Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



16/12/18

Convocatoria da vindeira actividade de Fontaíña


 
O vindeiro mércores 19 de decembro pola mañá (de 11 a 13 h.) realizarase unha nova actividade de voluntariado ambiental nas dunas da Praia de Fontaíña e Baluarte (Coruxo) para conmemorar o o XXV aniversario do comezo das labouras de restauración ambiental das dunas de Fontaíña e Baluarte e na que as persoas asistentes levarán a cabo tarefas de limpeza, erradicación de flora exótica e reparación dos soportes do itinerario autoguiado de interpretación ambiental presente nesta fermosa duna.

O lugar de encontro serán as dunas da Praia de Fontaíña e Baluarte ás 11:00 h.

O número de prazas é limitado (5 voluntarios/as).

Nesta actividade os e as participantes irán acompañados por un monitor da asociación Fontaíña que explicará e coordenará as tarefas a levar a cabo.

As persoas interesadas teñen que apuntarse no correo electrónico diegodalimia@gmail.com indicando o número de teléfono.

É recomendable levar roupa e calzado cómodos.

Deste xeito rematamos cun ano de actividades para celebrar o XXV aniversario do comezo das labouras de restauración ambiental das dunas de Fontaíña e Baluarte. Cómpre lembrar que cando comezamos traballar neste interesante ecosistema dunar atopábase nun estado de degradación moi avanzado e agora, tras as tarefas de restauración, forma parte do Espazo Natural de Interese Local “Complexo duna-areal dos areais do Bao e Baluarte”. Daquela case que non había experiencias de restauración dunar en Galicia polo que o proxecto foi pioneiro ó mesmo tempo que moi valioso e exemplificante. Tras vintecinco anos de esforzo continuado, o proxecto ben se mereceu unha celebración.
 

Ademais desta actividade, ó longo do ano proseguimos cos traballos de restauración ambiental nos tres espazos naturais onde habitualmente traballamos: areais e dunas de Fontaíña e Baluarte, areal e dunas de Cabo de Mar e Xunqueira do Lagares e organizamos outras actividades como roteiros, limpezas, os xa tradicionais censos de aves acuáticas,…

E, como sempre, queremos agradecer a inestimable colaboración de todos aqueles que fixeron posible o noso traballo de restauración ambiental e voluntariado nestes 25 anos. Moitas grazas e vémonos nas dunas!