Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



15/4/08

Obradoiro da Natureza: Novas actividades do grupo xuvenil da Asociación Fontaíña

Informámosvos do calendario de actividades do Obradoiro da Natureza para o segundo trimestre de 2008:

Sábado 19/4/08 de 10 a 13h no Centro Cívico do Casco Vello (na rúa Oliva, nº 12, a carón da Igrexa da Colexiata). Obradoiro para a preparación e montaxe da exposición de Fontaíña que concursará na edición 2007-08 de Voz Natura. Nesta exposición aparecerán refrexados os traballos feitos polos rapaces a prol do litoral e os bosques da nosa bisbarra.


Sábado 31/5/08 de 10:15 a 18:45h. Excursión ao Parque Natural do Monte Aloia dacordo do seguinte programa:
10:15 Encontro dos participantes na parada de autobuses situada diante da Praza do Rei-Concello de Vigo (na Avda. das Camelias, perto dun quiosco). Recollida de autorizacións. Saída do microbús.
11:00 Chegada ao Centro de Visitantes do Mte. Aloia. Proxección dun audiovisual sobre o Parque Natural. Visita á exposición interactiva do centro.
12:00 Senda Botánica: xogo, por equipos, de coñecemento das árbores galegas.
13:00 Ascenso (en bus) ata a Poza de Cabanas e camiñando ata o alto de S. Xiao.
13:45 Interpretación da paisaxe desde os miradoiros.
14:00 Tempo libre para xantar. Descanso.
15:45 Descenso en bus ata a Área Recreativa de Circos (Pazos de Reis).
16:00 Realización do Sendeiro “Muíños de Tripes”.
18:00 Remate da visita ao P.N. Mte. Aloia. Regreso a Vigo.
18:45 Chegada a Vigo (Parada bus da Pza. do Rei).

Sábado 7/6/08 de 11 a 20h no Parque da Acea de Ama (Culleredo, Coruña). Festa Voz Natura, con xogos, inchables, concertos, exposición dos traballos realizados no concurso e moitas cousas máis. Voz Natura invita a esta festa a tódolos nenos participantes e aos seus familiares e amigos. Se estades interesados en asistir pola vosa conta tedes máis información sobre como chegar ata alí en internet
www.voznatura.es

Asemblea Xeral Extraordinaria

Pola presente, queda convocada a Asemblea Xeral Extraordinaria 2008 de Fontaíña, que terá lugar o vindeiro día 18 de abril ás 19:00 h. en primeira convocatoria e ás 19:30 h. en segunda no local da Asociación Cultural A Revolta, sito na rúa Real-nº32, Vigo, e coa seguinte proposta de orde do día:

1º) Lectura e aprobación, se procede, da acta da Asemblea Xeral anterior.
2º) Elección da Xunta Directiva da Asociación.
3º) Rogos e preguntas.


Os socios e socias que desexen delegar o seu voto noutro socio ou socia poden solicitar o envío do documento de delegación de voto en Asembleas Xerais de Fontaíña na súa dirección de correo electrónico.

9/4/08

Alternativas alimentarias para os liñaceiros

Tal e como levamos comentado nesta web, o control da expansión da margarida sudafricana Arctotheca calendula, unha especie bioinvasora dos ecosistemas litorais, ven sendo realizado de xeito regular e seguindo unha metodoloxía precisa nos sistemas dunares do Parque Litoral de Vigo, con especial incidencia nos areais de Baluarte e Fontaíña por ser os que se atopaban máis inzados desta especie. Polo que nos comenta Marga Rubido, a bióloga encargada dos traballos de control, os esforzos realizados polos voluntarios están a dar os seus froitos.

Nembargantes, a eliminación desta especie podería supoñer un atranco para as poboacións de liñaceiros que pasan boa parte do ano nesta franxa litoral, pois estes paxaros gostan moito de peteirar nas sementes e gromos desta planta, tal e como xa nos indicara un gameleiro da zona.

Para quen non coñeza esta ave, débese sinalar que o liñaceiro (Carduelis cannabina) é un paseriforme moi comun en campos, dunas e ermos. Resulta especialmente chamativo polo peito de cor vermella que presentan os machos da especie.
Coa finalidade de evitar unha perda de recursos alimentarios para esta especie iniciouse, ao mesmo tempo que se investigaba como controlar a Arctotheca, unha liña de traballo para fornecer os terreos de Fontaíña con plantas autóctonas do litoral que servisen de alimento a liñaceiros e xílgaros, paseriformes habituais nas invernadas das dunas galegas. A especie na que se está a traballar foi o cardo peiteador ou cardencha (Dipsacus fullonum), unha planta especialmente atractiva para os paxaros granívoros e que ademais resulta moi habitual das dunas fixas e terreos litorais; de feito os cardiños das imaxes adxuntas proceden de sementes colleitadas nas dunas de Liméns (Cangas do Morrazo) e cultivadas polos voluntarios da Asociación Fontaíña.

Os pequenos Dipsacus foron plantados o martes, 8 de abril, aproveitando o tempo tan chuvioso que está a acontecen neste comezo de mes. A partires de agora se realizará un seguimento dos exemplares repoboados para comprobar a súa supervivencia e utilidade como alimento para os liñaceiros da Fontaíña.

1/4/08

Loitando contra Arctotheca

O pasado 15 de marzo voluntarias da asociación Fontaíña continuaron coas tarefas de erradicación da margarida africana (Arctotheca calendula) na praia de Fontaíña. Este é o segundo ano de traballo e puidemos comprobar con agrado como esta especie exótica invasora ocupaba xa unha parte moi pequena da praia, en contraste co ano anterior. Logo dunha mañana de duro traballo e tres bolsas de lixo cheas desta planta, marchamos coa satisfacción de estar acadando o obxectivo previsto da súa eliminación na praia de Fontaíña.