Dende hai tres cursos escolares a Asociación Fontaíña ven organizando a actividade de educación ambiental "Obradoiro da Natureza", contando co apoio económico de Voznatura e da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.
Mediante esta actividade, de balde, grupos de nenos realizan accións de descubrimento, recuperación e desfrute da natureza, sempre co apoio de monitores, empregando material e ferramenta axeitada e con avituallamento, como se foran (e así é) pequenos voluntarios.
No actual curso 2009-10 o título do Obradoiro da Natureza será "Biodiversidade en acción" e os rapaces, de 6 a 12 anos, realizarán o seguinte programa de actividades:
- Setembro 2009: Estudo ecolóxico e limpeza do Encoro de Zamáns.
- Outubro: Plantación de arboriñas e limpeza da Xunqueira do Lagares.
- Novembro: Actividade forestal no Viveiro de Areas (por confirmar).
- Decembro: Recuperación das dunas en Cabo de Mar e entrega de plantiñas litorais en adopción.
- Xaneiro 2010: Excursión ó Esteiro do Miño.
- Febreiro: Plantío forestal no Mte. da Madroa-Teis (por confirmar).
- Marzo: Repoboación, coas plantas adoptadas, nas dunas de Fontaíña.
- Abril: Preparación da exposición do concurso Voznatura.
- Maio: Roteiro entomolóxico, para coñecer os insectos e demais invertebrados dos nosos campos.
- Xuño: Festa de fin de curso Voznatura.
As actividades desenvolveranse un sábado de cada mes, pola mañán, salvo algunha excursión que ocupará tamén a tardiña.
Todos aqueles rapaces e rapazas interesados en participar teñen que anotarse chamando ó teléfono 679457222 ou mandar un e-mail a fontainhavigo@yahoo.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario