Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



5/7/09

Unha mañán para limpar de cabichas os areais de Fontaíña e Baluarte


A mañán do sábado 4 de xullo foi empregada por un grupo de 25 voluntarios da Oficina Municial de Voluntariado de Vigo e da Asociación Fontaíña para limpar arredor de 8 kg de lixo das praias de Fontaíña e Baluarte (Coruxo-Vigo).


Retiráronse arredor de dúas mil cabichas que se atopaban espalladas polo areal, degradándoo, mediante a realización dun traballo en equipo, no que un grupo rastrillaba a area favorecendo que o lixo saíra a superficie e despois outro grupo retiraba unha por unha as colillas, plásticos e lixo de pequeno tamaño.


Deste xeito evítase que a area vaia enchéndose de lixo e que sexa necesario que se faga un peneirado mecánico, pois esta acción resulta perxudicial para o ecosistema litoral (xa que tamén desaparecen sementes, pulgas de area ou algas) e incluso impide a formación de dunas embrionarias que aseguran o futuro da praia.


Posteriormente, a modo de remate, repartíronse cinceiros de praia e folletos informativos entre os bañistas, para conciencialos da necesidade de que non deixen as cabichas na area. Esta actividade de educación ambiental repetiráse os días 17 de xullo e 4 de agosto.







Dende a Asociación Fontaíña queremos agradecer a tódalas persoas voluntarias que participaron nesta e noutras actividades medioambientais o seu esforzo, interese e valor humano.

26/6/09

OPERACIÓN CABICHA 2009

As praias de Baluarte e Fontaiña (Coruxo-Vigo) conta con ecosistemas dunares en bo estado de conservación, resultado dun proxecto de recuperación que -iniciado na década dos 90- veñen realizando a Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo e maila Asociación Fontaíña.

Ó longo de todo este tempo, cabe sinalar a detección dun problema específico relacionado coa limpeza destas praias, xa que ó ser visitadas por moitos fumadores, aparece unha chea de cabichas (colillas) espalladas pola area, co que se dan unha serie de problemas ambientais como son:

-contaminación visual e química da area.
-posibles afeccións a organismos que habitan na area dunha praia (plantas, invertebrados, microorganismos) cun alto valor ecolóxico.
-redución da calidade da area dende o punto de vista do uso humano.

Para solucionar a causa destes impactos organízase anualmente a chamada “Operación Cabicha(Colilla)”, na que os voluntarios peinan toda a praia recollendo desperdicios de pequeño tamaño (colillas, plásticos, papeis, chapas,...) de orixe artificial, deixando os restos orgánicos, principalmente algas, para substento das comunidades biolóxicas que se asentan nestas praias. Evítase en todo caso promover a limpeza mecánica da praia con tractor, xa que o paso da maquinaria pesada sobre as dunas podería deterioralas e ademais o peneirado mecánico da area perxudicaría a formación de dunas embrionarias.

Hai que sinalar que o Concello de Vigo é un dos poucos da costa galega que renunciou a retirar as algas ou argazos dos areais, facendolle caso ós expertos en ecoloxía litoral, que consideran de grande interese para a conservación do areal a chegada de algas e restos á praia pois son a base das cadeas alimentarias de moitos organismos como invertebrados ou aves.

Este verán imos organizar unha campaña de concienciación para que a xente que segue a deixar as cabichas na area deixe de facelo. As actividades que realizaremos serán:

-Organización dunha xornada de limpeza con voluntarios das praias de Fontaíña e Baluarte “Operación Colilla”.
-Divulgación desta actividade a nivel de medios de comunicación local.
-Reparto ó longo do verán de cinceiros e folletos entre os fumadores usuarios destas praias coa finalidade de conciencialos.

Consideramos que esta experiencia vai ser de grande interese e utilidade e por iso pedimos a implicación dos voluntarios na mesma.

Deseguido vos informamos do calendario de actividades para os meses de verán:

Sábado 4/7/09. Operación Cabicha (Operación Colilla) na Praia de Fontaíña. Coa finalidade de mellorar o areal realizaremos unha limpeza exhaustiva do mesmo, dando a coñecer a actividade dos voluntarios ós medios de comunicación e repartindo cinceiros entre os bañistas.
Horario: 10:00-13:30 h. Nº de prazas: 30.
Lugar de encontro: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro.

Venres 17/7/09. Reparto de cinceiros (Operación Cabicha) na Praia da Fontaíña. Os voluntarios participantes repartirán cinceiros portátiles e folletos informativos entre os bañistas coa finalidade de conciencialos para que non deixen as cabichas na area. Tamén se realizará unha limpeza das dunas
Horario: 17:00-19:00 h. Nº de prazas: 7.
Lugar de encontro: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro.


Martes 4/8/09. Reparto de cinceiros (Operación Cabicha) na Praia da Fontaíña. Os voluntarios participantes repartirán cinceiros portátiles e folletos informativos entre os bañistas coa finalidade de conciencialos para que non deixen as cabichas na area. Tamén se realizará unha limpeza das dunas
Horario: 12:00-14:00 h. Nº de prazas: 7.
Lugar de encontro: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro.

