Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es
Tfno.: 679457222



25/2/08

Unha xornada de voluntariado a prol dos bosques autóctonos en Teis-Vigo

O pasado sábado, vintetrés de febreiro, arredor de oitenta persoas participaron nunha actividade de plantación de árbores autóctonas na ladeira sur do Monte da Madroa, na parroquia de Teis (Vigo).
O plantío formaba parte do plan de traballo de recuperación forestal que, desde a súa creación en 1998, está a levar adiante a Comunidade de Montes de Teis. A filosofía destes comuneiros oriéntase cara a formación nos montes dun ecosistema de bosque caducifolio, identificada a nivel local como carballeira termófila, mediante a eliminación das especies exóticas (especialmente a acacia negra) que inzan o monte por mor das repoboacións forestais do pasado século e a súa substitución progresiva por especies autóctonas de maior interese ecolóxico, ademais do fomento da biodiversidade (conservación de regueiras e regatos ou microhábitats como tocos de carballo para que poidan reproducirse neles as "máxicas" vacalouras).
As dez da mañán os voluntarios, xentes de diferentes entidades (da propia Comunidade de Montes de Teis, de Verdegaia ou da asociación Fontaíña, incluída a súa rapazada do Obradoiro da Natureza -programa Voz Natura-), xuntáronse no Parque Forestal da Madroa e recibiron unha detallada explicación de como realizar correctamente a súa labor, de xeito que os carballos, avelairas e bidueiras plantados nunha parcela de hectárea e media, limpada de acacias previamente, poidesen medrar con éxito nos vindeiros anos.
Ao longo da mañán de voluntarios, distribuidos en parellas e cun monitor para cada media ducia delas, foron plantando as arboriñas nos buratos xa feitos previamente pola organización, para logo colocarlle a cada unha un titor que axudará a localizala e coidala, pois en vindeiros días, está previsto rematar os traballos do plantío, con tarefas de fertilización e colocación dunha malla protectora.
As doce e media douse por rematada a xornada de traballo, contabilizándose máis de cincocentas arboriñas plantadas, que esperamos que dentro dunha década amosen as súas cambiantes cores de carballeira galega. Posteriormente, os participantes foron agasallados pola Comunidade de Montes de Teis cun aperitivo que permitiu recuperar enerxías despois do esforzo. Algo semellante aconteceulles aos humildes carballos á mañán seguinte grazas as chuvias caídas, precisamente o día de San Modesto.
Dende a asociación Fontaíña queremos felicitar á Comunidade de Montes de Teis, coa que gostaríamos de seguir colaborando, tanto pola boa organización da actividade do plantío coma polo traballo realizado dende a súa fundación a prol dos bosques galegos.

No hay comentarios: