Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



30/12/15

Xornadas de ornitoloxía: grazas a todos¡


Desde a Asociación Fontaíña queremos darlle as grazas a todalas persoas (conferenciantes, público, organizador, Lar do Queixa) que participaron nas Xornadas de Ornitoloxía. Saiu todo á perfección.

Próxima actividade: Censo de aves




O vindeiro sábado 2 de xaneiro pola mañá (de 9 a 13 h.) realizarase a XII edición censo de aves invernantes do treito costeiro que vai dende Cabo de Mar (Alcabre) ata a Praia de Baluarte (Coruxo), pasando pola Xunqueira do Lagares.

O lugar de encontro será en Cabo de Mar (no extremo leste do paseo de Samil) as 9:00 h.

O número de prazas é limitado (7 voluntarios/as).

Nesta actividade os e as participantes irán acompañados por un ornitólogo da asociación Fontaíña e axudarán a identificar e a contar as aves acuáticas que se atopen no seu percorrido. Dita información serve para coñecer o estado ambiental deste treito de costa en xeral e das poboacións de aves acuáticas do mesmo en particular.

Co gallo do X aniversario desta actividade, en 2015 leváronse a cabo diferentes actividades relacionadas coa ornitoloxía como charlas, excursións,... das que tivéchedes máis información neste blogue. Dende a Asociación Fontaíña queremos dar as grazas a todas as persoas que colaboraron nestas actividades en particular e nas actividades de voluntariado da asociación en xeral.

As persoas interesadas teñen que apuntarse no correo electrónico diegodalimia@gmail.com indicando o número de teléfono e se se precisan prismáticos.

É recomendable levar prismáticos e roupa e calzado cómodos para camiñar.

16/12/15

2005-2015 Remata a celebración do X Aniversario dos censos de aves acuáticas da Asociación Fontaíña

O vindeiro xoves 17 de decembro a partires das 20:30 h. en O Lar do Queixa (Heraclio Botana, 6, Vigo) terá lugar a oitava actividade de celebración do X Aniversario dos censos de aves acuáticas da Asociación Fontaíña. Desta volta trátase da palestra “Observación de aves no esteiro do Miño” que será impartida por un membro de Anabam, Asociación Naturalista do Baixo Miño.

As actividades de celebración rematarán o 26-12-15 cun roteiro de día completo polo esteiro do Miño. A actividade será guiada polo monitor de ornitoloxía da asociación. A inscripción é obrigatoria enviando un correo electrónico a diegodalimia@gmail.com indicando o número de teléfono e se se dispón de prismáticos ou non (de non telos facilitaremos uns).

Quedaremos na estación de autobuses de Vigo ás 10:15 h. (porta da Avda. de Madrid) para chegar a Salcidos sobre as 11:45 h., hora na que comezaremos a camiñar polo esteiro onde xantaremos (cada quen debe levar bebida e xantar). Despois de disfrutar de aves como a aguia peixeira (Pandion haliaetus), o mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis) ou o carrán cristado (Thalasseus sandvicensis), colleremos o bus de volta ás 18 h. para estar sobre as 19:30 h. en Vigo de novo.

Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, e chuvasqueiro. O número de prazas é limitado.

Dende a asociación Fontaíña queremos dar o noso máis fondo agradecemento a todas as persoas que fixeron posible que se levaran a cabo estas actividades e ás persoas que participaron nas mesmas. Moitas grazas a tod@s ;-)