Luns 31/8/09. Vixianza ambiental na Xunqueira do Lagares. Análise de augas, detección de impactos ambientais.
Horario: 10:00-12:00 h. Nº de prazas: 5.
Lugar de encontro: Paseo peonal do río Lagares, a carón da ponte de madeira, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora.

Para participar en calquera destas actividades é necesario contactar coa Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo (tfno. 986810213, ofi.voluntariado@vigo.org ) ou coa Asociación Fontaíña (tfno. 679457222, fontainhavigo@yahoo.es ).

VOZNATURA renova o seu apoio ó Obradoiro da Natureza

O concurso Voznatura (organizado pola Fundación Santiago Rey Fdez.-Latorre, La Voz de Galicia e máis Radio Voz) concedeu novamente o seu apoio económico ó proxecto “Obradoiro da Natureza” da Asociación Fontaíña. Nesta nova edición do “Obradoiro da Natureza” participarán rapaces interesados na natureza, desenvolvendo actividades de educación e voluntariado ambiental.


Polo tanto, ábrese o prazo para que calquera rapaz de 8 a 12 anos, interesado en facer cousas (plantíos, limpezas, talleres, excursións, investigacións,...) a prol da natureza un sabado de cada mes, se apunte ó Obradoiro da Natureza chamando ó télefono da asociación ou mandando un correo electrónico.


7/6/09

Descubrimos os segredos do "Pai Miño"

Esta podería a opinión coa que rematase a xente voluntaria que participou no segundo roteiro formativo, organizado pola Asociación Fontaíña e maila Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo e que nos achegou ó coñecemento dos ecosistemas fluviais galegos.

Na primeira xornada, venres 17/5, tivemos ocasión de ollar dous documentais relacionados con esta temática máis un coloquio con Manuel E. García, biólogo e documentalista autor da película "Os mares doces de Galicia".

Xa o sábado 18/5 achegámonos en autobús ata os concellos de Lugo, Rábade e Outeiro de Rei, para coñecer de perto os espazos e persoas que conviven na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Alí, da man da guía Laura Vázquez, visitamos o Centro de Interpretación no río dos Ratos, coñecimos a Pilar, única oleira de Bonxe; achegámonos ás insuas do río e rematamos visitando o conxunto etnográfico da Fervenza.

Esperamos que as actividades deste roteiro formativo fosen de utilidade e agrado dos participantes e xa nos poñemos a traballar nunha nova andaina do programa, que se celebrará no outono.

9/5/09

Novo roteiro formativo adicado aos ríos galegos


Os ríos en Galicia: conservación dos seus recursos naturais

Esta é a segunda convocatoria dos roteiros formativos, destinados a mellorar a formación e coñecementos dos voluntarios en materia de medio ambiente.

Concretamente neste roteiro pretendemos achegarvos ata os ecosistemas fluviais galegos, unhas das nosas xoias naturais moitas veces esquecidos e maltratados. Farémolo mediante a proxección de dous interesantes documentais, ademais dun itinerario por unha das mellores zonas fluviais de España.

Ao igual que na anterior edición (adicada aos bosques autóctonos) pretendemos conectar os coñecementos adquiridos no roteiro con accións de voluntariado ambiental, neste caso mediante o inicio do programa Ríos Limpos no que realizaremos tarefas de vixianza ambiental e limpeza de residuos en cursos de auga de Vigo.

O número de prazas (20) é limitado polo que se recomenda non deixar a inscrición para última hora. Lembramos que as persoas inscritas teñen que asistir ás dúas sesións do roteiro. Daráselle prioridade aos participantes habituais das actividades de voluntariado
ambiental.


Programación:

Venres 29/5/09. 18:00-20:00h. Proxeción dos documentais:
-“Terras de pedra e auga”. Aproximación aos valores naturais e etnográficos da Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, que visitaremos o sábado 30/5, así como das medidas de conservación que nela se están a levar a cabo.
-“Os mares doces de Galicia”. Utilizando como fío condutor a lamprea e mailo salmón, dúas especies de enorme interese biolóxico, cultural e económico, o documental achéganos á ecoloxía dos ríos galegos. Este documental recibiu numerosos galardóns:

Ao remate da proxeción teremos oportunidade de manter un coloquio co biólogo e realizador Manuel E. García, autor do segundo documental.

A actividade terá lugar na Salón de Actos do Centro Cívico do Casco Vello (r/Oliva, nº 12, a carón da igrexa da Colexíata).


Sabado 30/5/09. 8:30-22:30h. Visita á Reserva da Biosfera Terras do Miño desde un punto de vista natural, etnográfico e cultural. A excursión será guiada pola técnica Laura Vázquez Janeiro.

