Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



3/11/08

Comeza unha nova andaina do grupo xuvenil "Obradoiro da natureza"...a que esperas para apuntarte?

Xa levamos mes e medio de curso escolar 2008-09 e a Asociación Fontaíña retoma as actividades do seu grupo xuvenil “Obradoiro da Natureza”. Na campaña que agora bota a andar os rapaces desenvolverán un proxecto denominado “Ríos, montes e mar… a xuventude en defensa da natureza” e que conta co patrocinio de Voz Natura e da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar (Xuventude). Tal e como reza o título do proxecto os participantes combinarán actividades en defensa dos nosos bosques autóctonos coas xa iniciadas, na anterior edición, a prol das praias, dunas e marismas de Vigo e tamén tentaremos facer algunha actividade a prol dos ríos vigueses.
Os nenos inscritos recibirán por correo unha convocatoria cada dous meses, aproximadamente para que se apunten ás actividades que, por suposto, son de balde.
Se coñecedes a algun rapaz ou rapaza de entre 8 a 12 anos de idade, interesado en participar nas actividades de Fontaíña comentadelles que se apunten chamando ao teléfono (679457222) da asociación.


Velaí tedes o calendario da primeiras actividades:

Sábado 8/11/08 de 10 a 13h na praia da Fontaíña e Baluarte (lugar de encontro: pasarela de madeira no lugar de Breadouro-Vao). Realizaremos un traballo de plantación de sementes de plantas do litoral galego, que logo medrarán no viveiro da asociación. Se sobra tempo limparemos a praia e arrincaremos plantas exóticas invasoras.

Sábado 29/11/08 de 9:50 a 13h (hora de remate aproximada) nos Montes de Teis-A Madroa (lugar de encontro: Praza dos Leóns, a carón do Vigozoo). Imos realizar unha plantación de árbores autóctonas nos montes desta parroquia, en colaboración coa Comunidade de Montes de Teis.
Nesta actividade tamén poderán participar os pais e familiares dos rapaces. (PRAZO INSCRICIÓN ATA O 24/11/09).



Sábado 13/12/07 de 10 a 13h en Cabo de Mar (lugar de encontro: Paseo de Samil, á altura do restaurante Dornas, perto da praia da Fonte). Traballaremos colocando barreiras para atrapar a area nas dunas, reparando o valado e arrincando flora exótica invasora.


Lembrade polo tanto que aqueles rapaces interesados en participar deben inscribirse canto antes, pois o número de prazas é limitado.

PATROCINADORES:


28/10/08

PROGRAMA DE MEDIO AMBIENTE - Novembro-Decembro 2008 - Convocatoria de actividades de voluntariado medioambiental



Sábado 29/11/08. Programa Devesas do Sur: Plantío forestal de árbores autóctonas nos Montes Comunais de Teis. MOI IMPORTANTE: Por mor do elevado número de participantes, pregámoslles a aqueles voluntarios que dispoñan dunha ferramenta forestal (tipo sacho/azada) e luvas propias, a leve dito día para o seu uso persoal. Aqueles que non teñán se lles facilitará ferramenta e luvas.
TRÁTASE DUNHA PLANTACIÓN BASTANTE GRANDE POLO QUE NECESITAREMOS MOITOS VOLUNTARIOS, ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR.
Horario: 9:45-13:00 h. Nº de prazas: 30.
Lugar de encontro: Praza dos Leóns, a carón de Vigozoo. (A liña de autobús C9B chega ata alí).

Xoves 20/11/08. Bricovoluntarios na Xunqueira do Lagares*. Eliminación de flora exótica invasora.
Horario: 16:30-18:00 h. Nº de prazas: 7.

Xoves 4/12/08. Bricovoluntarios na Xunqueira do Lagares*. Eliminación de flora exótica invasora.
Horario: 16:30-18:00 h. Nº de prazas: 7.

*Lugar de encontro e material necesario: Ponte de madeira no Lagares, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os seus traxes, botas de auga e luvas.
Para participar en tódalas actividades é obrigatorio:
a)Estar inscrito como voluntario/a na OMV (Oficina Municipal de Voluntariado) do Concello de Vigo: Pza. do Rei, s/n; '986810213;
ofi.voluntariado@vigo.org
b)Enviar a ficha de inscrición adxunta á OMV, dentro dos prazos sinalados.

