Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es
Tfno.: 679457222



27/10/08

A Oficina Municipal de Voluntariado inicia un programa de formación medioambiental en colaboración coa Asociación Fontaíña

(Nova publicada en xornal.vigo.org o día 20/10/08).

O edil de Participación Cidadá, Santos Héctor, presentou este luns as liñas principais do convenio asinado coa Asociación Fontaiña, polo que se formará aos voluntarios que o soliciten en medioambiente. Ata o momento, son xa 165 os apuntados para participar, aínda que está aberto a todos aqueles que queiran anotarse na Concellería. Algunhas das actividades son a vixilancia ambiental do litoral e do Lagares.

O concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor, e unha representante da Asociación Fontaíña, Cristal Fernández, presentaron este luns o convenio asinado entre ambas entidades, por valor de 6.000 euros, que formará ao voluntariado en criterios medioambientais. O programa está aberto a todos os que desexen incorporarse e ata o momento son 165 os voluntarios interesados neste proxecto que xa se apuntaron na Concellería de Participación Cidadá, dun total de 617 que están inscritos e participan en todo tipo de campos de actuación. As actividades a desenvolver mediante o convenio son a vixilancia ambiental no litoral e do río Lagares -análise de augas, detección de impactos ambientais, caracterización da vexetación...-, obradoiros polo litoral -limpezas, plantacións, eliminación de flora invasora, traballos de bricolaxe...- ou a "Operación Colilla" -recuperación do medio e ao mesmo tempo de concienciación cidadá, no que un grupo elevado de voluntarios limpa exhaustivamente con recolledores de cabichas a area de Fontaíña e Baluarte-. Segundo informou o edil socialista, tamén se incorporará unha nova liña de traballo baseada na conservación de masas forestais de interese ecolóxico situadas na bisbarra viguesa, e uns roteiros formativos para formar aos voluntarios do programa nos contidos conceptuais, procedementais e actitudinais, a desenvolver na súa labor como voluntarios. Santos Héctor mostrouse "moi satisfeito" pola participación da Asociación Fontaiña, colaboradores de forma altruísta, neste programa que permite ampliar a oferta de actividades para voluntarios no Concello. Pola súa banda, Cristal Fernández valorou a "receptividade" do departamento nas súas iniciativas e destacou que a formalización deste convenio lles permite elaborar un programa estable de actividades cara ao próximo ano e amplialo a máis zonas de actuación na cidade.

No hay comentarios: