Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



10/3/08

Novo obradoiro medioambiental da Asociación Fontaíña

A asociación Fontaíña, unha entidade de voluntariado medioambiental organiza unha actividade de erradicación dunha planta exótica bionvasora no litoral de Vigo. Esta acción forma parte dun plan de traballo de varios anos de duración (esta é a segunda campaña de erradicación) integrado no programa Parque Litoral de Vigo, que ten como obxectivo a conservación de espazos de interese natural da costa viguesa, como por exemplo a praia de Fontaíña, a Xunqueira do Lagares ou Cabo de Mar.
A Arctotheca calendula é unha planta herbácea anual de flores amarelas moi vistosas, procedente do Sur de África. Alí habita en dunas e ambientes litorais, lugares alterados, cultivos e prados. Foi introducida no Sur de Europa e noutras rexións do mundo con clima cálido de xeito intencionado, como planta ornamental. A primeira cita desta especie en España é do ano 1925, nuns areais marítimos da provincia de Cádiz. Hoxe en día ten unha distribución marcadamente costeira, atopándose naturalizada en áreas litorais tanto do Mediterráneo coma do Cantábrico e Atlántico, onde pode chegar a ser localmente moi abondosa, cunha tendencia demográfica expansiva. Reprodúcese exclusivamente por semente, que produce en grandes cantidades e que son dispersadas polo vento.Pode aparecer tanto en áreas degradadas como en lugares de alto valor ecolóxico, e pode chegar a substituír total ou parcialmente á vexetación autóctona (de aí que estea catalogada como planta invasora). As actuacións de eliminación deben levarse a cabo antes da producción de sementes e teñen que ser repetidas durante varios anos seguidos, xa que as sementes poden permanecer moito tempo soterradas na area sen xerminar.
O vindeiro sábado 15 de marzo, en horario de 10:00 a 13:00, terá lugar na praia de Fontaíña (Coruxo-Vigo) a terceira actividade de eliminación da planta invasora Arctotheca. O pasado ano iniciouse o traballo sistematico de erradicación desta especie en diferentes parcelas a recuperar nas dunas de Fontaíña e Baluarte. As persoas interesadas en participar nesta actividade deben de inscribirse como voluntarios chamando por teléfono ou ben mandando un correo electrónico á asociación Fontaíña.

No hay comentarios: