nais e un pai e nenas fixo identificación de plantas dunares e fauna da franxa intermareal rochosa, limpeza de lixo nas dunas e colocación de dous carteliños informativos. Ó remate recolleuse o material e repartiuse o avituallamento (bocadillos e augas).

11/5/15

Programa municipal de turismo sostible: As Illas Cíes de Vigo. As túas Illas


A nosa asociación está a colaborar co Concello no desenvolvemento deste programa de visitas guiadas polas illas Cíes. Os días 21 de marzo e 11 de abril moitos dos nosos voluntari@s participaron xa nas saídas guiadas por monitores de Fontaíña, dentro dos paseos denominados “Descubrindo a natureza” onde se explicaron os valores naturais deste arquipélago pertencente ao Parque Nacional  das Illas Atlánticas. O vindeiro 23 de maio @s invitad@s á xornada serán os nosos veciños portugueses.

10/5/15

Convocatoria: Obradoiro de Voluntariado Ecolóxico nas dunas de Cabo de Mar



A Asociación Fontaíña organiza o vindeiro sábado 16 de maio de 10:30 a 13h. un Obradoiro de Voluntariado Ecolóxico nas dunas de Cabo de Mar, Alcabre, Vigo.

Nesta actividade poderán participar persoas adultas e nenos (estes últimos acompañados por algún adulto), e realizaranse diferentes tarefas relacionadas coa conservación do medio natural desta zona litoral: revisión e mantemento do valado protector das dunas, reposición de carteis sinalizadores, cambio de ubicación dun panel divulgativo, eliminación manual de plantas exóticas invasoras como a margarida africana (Arctotheca calendula) e limpeza de lixo. Tamén faremos un percorrido para coñecer as plantas destas dunas. Ó remate todos os participantes recibirán un merecido avituallamento. Animádevos a participar!

As persoas interesadas deben apuntarse mediante o envío dun correo electrónico a diegodalimia@gmail.com indicando nome, teléfono e, no caso dos menores, idade. As prazas son limitadas.

9/5/15

Charla no IES Sto. Tomé

 
O vindeiro venres 15 de maio, un membro da Asociación Fontaíña vai impartir a charla "De praias degradadas a dunas protexidas: máis de 20 anos de restauración no litoral vigués" ós alumnos do Instituto de Ensinanza Secundaria Santo Tomé a partires das 10:30 h.

Ó longo de aproximadamente unha hora de explicacións, os estudantes deste instituto coñecerán os éxitos e os fracasos, os detalles e as xeralidades,... do noso proxecto que tan bos resultados deu, está a dar e dará na costa do concello de Vigo. Animarémolos a participar como voluntarios como xa fixeron alumnos doutros centros educativos da cidade olívica e resolveremos todas as dúbidas e cuestións que nos plantexen.

6/5/15

Prazas libres para o Obradoiro de Voluntariado Ecolóxico


Aínda quedan prazas libres para o Obradoiro de Voluntariado Ecolóxico para adultos e nenos nas praias de Fontáiña e Baluarte do vindeiro sábado 9 de maio de 10:30 a 13h;

Nesta actividade poderán participar persoas adultas e nenos (estes últimos acompañados por algún adulto), e se realizarán diferentes tarefas relacionadas coa conservación do medio natural desta zona litoral: Revisión e mantemento do valado protector das dunas, reposición de carteis sinalizadores, eliminación manual de plantas exóticas invasoras (Conyza canadensis e Arctotheca calendula) e limpeza de lixo.  Tamén faremos un percorrido para coñecer as plantas das dunas desta praia.   Ó remate todos os participantes recibirán un merecido avituallamento.
Animádevos a participar e se  vides acompañados polos vosos fillos e sobriños, mellor aínda.

As persoas interesadas deben apuntarse mediante o envío dun correo electrónico a fontaínhavigo@yahoo.es indicando nome, teléfono e, no caso dos menores, idade.