Horario previsto do roteiro*:

8:25h. Encontro dos participantes na Pza. do Rei (parada de Vitrasa).
8:30h. Saída do microbús cara a Lugo.
11:00-12:00h. Chegada a Lugo. Recepción de visitantes no Centro de Interpretación Terras do Miño. Visita ao centro e entrega de materiais.
12:00-15:00. Percorrido por diferentes puntos de interese da Reserva da Biosfera Terras do Miño (zona centro): Visita ás Insuas do Miño. Ruta das Insuas. Actividades de conservación do hábitat e especies. Protección do medio. O Programa Life na Xestión do Biotopo.
Visita á “Olería de Bonxe”. Cultura e tradición nas Terras do Miño.
Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito. Visita á Lagoa.
15:00-16:30h. Comida de campo na Área Recreativa de Sta. Isabel.
16:30-20:00h. Percorrido por distintos puntos de interese da Reserva Biosfera Terras do Miño (zona sur): Ruta Camiño do Miño. Insua de Borneiros. Desembocadura do río Chamoso. Visita a unha pesqueira de anguías.
A Fervenza. A cultura da auga na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Visita guiada ao conxunto Etnográfico A Fervenza.
20:00h. Remate da visita. Regreso do microbus a Vigo.
22:30h. Chegada á Pza. do Rei.

*O horario da visita podería sufrir modificacións ou recortes por mor do ritmo co que se faga a visita. Máis información sobre a Reserva da Biosfera “Terras do Miño” en internet http://www.terrasdomino.org/
Os participantes deberán levar roupa e calzado comodo, adaptado ás condicións meteorolóxicas previstas, ademais de comida e bebida propias.

21/4/09

Proximas actividades da Asociación Fontaíña

Domingo 26/4/09. Obradoiro polo Litoral na Xunqueira do Lagares. Limpeza residuos, eliminación flora exótica invasora (Cortaderia selloana).
Horario: 10:00-13:00 h. Nº de prazas: 15.
Lugar de encontro e material necesario: Paseo peonal do río Lagares, a carón da ponte de madeira, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os seus traxes, botas de auga e lubas.

Xoves 30/4/09. Xuntanza de voluntarios/as do Programa de Medio Ambiente da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo, no Salón de Actos do Centro Cívico do Casco Vello (r/Oliva, nº12). Preténdese que nesta xuntanza fagamos unha valoración do realizado nestes primeiros seis meses de reinicio das actividades de voluntariado ambiental. Proxectaremos fotos das accións de voluntariado e vos presentaremos as iniciativas para o vindeiro semestre. Animádemos a participar¡ Queremos coñecer a vosa opinión¡.
Horario: 19:00-20:00 h. Nº de prazas: sen límite.

Para participar en calquera destas actividades é obrigatorio:
a)Estar inscrito como voluntario/a na OMV (Oficina Municipal de Voluntariado) do Concello de Vigo: Pza. do Rei, s/n; '986810213;
ofi.voluntariado@vigo.org
b)Anotarse para participar na actividade na OMV.

16/2/09

Plantío de árbores autóctonas nos Montes de Teis...Animate e participa¡

O vindeiro sábado 28 de febreiro, de 9:45 a 13h, celebrarase o plantío dun milleiro de árbores autóctonas (carballos, cerdeiras, bidueiras,...) nos montes comunais de Teis (Vigo). O lugar de encontro dos participantes será na praza dos Leóns, no Monte da Madroa, a carón de Vigozoo.
Este plantío, organizado pola Comunidade de Montes de Teis, forma parte dun programa de recuperación forestal que xa levan anos emprendendo os comuneiros desta parroquia e que, resumidamente, esta a substituir gradualmente a cuberta forestal destes montes, inzada de especies exóticas invasoras (acacia negra e eucalipto, sobre todo), plantadas no século pasado, por árbores propias dos bosques galegos. Preténdese, deste xeito, reorientar os usos dos montes da parroquia cara aos aproveitamentos recreativos e enriquecer a biodiversidade forestal da zona.A asociación Fontaíña ven colaborando, desde 2008, coa Comunidade de Montes de Teis, axudándolle mediante a aportación de voluntariado ambiental, unha medida englobada nun programa da propia asociación que, baixo o nome de Devesas do Sur, pretende colaborar coas comunidades de montes, particulares e administracións comprometidos coa recuperación e conservacíón dos bosques autóctonos da bisbarra viguesa.
De cara ao plantío do vindeiro día 28 contarase coa participación de comuneiros, socios de Fontaíña, voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo, socios de Verdegaia e numerosos simpatizantes deste interesante proxecto forestal en Teis.
Animamos a todas as persoas (incluídos menores de idade se van acompañados por un adulto) interesadas en participar a que se apunten chamando ao teléfono de Fontaíña 679457222 ou mandando un e-mail a fontainhavigo@yahoo.es antes do 20/2.

XA QUEDA POUCO TEMPO... NECESITAMOS VOLUNTARIOS/AS ...ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR¡