Lembra que a OMV abona os teus desprazamentos ata o lugar da actividade mediante unha tarxeta de Vitrasa

27/10/08

ROTEIROS FORMATIVOS: O voluntariado ambiental e o bosque autóctono

Un dos aspectos máis salientables do recen estreado programa de medio ambiente da OMV é a inclusión dos chamados roteiros formativos, destinados a mellorar a formación e coñecementos dos voluntarios en materia de medio ambiente. O primeiro deles irá adicado á conservación dos bosques autóctonos de Galicia e servirá de preparación cara ao plantío forestal do 29 de novembro.

Programación:

Venres 14/11/08. 18:00-20:00h. Charla, acompañada de imaxes: “O voluntariado ambiental e o bosque autóctono”. Impartida por Afonso Rodríguez, experto forestal. Terá lugar na Sala de Reunións (1º andar) do Centro Cívico do Casco Vello (r/Oliva, nº 12, a carón da igrexa da Colexíata).

Domingo 16/11/08. 10:00-14:00h. Roteiro medioambiental polos Montes de Coruxo. A excursión será guiada por Afonso Rodríguez.
Haberá un microbús para trasladarse ata Coruxo que sairá as 10:00 da Pza. do Rei, pasando as 10:05h pola Pza. de América (C.Comercial Camelias). O bus regresará ás 14:00h á Pza. do Rei.


Inscricións na Oficina de Voluntariado do Concello de Vigo, ofi.voluntariado@vigo.org , tfno. 986810213.

A Oficina Municipal de Voluntariado inicia un programa de formación medioambiental en colaboración coa Asociación Fontaíña

(Nova publicada en xornal.vigo.org o día 20/10/08).

O edil de Participación Cidadá, Santos Héctor, presentou este luns as liñas principais do convenio asinado coa Asociación Fontaiña, polo que se formará aos voluntarios que o soliciten en medioambiente. Ata o momento, son xa 165 os apuntados para participar, aínda que está aberto a todos aqueles que queiran anotarse na Concellería. Algunhas das actividades son a vixilancia ambiental do litoral e do Lagares.

O concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor, e unha representante da Asociación Fontaíña, Cristal Fernández, presentaron este luns o convenio asinado entre ambas entidades, por valor de 6.000 euros, que formará ao voluntariado en criterios medioambientais. O programa está aberto a todos os que desexen incorporarse e ata o momento son 165 os voluntarios interesados neste proxecto que xa se apuntaron na Concellería de Participación Cidadá, dun total de 617 que están inscritos e participan en todo tipo de campos de actuación. As actividades a desenvolver mediante o convenio son a vixilancia ambiental no litoral e do río Lagares -análise de augas, detección de impactos ambientais, caracterización da vexetación...-, obradoiros polo litoral -limpezas, plantacións, eliminación de flora invasora, traballos de bricolaxe...- ou a "Operación Colilla" -recuperación do medio e ao mesmo tempo de concienciación cidadá, no que un grupo elevado de voluntarios limpa exhaustivamente con recolledores de cabichas a area de Fontaíña e Baluarte-. Segundo informou o edil socialista, tamén se incorporará unha nova liña de traballo baseada na conservación de masas forestais de interese ecolóxico situadas na bisbarra viguesa, e uns roteiros formativos para formar aos voluntarios do programa nos contidos conceptuais, procedementais e actitudinais, a desenvolver na súa labor como voluntarios. Santos Héctor mostrouse "moi satisfeito" pola participación da Asociación Fontaiña, colaboradores de forma altruísta, neste programa que permite ampliar a oferta de actividades para voluntarios no Concello. Pola súa banda, Cristal Fernández valorou a "receptividade" do departamento nas súas iniciativas e destacou que a formalización deste convenio lles permite elaborar un programa estable de actividades cara ao próximo ano e amplialo a máis zonas de actuación na cidade.

4/9/08

Proximamente… censo de aves

Comentarvos que o vindeiro domingo 14 de setembro realizaremos un censo de aves, correspondente ao paso migratorio posnupcial no que as aves se diríxen cara os lugares de invernada.
A actividade comezará ás 9h dende Cabo de Mar e rematará ás 13h na zona de Toralla. Os voluntarios interesados pódense anotar chamando ao tfno. 679457222 ou a través dun correo electrónico a fontainhavigo@yahoo.es

28/8/08

Actividade de recollida de sementes no litoral

O pasado 27 de agosto, voluntari@s da asociación levaron a cabo unha recollida de sementes de especies de litoral. Un ano máis percorremos a costa do Morrazo en busca de plantas autóctonas antes abondosas na costa viguesa, pero que agora están practicamente extinguidas. Así foron recollidas sementes de camariña, mapoula de praia, abruñeiro, estripeiro, trovisco, cardo de ribeira, cebola das gaivotas... Durante o outono estas especies serán levadas ó viveiro ou plantadas directamente na praia de Fontaíña, para deste xeito recuperar parte da biodiversidade perdida por mor da man do home. Xa vos iremos informando.

30/7/08

Primeiro achegamento aos Mtes. de Chaín

Despois de varias tentativas finalmente logrouse realizar un encontro entre representantes da Comunidade de Montes de Chaín (Gondomar) e da Asociación Fontaíña. O motivo do mesmo non era outro que o de coñecerse mutuamente e compartir ideas para poñer en marcha unha colaboración entre estas dúas entidades coa finalidade de desenvolver accións de conservación e recuperación dos bosques autóctonos, máis concretamente nos “cotos” (unhas formacións graníticas de peculiar xeoloxía, vexetación e etnografía) que inzan os montes desta parroquia do Val Miñor.

Na visita, o tesoureiro da comunidade de montes e unha veciña de Gondomar, autora dun estudo sobre os cotos, achegaronnos ata dúas destas formacións para coñecer o seu estado e problemática de conservación.
En vindeiras datas realizarase unha nova xuntanza para concretar xeitos de colaboración entre Fontaíña e a Comunidade de Montes de Chaín.

13/6/08

Festa de Fin de Curso Voz Natura

Co remate do curso escolar chega o intre de que todolos rapaces inscritos no concurso Voz Natura celebren e dean a coñecer o feito ao longo de nove meses.
O sábado 7 de xuño milleiros de rapaces e as súas familias achegáronse ata o Parque de Acea de Ama (Culleredo, Coruña) para participar na Festa Voz Natura.
Nela, ademais de desfrutar dunha chea de diversións e actividades educativas,os asistentes poideron coñecer a traves de diferentes exposicións o realizado polos nenos a través dos centros educativos ou como no noso caso de asociacións. Na imaxe superior podedes ver a exposición presentada por Fontaíña, consistente nun decorado con siluetas a tamaño case real dos nenos facendo tarefas medioambientais.
Xa polo serán procedeuse á entrega de galardóns e rematouse a xornada cun concerto do Xabarín Club.

Visita ao Parque Natural do Monte Aloia



O pasado sábado 31 de maio os rapaces e monitores do Programa Obradoiro da Natureza tivemos a sorte de poder coñecer, grazas ás explicacións de Jose Manuel, guía do parque, a natureza do Monte Aloia.

A visita iniciouse cun percorrido polo centro de interpretación, para posteriormente facer un roteiro dende a Senda Botánica ata a Poza de Cabanas. Despois dunha merecida comida e descanso, retomamos a visita facendo outra senda, a coñecida como Roteiro dos Muíños de Tripes.

Desde Fontaíña queremos agradecer a colaboración prestada polo personal do parque natural, e como non aos patrocinadores do Obradoiro da Natureza, que con esta actividade remata o curso 2007-2008. Retomaremos as actividades en setembro.


18/5/08

"Amigos da beiramar" achegará aos escolares vigueses ao medio litoral

O programa educativo “Amigos dá beiramar” é unha iniciativa medioambiental que levará a cabo a Asociación Fontaíña, baixo patrocinio de Attitudes (Iniciativa Social de Audi), que pretende dar a coñecer aos escolares vigueses o seu litoral, coa finalidade de que aprecien os seus valores naturais, culturais e problemática medioambiental.
Un dos ditos máis comúns entre a poboación local é que Vigo é unha cidade que vive de costas ao mar. Se ben a economía viguesa depende en grande parte da intensa actividade portuaria (mercancias, pesca, cruceiros, vela,…) tamén é verdade que o enorme desenvolvemento do porto creou unha barreira que dificulta a conexión dos habitantes da urbe co mar.
A asociación Fontaíña pretende achegar uns 20 centros educativos de 5º e 6º de Educación Primaria de Vigo (arredor de 600 escolares) a espazos naturais do seu litoral que coñecen como lugar de lecer (no verán sobre todo) pero descubríndolles os ecosistemas e seres vivos que neles habitan.
Plantéxanse os seguintes obxectivos para a campaña.
a) Compatibilizar a conservación do litoral co seu uso educativo.
b) Promover a participación escolar na defensa da natureza.
c) Dar a coñecer unha zona de interese ambiental nunha área intensamente urbanizada.
Os centros escolares que participen no proxecto realizarán as seguintes actividades:
a) Charla, acompañada de diapositivas, sobre o litoral de Vigo, duns 30 minutos de duración, seguida de coloquio. Entrega de material didáctico para traballar en clase.
b) Visita polo litoral vigués, cun percorrido desde Cabo de Mar (Alcabre) ata a Xunqueira do río Lagares (Coruxo) de algo menos de dúas horas de duración, acompañados por monitores. Ao longo do percorrido os participantes investigarán o medio natural, os aproveitamentos económicos de cada zona, os impactos medioambientais que causa a actividade humana, ademais de posibles solucións para conseguir un desenvolvemento sostible.c) Ao rematar a excursión realizarase un pequeno obradoiro de voluntariado ambiental na marisma da Xunqueira do Lagares no que se levarán a cabo diversas actividades, (segundo a época que sexa) como plantacións, eliminación de flora exótica invasora, análise da contaminación das augas, colocación de carteis sinalizadores ou limpeza de lixo.

Concretamente, o pasado venres 16 de Maio pola mañá, iniciaronse as actividades de Amigos dá Beiramar, coa participación do colexio CEIP Carrasqueira, escollido polo seu alto compromiso na conservación do contorno natural de Coruxo, con asistencia dos representantes de Attitudes e cunha presentación do programa aos medios de comunicación.

3/5/08

Artigo e entrevista sobor do Obradoiro da Natureza de Fontaíña


Vos achegamos un par de enlaces nos que se informa das actividades do grupo xuvenil da Asociación Fontaíña.

O primeiro é una entrevista no programa Voz Natura de Radio Voz que lle fixeron a Mónica Alcántara, responsable do Obradoiro da Natureza. Cliqueade na web de Voz Natura no programa do 23 de marzo. A entrevista comeza arredor do minuto 31 do programa.

A seguinte achega informativa é un artigo aparecido na revista Infoxove de abril. Atoparalo na páxina 16 da mesma.

Siluetas para a festa de Voz Natura


O pasado sábado 26 de abril a Asociación Fontaíña organizou un novo Obradoiro da Natureza cos rapaces do seu grupo xuvenil. A actividade, celebrada no Centro Cívico do Casco Vello, tiña como obxectivo a preparación da exposición dos traballos feitos nesta segunda participación no Concurso Voz Natura. Dita exposición poderá ollarse, xunto co resto de participantes (sobre todo colexios), na Festa Voz Natura que se celebrará o vindeiro 7 de xuño en Culleredo (A Coruña).
A exposición de Fontaíña estará feita coas siluetas en cartón (reutilizado) dos nenos, facendo os diferentes traballos levados a cabo ao longo destes meses (limpezas, caixas-niño, plantíos,…).
Como podedes apreciar polas imaxes os nenos da Asociación Fontaíña, pasaronno moi ben coloreandose a si mesmos.

15/4/08

Obradoiro da Natureza: Novas actividades do grupo xuvenil da Asociación Fontaíña

Informámosvos do calendario de actividades do Obradoiro da Natureza para o segundo trimestre de 2008:

Sábado 19/4/08 de 10 a 13h no Centro Cívico do Casco Vello (na rúa Oliva, nº 12, a carón da Igrexa da Colexiata). Obradoiro para a preparación e montaxe da exposición de Fontaíña que concursará na edición 2007-08 de Voz Natura. Nesta exposición aparecerán refrexados os traballos feitos polos rapaces a prol do litoral e os bosques da nosa bisbarra.


Sábado 31/5/08 de 10:15 a 18:45h. Excursión ao Parque Natural do Monte Aloia dacordo do seguinte programa:
10:15 Encontro dos participantes na parada de autobuses situada diante da Praza do Rei-Concello de Vigo (na Avda. das Camelias, perto dun quiosco). Recollida de autorizacións. Saída do microbús.
11:00 Chegada ao Centro de Visitantes do Mte. Aloia. Proxección dun audiovisual sobre o Parque Natural. Visita á exposición interactiva do centro.
12:00 Senda Botánica: xogo, por equipos, de coñecemento das árbores galegas.
13:00 Ascenso (en bus) ata a Poza de Cabanas e camiñando ata o alto de S. Xiao.
13:45 Interpretación da paisaxe desde os miradoiros.
14:00 Tempo libre para xantar. Descanso.
15:45 Descenso en bus ata a Área Recreativa de Circos (Pazos de Reis).
16:00 Realización do Sendeiro “Muíños de Tripes”.
18:00 Remate da visita ao P.N. Mte. Aloia. Regreso a Vigo.
18:45 Chegada a Vigo (Parada bus da Pza. do Rei).

Sábado 7/6/08 de 11 a 20h no Parque da Acea de Ama (Culleredo, Coruña). Festa Voz Natura, con xogos, inchables, concertos, exposición dos traballos realizados no concurso e moitas cousas máis. Voz Natura invita a esta festa a tódolos nenos participantes e aos seus familiares e amigos. Se estades interesados en asistir pola vosa conta tedes máis información sobre como chegar ata alí en internet
www.voznatura.es

Asemblea Xeral Extraordinaria

Pola presente, queda convocada a Asemblea Xeral Extraordinaria 2008 de Fontaíña, que terá lugar o vindeiro día 18 de abril ás 19:00 h. en primeira convocatoria e ás 19:30 h. en segunda no local da Asociación Cultural A Revolta, sito na rúa Real-nº32, Vigo, e coa seguinte proposta de orde do día:

1º) Lectura e aprobación, se procede, da acta da Asemblea Xeral anterior.
2º) Elección da Xunta Directiva da Asociación.
3º) Rogos e preguntas.


Os socios e socias que desexen delegar o seu voto noutro socio ou socia poden solicitar o envío do documento de delegación de voto en Asembleas Xerais de Fontaíña na súa dirección de correo electrónico.

9/4/08

Alternativas alimentarias para os liñaceiros

Tal e como levamos comentado nesta web, o control da expansión da margarida sudafricana Arctotheca calendula, unha especie bioinvasora dos ecosistemas litorais, ven sendo realizado de xeito regular e seguindo unha metodoloxía precisa nos sistemas dunares do Parque Litoral de Vigo, con especial incidencia nos areais de Baluarte e Fontaíña por ser os que se atopaban máis inzados desta especie. Polo que nos comenta Marga Rubido, a bióloga encargada dos traballos de control, os esforzos realizados polos voluntarios están a dar os seus froitos.

Nembargantes, a eliminación desta especie podería supoñer un atranco para as poboacións de liñaceiros que pasan boa parte do ano nesta franxa litoral, pois estes paxaros gostan moito de peteirar nas sementes e gromos desta planta, tal e como xa nos indicara un gameleiro da zona.

Para quen non coñeza esta ave, débese sinalar que o liñaceiro (Carduelis cannabina) é un paseriforme moi comun en campos, dunas e ermos. Resulta especialmente chamativo polo peito de cor vermella que presentan os machos da especie.
Coa finalidade de evitar unha perda de recursos alimentarios para esta especie iniciouse, ao mesmo tempo que se investigaba como controlar a Arctotheca, unha liña de traballo para fornecer os terreos de Fontaíña con plantas autóctonas do litoral que servisen de alimento a liñaceiros e xílgaros, paseriformes habituais nas invernadas das dunas galegas. A especie na que se está a traballar foi o cardo peiteador ou cardencha (Dipsacus fullonum), unha planta especialmente atractiva para os paxaros granívoros e que ademais resulta moi habitual das dunas fixas e terreos litorais; de feito os cardiños das imaxes adxuntas proceden de sementes colleitadas nas dunas de Liméns (Cangas do Morrazo) e cultivadas polos voluntarios da Asociación Fontaíña.

Os pequenos Dipsacus foron plantados o martes, 8 de abril, aproveitando o tempo tan chuvioso que está a acontecen neste comezo de mes. A partires de agora se realizará un seguimento dos exemplares repoboados para comprobar a súa supervivencia e utilidade como alimento para os liñaceiros da Fontaíña.

1/4/08

Loitando contra Arctotheca

O pasado 15 de marzo voluntarias da asociación Fontaíña continuaron coas tarefas de erradicación da margarida africana (Arctotheca calendula) na praia de Fontaíña. Este é o segundo ano de traballo e puidemos comprobar con agrado como esta especie exótica invasora ocupaba xa unha parte moi pequena da praia, en contraste co ano anterior. Logo dunha mañana de duro traballo e tres bolsas de lixo cheas desta planta, marchamos coa satisfacción de estar acadando o obxectivo previsto da súa eliminación na praia de Fontaíña.

10/3/08

Novo obradoiro medioambiental da Asociación Fontaíña

A asociación Fontaíña, unha entidade de voluntariado medioambiental organiza unha actividade de erradicación dunha planta exótica bionvasora no litoral de Vigo. Esta acción forma parte dun plan de traballo de varios anos de duración (esta é a segunda campaña de erradicación) integrado no programa Parque Litoral de Vigo, que ten como obxectivo a conservación de espazos de interese natural da costa viguesa, como por exemplo a praia de Fontaíña, a Xunqueira do Lagares ou Cabo de Mar.
A Arctotheca calendula é unha planta herbácea anual de flores amarelas moi vistosas, procedente do Sur de África. Alí habita en dunas e ambientes litorais, lugares alterados, cultivos e prados. Foi introducida no Sur de Europa e noutras rexións do mundo con clima cálido de xeito intencionado, como planta ornamental. A primeira cita desta especie en España é do ano 1925, nuns areais marítimos da provincia de Cádiz. Hoxe en día ten unha distribución marcadamente costeira, atopándose naturalizada en áreas litorais tanto do Mediterráneo coma do Cantábrico e Atlántico, onde pode chegar a ser localmente moi abondosa, cunha tendencia demográfica expansiva. Reprodúcese exclusivamente por semente, que produce en grandes cantidades e que son dispersadas polo vento.Pode aparecer tanto en áreas degradadas como en lugares de alto valor ecolóxico, e pode chegar a substituír total ou parcialmente á vexetación autóctona (de aí que estea catalogada como planta invasora). As actuacións de eliminación deben levarse a cabo antes da producción de sementes e teñen que ser repetidas durante varios anos seguidos, xa que as sementes poden permanecer moito tempo soterradas na area sen xerminar.
O vindeiro sábado 15 de marzo, en horario de 10:00 a 13:00, terá lugar na praia de Fontaíña (Coruxo-Vigo) a terceira actividade de eliminación da planta invasora Arctotheca. O pasado ano iniciouse o traballo sistematico de erradicación desta especie en diferentes parcelas a recuperar nas dunas de Fontaíña e Baluarte. As persoas interesadas en participar nesta actividade deben de inscribirse como voluntarios chamando por teléfono ou ben mandando un correo electrónico á asociación Fontaíña.

6/3/08

Asociación Fontaíña: actividades Marzo 2008

Deseguido vos informamos das vindeiras actividades da asociación Fontaíña ao longo do mes de marzo de 2008. Esperamos sexan do voso interese e vos animamos a participar.


Photobucket


  • Sábado 8/3/08 de 10 a 13h. Obradoiro da Natureza (para rapaces de 8 a 12 anos inscritos no grupo xuvenil* de Fontaíña) no tramo litoral Praia da Fontaíña-Xunqueira do Lagares (lugar de saída na praia de Fontaíña-Breadouro e lugar de chegada na ponte de madeira da Xunqueira do Lagares). Realizaremos un percorrido pola costa observando e debuxando animais e plantas que habitan neste ecosistema, para rematar a mañán cunha limpeza de residuos na foz do Lagares. Os rapaces teñen que traer lápices de cores, botas de auga e lubas de goma.
    Photobucket

*Aínda fican algunhas prazas libres no Obradoiro da Natureza xuvenil, polo que aqueles rapaces interesados en participar nas súas actividades (un sábado ao mes pola mañán) so teñen que anotarse contactando con Fontaíña.


Photobucket


  • Sábado 15/3/08 de 10-13h. Obradoiro polo Litoral na praia de Fontaíña: erradicación manual da planta exótica invasora Arctotheca calendula. Voluntarios necesarios: 15 prazas.

Calquera persoa que desexe participar so ten que inscribirse un día antes de cada actividade por calquera destas vías (indicar nome e teléfono de contacto):

Mandando un e-mail a
fontainhavigo@yahoo.es

Enviando un SMS ao teléfono móbil 679457222.

Chamando ao citado teléfono e anotándose.

Inscribíndose na Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo (Tfno. 986810213).

25/2/08

Unha xornada de voluntariado a prol dos bosques autóctonos en Teis-Vigo

O pasado sábado, vintetrés de febreiro, arredor de oitenta persoas participaron nunha actividade de plantación de árbores autóctonas na ladeira sur do Monte da Madroa, na parroquia de Teis (Vigo).
O plantío formaba parte do plan de traballo de recuperación forestal que, desde a súa creación en 1998, está a levar adiante a Comunidade de Montes de Teis. A filosofía destes comuneiros oriéntase cara a formación nos montes dun ecosistema de bosque caducifolio, identificada a nivel local como carballeira termófila, mediante a eliminación das especies exóticas (especialmente a acacia negra) que inzan o monte por mor das repoboacións forestais do pasado século e a súa substitución progresiva por especies autóctonas de maior interese ecolóxico, ademais do fomento da biodiversidade (conservación de regueiras e regatos ou microhábitats como tocos de carballo para que poidan reproducirse neles as "máxicas" vacalouras).
As dez da mañán os voluntarios, xentes de diferentes entidades (da propia Comunidade de Montes de Teis, de Verdegaia ou da asociación Fontaíña, incluída a súa rapazada do Obradoiro da Natureza -programa Voz Natura-), xuntáronse no Parque Forestal da Madroa e recibiron unha detallada explicación de como realizar correctamente a súa labor, de xeito que os carballos, avelairas e bidueiras plantados nunha parcela de hectárea e media, limpada de acacias previamente, poidesen medrar con éxito nos vindeiros anos.
Ao longo da mañán de voluntarios, distribuidos en parellas e cun monitor para cada media ducia delas, foron plantando as arboriñas nos buratos xa feitos previamente pola organización, para logo colocarlle a cada unha un titor que axudará a localizala e coidala, pois en vindeiros días, está previsto rematar os traballos do plantío, con tarefas de fertilización e colocación dunha malla protectora.
As doce e media douse por rematada a xornada de traballo, contabilizándose máis de cincocentas arboriñas plantadas, que esperamos que dentro dunha década amosen as súas cambiantes cores de carballeira galega. Posteriormente, os participantes foron agasallados pola Comunidade de Montes de Teis cun aperitivo que permitiu recuperar enerxías despois do esforzo. Algo semellante aconteceulles aos humildes carballos á mañán seguinte grazas as chuvias caídas, precisamente o día de San Modesto.
Dende a asociación Fontaíña queremos felicitar á Comunidade de Montes de Teis, coa que gostaríamos de seguir colaborando, tanto pola boa organización da actividade do plantío coma polo traballo realizado dende a súa fundación a prol dos bosques galegos.

12/2/08

Asociación Fontaíña: Actividades Febreiro 2008



Este vai ser o o calendario de actividades de Fontaíña para o mes de febreiro. Agardamos sexa do voso interese e vos animamos a participar.

Venres 22/2. Asemblea Xeral Ordinaria de Fontaíña, que terá lugar ás 19:00 h. en primeira convocatoria e ás 19:30 h. en segunda no local da Asociación Cultural A Revolta, sito na rúa Real-nº32, Vigo.


Sábado 23/2 de 10 a 13h no Monte da Madroa (lugar de encontro: Praza dos Leóns, a carón do Vigozoo). Plantación de árbores autóctonas nos montes desta parroquia, en colaboración coa Comunidade de Montes de Teis. Voluntarios necesarios: 30 prazas. Sería necesario que aqueles participantes que dispoñan dalgunha ferramenta para plantar árbores (sacho, legón, laia ou similar) a leven á actividade. OLLO¡ O prazo de inscrición para esta actividade rematará o domingo 17 de febreiro.

Martes 26/2, 10:30-13h. Bricovoluntarios na Xunqueira do Lagares*: limpeza de lixo e reparación de carteis sinalizadores. Voluntarios necesarios: 7 prazas.

Venres 29/2, 10:30-13:00. Bricovoluntarios na Xunqueira do Lagares*: limpeza de lixo e reparación de carteis sinalizadores. Voluntarios necesarios: 7 prazas.

Calquera persoa que desexe participar so ten que inscribirse un día antes de cada actividade por calquera destas vías (indicar nome e teléfono de contacto):

Mandando un e-mail a
fontainhavigo@yahoo.es

Enviando un SMS ao teléfono móbil 679457222.

Chamando ao citado teléfono e anotándose.

Inscribíndose na Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo (Tfno. 986810213).

*Para as actividades na Xunqueira do Lagares o punto de encontro dos voluntarios será na ponte de madeira do Paseo Peonal. Nesta marisma os voluntarios teñen que traer sempre lubas, botas de goma e traxe de augas. En caso de que non teñan dito material podenno solicitar (indicando talla) no intre da inscrición.

8/1/08

Asociación Fontaíña: actividades xaneiro 2008

Venres 11/1, 10-13h. Bricovoluntarios na Xunqueira do Lagares*: limpeza de flora exótica e reparación de carteis sinalizadores. Voluntarios necesarios: 7 prazas.

Sábado 12/1, 10-13h. Obradoiro polo Litoral na Xunqueira do Lagares: plantío de arbores autóctonas en colaboración coa asociación Verdegaia. Voluntarios necesarios: 15 prazas.

Domingo 13/1, 9-13h. Censo de aves acuáticas (invernada). Lugar de saída en Cabo de Mar (Samil), rematando na praia do Vao. Voluntarios necesarios: 5 prazas.

Martes 15/1, 10-13h. Bricovoluntarios na Xunqueira do Lagares: remate plantíos de árbores e limpeza de lixo. Voluntarios necesarios: 7 prazas.

Venres 25/1, 10-13h. Vixianza ambiental na Xunqueira do Lagares: percorrido pola marisma para localiza impactos ambientais, realizar unha análise das augas e investigar a fauna presente nos fangos intermareais. Voluntarios necesarios: 5 prazas.

Sábado 26/1, 10-13h. Obradoiro da Natureza (actividade dirixida aos nenos inscritos na sección infantil de Fontaíña): Colocación de caixas-niño construídas no derradeiro obradoiro e roteiro ecolóxico (con limpeza de lixo incluída). O lugar de celebración será no sendeiro do río Eifonso (Bembrive-Beade).


Calquera persoa que desexe participar so ten que inscribirse un día antes de cada actividade por calquera destas vías (indicar nome e teléfono de contacto):

Mandando un e-mail a
fontainhavigo@yahoo.es

Enviando un SMS ao teléfono móbil 679457222.

Chamando ao citado teléfono e anotándose.

Inscribíndose na Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo (Tfno. 986810213).

*Para as actividades na Xunqueira do Lagares o punto de encontro dos voluntarios será na ponte de madeira do Paseo Peonal. Nesta marisma os voluntarios teñen que traer sempre lubas, botas de goma e traxe de augas. En caso de que non teñan dito material podenno solicitar (indicando talla) no intre da inscrición.