Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



15/11/12

Solicitada a eliminación das duchas de Baluarte

Acabamos de presentar polo Rexistro do Concello de Vigo unha solicitude para que a Concellería de Medio Ambiente proceda a retirar ou reubicar as duchas e a fonte situadas na traseira da praia de Baluarte, no lugar coñecido como Breadouro (Coruxo). O motivo é o dano que esta a causar a auga das duchas na vexetación dunar favorecendo a aparición de vexetación ruderal invasora.

14/11/12

Actividades en novembro de voluntariado ambiental


Sábado 17/11/12. Obradoiro polo litoral na Xunqueira do Lagares. Eliminación de flora exótica bioinvasora, limpeza de lixo na marisma, coidados arbóreos e desbroce dunha zona de silveiras.

Horario: 10:00-13:00 h. Nº de prazas: 15.

Lugar de encontro e material necesario: Ponte de madeira no Lagares, na estrada Muíños-Samil, perto da Depuradora. No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer os seus traxes, botas de auga e lubas.


Venres 23/11/12. Xuntanza de voluntarios/as do Programa de Medio Ambiente da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo, na Sala de Xuntanzas do 1º andar do Centro Cívico do Casco Vello (r/Oliva, nº12). Preténdese que nesta xuntanza fagamos unha valoración do realizado no que vai de ano. Proxectaremos fotos das accións de voluntariado e vos presentaremos as vindeiras iniciativas. Animádemos a participar¡ Queremos coñecer a vosa opinión¡. Tódolos asistentes recibiran un CD coas fotos dos voluntarios participantes en 2012 e os seus traballos e tamén algún que outro agasallo. Horario: 19:00-20:00 h. 


Xente interesada anotarse na Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Vigo 986810213 ofi.voluntariado@vigo.org 

1/11/12

Medio Ambiente somete a información pública desde a vindeira semana a declaración dos areais do Vao e Baluarte, en Vigo, como espazo natural de interese local

Fonte (web da Consellería de Medio Ambiente). A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, está a tramitar a declaración do complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte, no concello de Vigo, como espazo natural de interese local.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a vindeira semana a resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza pola que se somete a información pública a declaración de espazo natural de interese local desta zona da costa viguesa.

Segundo consta na resolución, as alegacións formularanse durante un período de 20 días que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.

A Lei 9/2001, de 21 de agosto, de conservación da natureza, define os ENIL como aqueles espazos integrados nun termo municipal, que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A área comprendida na solicitude deste ENIL conta cunha superficie de 11 hectáreas. O espazo natural dos areais do Vao e Baluarte (Parroquia de Coruxo) está situado na zona central do arco definido entre Cabo Estai (Parroquia de Oia) e Cabo de Mar (Parroquia de Alcabre) na parte suroriental do Concello de Vigo.

O interese natural da solicitude de declaración do ENIL Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte baséase na recuperación da dinámica natural da zona, adecuándose a morfoloxía do espazo a unhas condicións de modulación natural e a restauración progresiva da flora e fauna dunar autóctona representativa da nosa latitude e características climáticas.

Todo isto constitúe un conxunto paisaxístico e natural merecedor dunha protección especial
Aos efectos do mencionado, pódense destacar coma Valores Naturais recollidos na memoria da solicitude da superficie do ENIL Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte, a presenza dalgúns hábitats de interese comunitario definidos pola Directiva 92/43/CEE do Consello de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais da fauna e flora silvestre, como son dunas marítimas das costas atlánticas, do mar do norte e do báltico (Dunas embrionarias ou primarias; Dunas brancas ou secundarias; Dunas terciarias) ou cantís mariños e areais de bolos (cantís baixos con comunidades vexetais rupícolas aerohalófilas).



Máis protección

Defínense como espazos naturais protexidos aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza coma derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

O obxecto da declaración destes é establecer normas encamiñadas á protección, conservación, restauración e mellora dos recursos naturais e á adecuada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, ademais da xea da comunidade autónoma galega, á difusión dos seus valores, así como á súa preservación para as xeracións futuras.

En función dos bens e valores que hai que protexer, os espazos naturais protexidos clasifícanse en diferentes categorías; unha delas é a de Espazo natural de interese local (ENIL).

Por petición do concello e logo de informe do órgano con competencias en materia de política territorial, obras públicas e vivenda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá declarar como espazos naturais de interese local aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

Deste xeito, a razón principal para realizar a declaración desta categoría de espazos naturais é a conservación dunha zona cun alto valor ecolóxico e paisaxístico, a nivel local.

Vistas as solicitude presentada polo Concello de Vigo perante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas solicitando a declaración provisional deste lugares é necesario establecer un período de información pública na tramitación das solicitudes. Así pois, este período abrirá un prazo para que interesados e terceiros aleguen canto crean necesario, e será a Dirección Xeral de Conservación da Natureza a que reciba ditas alegacións e instrúa o procedemento de declaración dos espazos.Unha vez obtida a declaración provisional os concellos disporán dun prazo de dous anos para elaborar un Plan de Conservación do ENIL correspondente, como requisito para a súa declaración definitiva.

30/10/12

Traballos outonais nos areais de Fontaíña e Baluarte





O pasado sábado 27/10/12 pola mañán seis voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado e un biólogo da Asociación Fontaíña participaron nun Obradoiro polo litoral nas Praias de Fontaíña e Baluarte (Coruxo-Vigo)

  

Os traballos realizados foron: limpar lixo de dunas e praia, revisar valados e arranxar pequenos desperfectos, colocación de carteliños, coidados arbóreos e eliminación de flora exótica.

   


Realizáronse diversas tarefas relacionadas co mantemento e conservación do ecosistema dunar destes areais. A destacar a reparación dun tramo duns 25m de lonxitude de valado de protección dunar e a retirada duns 50kg de plantas exóticas invasoras (Conyza canadensis e Arctotheca calendula). 

 
Ó remate da actividade repartiuse un avituallamento entre os participantes (bocadillos de xamón serrano, froita e augas).

19/8/12

Resumo da campaña Operación Cabicha 2012

O sábado 21 de xullo pola mañán, un grupo de 13 voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo e dous monitores da Asociación Fontaíña realizaron unha limpeza ecolóxica de cabichas e outros pequenos residuos nas praias de Baluarte e Fontaíña (Coruxo-Vigo).






O venres 10 de agosto 6 voluntari@s e unha monitora da Asociación Fontaíña desenvolveron a xa tradicional actividade de reparto de cinceiros na praia de Fontaíña.

Neste soleado día, foron moitas as persoas que se achegaron a nós en busca dun dos cinceiros que foron repartidos nesta xornada. Ademáis, @s voluntari@s informaron a bañistas e visitantes deste pequeno espazo natural, da importancia de non tirar as cabichas na area.






13/7/12

OPERACIÓN CABICHA-OPERACIÓN COLILLA 2012




As praias de Fontaiña é Baluarte (Coruxo-Vigo) son un dos areais vigueses que contan con ecosistemas dunares en bo estado de conservación, resultado dun proxecto de voluntariado ambiental levado a cabo pola Asociación Fontaíña e o Concello de Vigo desde 1993.
Ó longo de todo este tempo cabe sinalar a detección dun problema específico relacionado coa limpeza da area destas praias, xa que ó ser visitada maioritariamente por xente nova e de mediana idade, moitos/as deles/as persoas fumadoras, aparecen multitude de colillas dispersas pola area, co que se dan unha serie de problemas ambientais:
- Contaminación visual e química da area.
- Posibles afeccións a organismos que habitan na area dunha praia (plantas, invertebrados, microorganismos) cun alto valor ecolóxico.
- Redución da calidade da area desde o punto de vista do uso humano (bañistas, turismo,...).
 
 A OMV e a Asociación Fontaíña veñen traballando regularmente a prol da solución deste problema mediante a organización anual da chamada “Operación Colilla”, na que voluntarios da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo e da Asociación Fontaíña, nunha xornada de verán, peinan toda a praia recollendo desperdicios de pequeno tamaño (colillas, plásticos, papeis, chapas,...) de orixe artificial, deixando os restos orgánicos, principalmente algas, para substento das comunidades biolóxicas que se asentan nesta praia.   Evítase en todo caso promover a limpeza mecanica da praia con tractor, xa que o paso da maquinaria pesada sobre a duna podería deterioralas e ademáis o tamizado mecánico da area (útil en praias urbanizadas) neste caso perxudicaría a formación de dunas embrionarias na costa.
 
 Posteriormente, noutra xornada, repartiríanse cinceiros de praia entre os bañistas, realizándose ó mesmo tempo unha laboura informativa e de concienciación entre os usuarios da praia.  Ademais disto a propia praia de Baluarte conta cunha serie de cinceiros fixos, instalados no valado de proteción das dunas que son baleirados periódicamente polo persoal de limpeza de praias.

 
CALENDARIO DE ACTIVIDADES DA “OPERACIÓN COLILLA 2012”

Sábado 21/7/12.  Operación Colilla en Fontaíña e Baluarte.  Limpeza de cabichas na praia e campaña de concienciación cidadá.  Horario: 10:00-13:00 h.    Nº de prazas: 30.
Lugar de encontro e material necesario: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro.  No caso de que xa os recibiran, os voluntarios/as deberán traer as súas lubas.

Venres 10/8/12 Operación Cabicha: Reparto de colilleiros.  Reparto de cinceiros e campaña informativa en Fontaíña-BaluarteHorario: 17:00-18:00 h.    Nº de prazas: 7.
Lugar de encontro e material necesario: Praia da Fontaíña (perto da do Vao) no lugar do Breadouro


ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR

Apuntarse a través da Oficina Municipal de Voluntariado (Tfno: 986810213, e-mail: ofi.voluntariado@vigo.org) ou da Asociación Fontaíña (Tfno: 679457222, e-mail: fontainhavigo@yahoo.es).
 

1/7/12

Xuntanza co voluntariado da OMV


O venres 29/6/12, ás 19h, celebrouse unha xuntanza cos voluntarios/as da OMV de Vigo.
O obxectivo da xuntanza era realizar, de modo conxunto -OMV, Fontaíña e voluntariado- unha valoración do realizado dende decembro de 2011 ata xuño 2012.

A xuntanza constou de catro partes:
  • Recepción de asistentes e presentación en grupo. Explicación dos motivos, antes citados, da organización da actividade.
  • Exposición, mediante unha presentación de powerpoint, das actividades realizadas dende decembro de 2011 ata xuño de 2012. Apuntamento das vindeiras actividades en 2012.
  • Enquisa de avaliación ós voluntarios, na que se valoraba diferentes aspectos do programa de medio ambiente e se solicitaban suxerencias.
  • Entrega de CD con fotos das actividades realizadas, un lote chaveiros e pegatinas de Voz Natura.