Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



30/10/25

26-10-25. Resumo do roteiro ornitolóxico pola Xunqueira do Lagares



O domingo 26-10-25 pola mañán un total de 27 persoas realizaron un percorrido circular pola Xunqueira do Lagares co obxectivo de coñecer as aves que viven neste espazo natural vigués. 

O roteiro comezou cunha parada na Foz do Lagares e a praia da Calzoa onde se puideron observar varias especies de gaivotas (patiamarela, escura, gaivotón e cabecinegra), corvo mariño cristado e limícolos (pilro tridáctilo e virapedras). Por desgraza, tamén o grupo comprobou "in situ" o efecto pernicioso para as aves que está a ter a declaración desta zona como praia canina, polas molestias que os cans soltos causan nas aves que utilizaban esta praia para alimentarse e descansar. 

O Concello de Vigo debería de amosar maior sensibiliade pola defensa das aves silvestres e os ecosistemas e reubicar o servizo de praia canina noutra zona da costa de Vigo que non sexa de importancia ornitolóxica como acontece coa Foz e Calzoa.

O paseo continuou polo barrio da Carrasqueira onde tivemos boas panorámicas da marisma, o muro das saíñas e os campos e bosques que protexen neste sector a marisma. 

Nesta zona observamos picapeixe, miñato e identificamos o canto de varios paseriformes (paporrubio, reiseñor de auga ou picafollas musical) ou córvidos como o gaio.

Rematamos a xornada cun percorrido perimetral polo paseo da Xunqueira do Lagares, onde vimos varios exemplares das seguintes especies: corvo mariño grande, garzota común, garza real ou bilurico das rochas.


Unha bonita excursión que permitiu dar conta da importancia que ten a Xunqueira do Lagares.


O exito de participación que tivo a xornada (cubríronse moi rápido as prazas ofertadas  e ficou xente en lista de espera) fai que Fontaíña teña previsto realizar unha nova convocatoria ó longo do inverno.
 
Esta actividade forma parte do proxecto de conservación da Xunqueira do Lagares levado a cabo pola Asociación Fontaíña e que conta co Apadriñamento de Espazos Naturais do Programa Libera organizado por SEO-Birdlife e Ecoembes

No hay comentarios: