O sábado 1/9/18, pola mañán, dous voluntarios da Asociación Fontaíña limparon de cabichas de tabaco os areais de Baluarte e Fontaíña. En total retiraron 0,75 kg deste tipo de pequeno residuo (xunto con outros restos coma pequenos fragmentos de plástico).
As cabichas ou colillas son un tipo de lixo que con frecuencia se atopan contaminando a area das praias. Por desgraza hai bañistas fumadores que as deixan na area e as cabichas permanecen nela durante anos.
Ademais, moitas veces os servizos de limpeza optan por pasar pola praia un tractor cunha peneira mecánica para poder retiralas. Sen embargo, esta medida en principio positiva, tamén elimina restos orgánicos (algas, follas, madeira,...) ou mata a moitos seres vivos (pulgas de area, sementes de plantas dunares,...), co cal supón un impacto negativo na praia, especialmente se falamos de areais de alto valor ecolóxico como acontece con Baluarte e Fontaíña, que posúen un pequeno sistema dunar, parte del pertecente ó Espazo Natural de Interese Local (ENIL) "Dunas do Vao".
De feito, grazas á limpeza manual de cabichas que realiza Fontaíña e de lixo que fai o servizo de limpeza do Concello de Vigo evítase ter que usar maquinaria para peneirar a area nesta dúas praias.
Con posterioridade á recollida repartironse cabicheiros entre os bañistas para conciencialos da importancia da súa colaboración no limpeza da praia.
Como remate desta nova, a Asociación Fontaíña quere facer pública o inicio dunha campaña para conseguir que estas duas praias de grande valor ambiental sexan declaradas "PRAIAS SEN FUME" por parte da Consellería de Sanidade e o Concello de Vigo.
Parabéns ós voluntarios polo seu esforzo¡
No hay comentarios:
Publicar un comentario