Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



9/4/08

Alternativas alimentarias para os liñaceiros

Tal e como levamos comentado nesta web, o control da expansión da margarida sudafricana Arctotheca calendula, unha especie bioinvasora dos ecosistemas litorais, ven sendo realizado de xeito regular e seguindo unha metodoloxía precisa nos sistemas dunares do Parque Litoral de Vigo, con especial incidencia nos areais de Baluarte e Fontaíña por ser os que se atopaban máis inzados desta especie. Polo que nos comenta Marga Rubido, a bióloga encargada dos traballos de control, os esforzos realizados polos voluntarios están a dar os seus froitos.

Nembargantes, a eliminación desta especie podería supoñer un atranco para as poboacións de liñaceiros que pasan boa parte do ano nesta franxa litoral, pois estes paxaros gostan moito de peteirar nas sementes e gromos desta planta, tal e como xa nos indicara un gameleiro da zona.

Para quen non coñeza esta ave, débese sinalar que o liñaceiro (Carduelis cannabina) é un paseriforme moi comun en campos, dunas e ermos. Resulta especialmente chamativo polo peito de cor vermella que presentan os machos da especie.
Coa finalidade de evitar unha perda de recursos alimentarios para esta especie iniciouse, ao mesmo tempo que se investigaba como controlar a Arctotheca, unha liña de traballo para fornecer os terreos de Fontaíña con plantas autóctonas do litoral que servisen de alimento a liñaceiros e xílgaros, paseriformes habituais nas invernadas das dunas galegas. A especie na que se está a traballar foi o cardo peiteador ou cardencha (Dipsacus fullonum), unha planta especialmente atractiva para os paxaros granívoros e que ademais resulta moi habitual das dunas fixas e terreos litorais; de feito os cardiños das imaxes adxuntas proceden de sementes colleitadas nas dunas de Liméns (Cangas do Morrazo) e cultivadas polos voluntarios da Asociación Fontaíña.

Os pequenos Dipsacus foron plantados o martes, 8 de abril, aproveitando o tempo tan chuvioso que está a acontecen neste comezo de mes. A partires de agora se realizará un seguimento dos exemplares repoboados para comprobar a súa supervivencia e utilidade como alimento para os liñaceiros da Fontaíña.

No hay comentarios: