Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



1/11/12

Medio Ambiente somete a información pública desde a vindeira semana a declaración dos areais do Vao e Baluarte, en Vigo, como espazo natural de interese local

Fonte (web da Consellería de Medio Ambiente). A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, está a tramitar a declaración do complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte, no concello de Vigo, como espazo natural de interese local.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a vindeira semana a resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza pola que se somete a información pública a declaración de espazo natural de interese local desta zona da costa viguesa.

Segundo consta na resolución, as alegacións formularanse durante un período de 20 días que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.

A Lei 9/2001, de 21 de agosto, de conservación da natureza, define os ENIL como aqueles espazos integrados nun termo municipal, que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A área comprendida na solicitude deste ENIL conta cunha superficie de 11 hectáreas. O espazo natural dos areais do Vao e Baluarte (Parroquia de Coruxo) está situado na zona central do arco definido entre Cabo Estai (Parroquia de Oia) e Cabo de Mar (Parroquia de Alcabre) na parte suroriental do Concello de Vigo.

O interese natural da solicitude de declaración do ENIL Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte baséase na recuperación da dinámica natural da zona, adecuándose a morfoloxía do espazo a unhas condicións de modulación natural e a restauración progresiva da flora e fauna dunar autóctona representativa da nosa latitude e características climáticas.

Todo isto constitúe un conxunto paisaxístico e natural merecedor dunha protección especial
Aos efectos do mencionado, pódense destacar coma Valores Naturais recollidos na memoria da solicitude da superficie do ENIL Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte, a presenza dalgúns hábitats de interese comunitario definidos pola Directiva 92/43/CEE do Consello de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais da fauna e flora silvestre, como son dunas marítimas das costas atlánticas, do mar do norte e do báltico (Dunas embrionarias ou primarias; Dunas brancas ou secundarias; Dunas terciarias) ou cantís mariños e areais de bolos (cantís baixos con comunidades vexetais rupícolas aerohalófilas).



Máis protección

Defínense como espazos naturais protexidos aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza coma derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

O obxecto da declaración destes é establecer normas encamiñadas á protección, conservación, restauración e mellora dos recursos naturais e á adecuada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres, ademais da xea da comunidade autónoma galega, á difusión dos seus valores, así como á súa preservación para as xeracións futuras.

En función dos bens e valores que hai que protexer, os espazos naturais protexidos clasifícanse en diferentes categorías; unha delas é a de Espazo natural de interese local (ENIL).

Por petición do concello e logo de informe do órgano con competencias en materia de política territorial, obras públicas e vivenda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá declarar como espazos naturais de interese local aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

Deste xeito, a razón principal para realizar a declaración desta categoría de espazos naturais é a conservación dunha zona cun alto valor ecolóxico e paisaxístico, a nivel local.

Vistas as solicitude presentada polo Concello de Vigo perante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas solicitando a declaración provisional deste lugares é necesario establecer un período de información pública na tramitación das solicitudes. Así pois, este período abrirá un prazo para que interesados e terceiros aleguen canto crean necesario, e será a Dirección Xeral de Conservación da Natureza a que reciba ditas alegacións e instrúa o procedemento de declaración dos espazos.Unha vez obtida a declaración provisional os concellos disporán dun prazo de dous anos para elaborar un Plan de Conservación do ENIL correspondente, como requisito para a súa declaración definitiva.

No hay comentarios: