Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



9/7/26

9-7-26. Resumo da actividade do inventario de exemplares de herba das pampas na Xunqueira do Lagares





O xoves 6 de xullo pola mañán, un grupo de persoas voluntarias participou nunha actividade de inventariado de flora exótica invasora na Xunqueira do Lagares.

O obxectivo da actividade era localizar, na Xunqueira do Lagares, os exemplares que aínda quedan da planta coñecida como plumeiro ou herba das pampas, de nome científico Cortaderia selloana


Trátase dunha especie de planta exótica (orixinaria de America do Sur) de marcado caracter invasor que está incluída no Catálogo Nacional de Especies Exóticas Invasoras e sobre a que se están realizando programas e experiencias de erradicación e control en diferentes lugares e por parte de distintas entidades e administracións (p.ex. MITECO).

A asociación Fontaíña leva a cabo, desde hai anos, traballos de contro e de erradicación deste especie invasora, con resultados positivos. Na actualidade, aínda hai exemplares en terreos perimetrais á propia marisma (con algún exemplar aillado na zona húmida). O obxectivo é a súa erradicación nun prazo de tempo de 1 ano.

Na actividade realizada, as persoas voluntarias buscaron exemplares, os clasificaban en tamaños, sacaban fotos das plantas e as xeolocalizaban. A idea é ir retirando os de menor tamaño no verán nunha proxíma actividade e no caso dos exemplares maiores eliminarlle as espigas este outono, para evitar que sigan inzando o terreo, e posteriomente, con tempo e ferramentas axeitadas, eliminalos fisicamente.

O voluntariado participante localizou na Xunqueira do Lagares un total de 9 lugares con individuos aillados ou grupos, que sumaron uns 35 exemplares, aproximadamente dez deles de talla grande.



3/7/26

Convocatoria de actividade: 9-7-26 Inventario de exemplares de herba das pampas na Xunqueira do Lagares

 A Xunqueira do Lagares é unha marisma situada na foz do río Lagares. Trátase dun espazo de grande valor ecolóxico, e que serve de refuxio a numerosas aves migradoras. Ademais, ten valor histórico pola presenza dos restos dunha saíña do SXVIII.

A planta Cortaderia selloana (Herba das pampas) é unha especie de orixe sudamericana que está incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras.  A planta está presente en Galicia desde os anos oitenta do século XX polo seu uso ornamental. Pouco a pouco os exemplares foron naturalizándose e espallandose polas zonas costeiras ata se converter nun problema pola ocupación de áreas de vexetación natural de valor ecolóxico, como por exemplo as marismas. Actualmente segue a estar presente en numerosas zonas do municipio de Vigo, especialmente en terreos  abertos, baldíos e marxes de estradas. 


A Asociación Fontaíña está a controlar o inzamento desta especie na Xunqueira do Lagares mediante a xeolocalización e eliminación dos exemplares asentados, retirada das espigas para evitar o espallamento das sementes e controlando regularmente as novas plantas que nacen cada ano. Polo de agora os resultados están sendo moi positivos e unha vez que se remate co control da herba das pampas na propia Xunqueira do Lagares se pasaría a unha segunda fase, de inventariado dos exemplares que inzan terreos públicos e privados na contorna e viais que bordean a Xunqueira do Lagares, para reclamar ás administracións públicas que acometan medidas de erradicación.

O vindeiro xoves 9 de xullo de 2026, de 9:00 a 11:30 horas, a Asociación Fontaíña organiza unha actividade de voluntariado ecolóxico na Xunqueira do Lagares, na que poderán participar un total de 3 persoas acompañadas dunha monitora. Nela se localizarán e fotografiaran exemplares da bioinvasora herba das pampas (Cortaderia selloana) coa finalidade realizar posteriormente o control das plantas (eliminando espigas na época de floración -outono- e retirando fisicamente os exemplares ó longo do ano). Estas actividades de Fontaíña na Xunqueira do Lagares contan co patrocinio do programa de apadriñamento de espazos naturais organizado polo Programa Libera (SEO-Birdlife e Ecoembes). 


A asociación facilitará ó voluntariado a formación previa, auga, ademais dun seguro de accidentes e de responsabilidade civil. 
Os participantes deben levar pantalóns longos(imos camiñar por terreos con vexetación herbácea alta), calzado pechado (nunca sandalias ou chanclas) e gorra (para protección solar). 

O traballo das persoas voluntarias será dirixido por persoal de Fontaíña. 

Para esta actividade é imprescindible apuntarse previamente, mediante o envío dun correo electrónico a 

fontainhavigo@yahoo.es 

indicando os seguintes datos:
Nome participante/s
Tfno. de contacto
Os menores de 16 años deberán participar acompañados dun adulto que se faga cargo deles;  os menores de 16 a 18 anos poderán participar sós previa autorización dos seus pais ou titores (Enlace descarga documento autorización).

Lugar de encontro: Ponte de madeira do Lagares, na estrada Muíños-Samil.