Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



4/1/18

XXV Aniversario do proxecto de restauración das dunas dos areais de Fontaíña e Baluarte




Neste recén comezado 2018 o proxecto de restauración das dunas dos areais de Fontaíña e Baluarte (Coruxo, Vigo) vai cumplir nada máis e nada menos que 25 anos e, como non podía ser doutro xeito, na Asociación Fontaíña imos celebralo organizando unha manchea de interesantes actividades ó longo deste ano. Cando comezamos traballar neste interesante ecosistema dunar estaba nun estado de degradación moi avanzado e agora, tras as tarefas de restauración, forma parte do Espazo Natural de Interese Local “Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte”.



Comezaremos o ano continuando a nosa participación no proxecto Libera relacionado coa limpeza e debate arredor dos residuos co proxecto “Xunqueira do Lagares limpa: coa túa axuda é posible”.



Continuaremos realizando as nosas xa tradicionais actividades ornitolóxicas que este mes de xaneiro contarán cun curso de iniciación á ornitoloxía, e proseguiremos cos traballos de restauración ambiental nos tres espazos naturais onde habitualmente traballamos: areais e dunas de Fontaíña e Baluarte, areal e dunas de Cabo de Mar e Xunqueira do Lagares.



Ademais, ó longo do ano temos previsto organizar outras actividades como palestras temáticas, actividades que conxuguen arte e natureza, algunha xuntanza de persoas colaboradoras nos nosos proxectos… ás que estades todos e todas convidadas e das que teredes máis información no noso blog fontainhavigo.blogspot.com e na nosa páxina de facebook.



E, como sempre, queremos agradecer a inestimable colaboración de todos aqueles que fixeron posible o noso traballo de restauración ambiental e voluntariado nestes 25 anos. Moitas grazas e vémonos nas dunas!

No hay comentarios: