O domingo 9-11-25 pola mañán un total de 25 persoas realizaron un percorrido circular pola Xunqueira do Lagares co obxectivo de coñecer as aves que viven neste espazo natural vigués.
O roteiro comezou cunha parada na Foz do Lagares e a praia da Calzoa onde se puideron observar varias especies de gaivotas (patiamarela, escura, gaivotón e cabecinegra), corvo mariño cristado, virapedras e píllara grande. Por desgraza, tamén o grupo comprobou "in situ" o efecto pernicioso para as aves que está a ter a declaración desta zona como praia canina, polas molestias que os cans soltos causan nas aves que utilizaban esta praia para alimentarse e descansar.
O Concello de Vigo debería de amosar maior sensibiliade pola defensa das aves silvestres e os ecosistemas e reubicar o servizo de praia canina noutra zona da costa de Vigo que non sexa de importancia ornitolóxica como acontece coa Foz e Calzoa.
O paseo continuou polo barrio da Carrasqueira onde tivemos boas panorámicas da marisma, o muro das saíñas e os campos e bosques que protexen neste sector a marisma.
Nesta zona observamos andoriña dos penedos, picafollas común, rabirrubio, papicapeixe, corvo pequeno, pega e identificamos o canto de varios paseriformes (paporrubio, reiseñor de auga). Tamén puidemos desfrutar co voo dun falcón peregrino.
Rematamos a xornada cun percorrido perimetral polo paseo da Xunqueira do Lagares, onde vimos varios exemplares das seguintes especies: corvo mariño grande, garzota común, garza real, bilurico bailón, miñato común, escoitamos o reclamo do picaxuncos e rematamos a xornada cunha bonita observación dun azor atravesando a Xunqueira do Lagares.
Unha interesante excursión que permitiu dar conta da importancia que ten a Xunqueira do Lagares.







No hay comentarios:
Publicar un comentario