A mañán do sábado 4 de xullo foi empregada por un grupo de 25 voluntarios da Oficina Municial de Voluntariado de Vigo e da Asociación Fontaíña para limpar arredor de 8 kg de lixo das praias de Fontaíña e Baluarte (Coruxo-Vigo).
Retiráronse arredor de dúas mil cabichas que se atopaban espalladas polo areal, degradándoo, mediante a realización dun traballo en equipo, no que un grupo rastrillaba a area favorecendo que o lixo saíra a superficie e despois outro grupo retiraba unha por unha as colillas, plásticos e lixo de pequeno tamaño.
Deste xeito evítase que a area vaia enchéndose de lixo e que sexa necesario que se faga un peneirado mecánico, pois esta acción resulta perxudicial para o ecosistema litoral (xa que tamén desaparecen sementes, pulgas de area ou algas) e incluso impide a formación de dunas embrionarias que aseguran o futuro da praia.
Posteriormente, a modo de remate, repartíronse cinceiros de praia e folletos informativos entre os bañistas, para conciencialos da necesidade de que non deixen as cabichas na area. Esta actividade de educación ambiental repetiráse os días 17 de xullo e 4 de agosto.
Dende a Asociación Fontaíña queremos agradecer a tódalas persoas voluntarias que participaron nesta e noutras actividades medioambientais o seu esforzo, interese e valor humano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario