Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



23/5/26

17-5-26 Resumo do roteiro formativo "Intermareal de cabo Estai"

Na mañán do sábado 17 de maio de 2026, aproveitamos unha boa baixamar para realizar unha visita á costa rochosa de cabo Estai (Vigo) e coñecer a ecoloxía do medio intermareal.

Un grupo de 12 persoas voluntarias, guiadas polo naturalista e licenciado en Ccias. do Mar, Roberto Costas (o apelido quedalle perfecto, polo moito que sabe do litoral, a verdade), percorreu as rochas da franxa intermareal para coñecer a riqueza deste esquecido hábitat.

A actividade comezou cunha introducción sobre as mareas e as franxas de zonación de organismos segundo factores ambientais de diferente tipo (salinidade, radiación, ondaxe, tipo de roca, relevo do fondo mariño,...).

Posteriormente, fomos achegándonos desde a praia ata a liña onde o mar baixara, parándonos en diferentes tipos de ambientes (pozas, pedras emerxidas, canles, plataformas, "bosques" de algas laminarias,"pradarías" de verza de mar...).

En cada un deles sempre agardaba algunha sorpresa en forma de ser vivo, do que Roberto se encargaba de contarnos toda clase de detalles sobre a súa bioloxía, anatomía, fisioloxía, comportamento, interaccións ou ameazas de conservación. 

Un luxo de explicacións, que aproveitamos ó máximo. As preguntas, dúbidas, exclamacións e fotografías non paraban de sucederse.

Sen dúbida, quedaremos coa lembranza das ofiuras negras, o carallo de mar expulsando uns fíos xelatinosos do seu corpo para defenderse cando sentía que o íamos comer, as actinias (que de animaliños tranquiliños, nada de nada), un fermoso polbo que agardemos non caia nas mans dos furtivos que andan arrasando esta marabilla de costa ou os simpáticos lorchos mestres da supervivencia na baixamar.

Sen esquecernos da enorme variedade de algas (cistoseira, laminarias, verza do mar, coralinas), que no caso dalgunha especie serviu para facer unha cata gastronómica.

Non podemos deixar de mencionar o espectacular mundo dos animais "acoirazados". A pulga Gammarus locusta, o ourizo de mar cos seus pedicelos, lanterna de Aristóteles e sombriña anti-raios ultavioleta. As diferentes especies de arneiróns e o seu peculiar sistema de reproducción ou a enorme variedade de moluscos que habitan este medio (lapas, poliplacóforos, caramuxos, e moitos máis...). Sen esquecernos da estrelamar Marthasterias glacialis, un depredador eficaz como puidemos comprobar.

Incluso nas zonas máis alonxadas da preamar hai vida; como as pozas cheas de auga de chuvia e salinizadas polos aerosois mariños, nas que habitan diminutos copépodos, zona na que tamén vive o lique Xantoria. Outra lique identificado foi o Lychina pigmaea, que colorea dunha fermosa negrura moitas rochas da zona entre mareas.

Rematamos a visita cunha posta en común sobre o visto e aprendido nunha productiva xornada de formación do voluntariado ambiental.

Desde a Asociación Fontaíña agradecemos o esforzo e interese posto por Roberto Costas nesta visita e agardamos que haxa unha nova ocasión para seguir desfrutando do medio intermareal e do seu saber.

Anexo: Lista de especies identificadas e comentadas na visita (vimos máis pero as catro horas de visita -eran tres en prinicipio- xa non daban para mais).















No hay comentarios: