Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



31/12/25

Cartel e banco en mal estado na Xunqueira do Lagares


Solicitámoslle ó Concello de Vigo que repare os danos dun cartel con información ornitolóxica e un banco ubicados nunha das entradas da Xunqueira do Lagares, na zona do peseo peonal.

O mantemento do mobiliario urbano nos espazos naturais é un aspecto importante na súa conservación, xa que son unha ferramenta moi útil para informar e concienciar ós visitantes.



27/12/25

27-12-25 Resumo da actividade de voluntariado ambiental na Xunqueira do Lagares

O sábado 27-12-2026 pola mañá un grupo de persoas voluntarias levou a cabo traballos de conservación do medio natural na Xunqueira do Lagares.

Aproveitouse para limpar unha zona de marisma que estaba chea de lixo, retirándose un total de 26kg de residuos, dos que a maioria (20kg) eran residuos xerais, e 4kg de envases plásticos para reciclaxe e 2kg de vidro.

Posteriormente, localizoue unha zona de xunqueira onde había varios exemplares de herba das pampas (Cortaderia selloana), unha especie de planta herbacea exótica invasora. 

Foron retirados 8 exemplares de tamaño pequeno.

O noso agradecemento ás persoas voluntarias que participaron nesta actividade, que forma parte do Programa de apadriñamento de espazos naturais de Libera.



23/12/25

27-12-25 Convocatoria de actividade de voluntariado ambiental na Xunqueira do Lagares

A Xunqueira do Lagares é unha marisma situada na foz do río Lagares. Trátase dun espazo de grande valor ecolóxico, e que serve de refuxio a numerosas aves migradoras. Ademais, ten valor histórico pola presenza dos restos dunha saíña do SXVIII.



A planta Cortaderia selloana (Herba das pampas) é unha especie de orixe sudamericana que está incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras.  A planta está presente en Galicia desde os anos oitenta do século XX polo seu uso ornamental. Pouco a pouco os exemplares foron naturalizándose e espallandose polas zonas costeiras ata se converter nun problema pola ocupación de áreas de vexetación natural de valor ecolóxico, como por exemplo as marismas. Actualmente segue a estar presente en numerosas zonas do municipio de Vigo, especialmente en terreos  abertos, baldíos e marxes de estradas. 




A Asociación Fontaíña está a controlar o inzamento desta especie na Xunqueira do Lagares mediante a xeolocalización e eliminación dos exemplares asentados, retirada das espigas para evitar o espallamento das sementes e controlando regularmente as novas plantas que nacen cada ano. Polo de agora os resultados están sendo moi positivos e unha vez que se remate co control da herba das pampas na propia Xunqueira do Lagares se pasaría a unha segunda fase, de inventariado dos exemplares que inzan terreos públicos e privados na contorna e viais que bordean a Xunqueira do Lagares, para reclamar ás administracións públicas que acometan medidas de erradicación.

Outro problema que presenta a marisma é a presenza de residuos sólidos, tanto polas enchentas do río como polas pleamares e as saídas de materiais polos sumidoiros, polo que resulta necesario retirar regularmente dito lixo para evitar que se acumule degradando unha zona de enorme importancia natural a nivel local.



O vindeiro sábado 27 de decembro de 2025, de 10:00 a 13:00 horas, a Asociación Fontaíña organiza unha actividade de voluntariado ecolóxico na Xunqueira do Lagares, na que poderán participar un total de seis persoas acompañadas dun monitor. Nela se limparan residuos e se eliminarán algúns exemplares da bioinvasora herba das pampas (Cortaderia selloana) neste interesante espazo natural vigués. Estas actividades de Fontaíña na Xunqueira do Lagares contan co patrocinio do programa de apadriñamento de espazos naturais organizado polo Programa Libera (SEO-Birdlife e Ecoembes). 



A asociación facilitará ó voluntariado a formación previa, ferramentas, lubas, auga e avituallamento, ademais dun seguro de accidentes e de responsabilidade civil. 
Os participantes deben levar roupa de traballo e botas de auga. 

O traballo das persoas voluntarias será dirixido por persoal de Fontaíña. A actividade conta co permiso administrativo do Servizo do Litoral de Pontevedra (Consellería de Medio Ambiente-Xunta de Galicia) e está solicitado tamén na Concellería de Medio Ambiente (Concello de Vigo). 

Para esta actividade é imprescindible apuntarse previamente, mediante o envío dun correo electrónico a 

fontainhavigo@yahoo.es 

indicando os seguintes datos:
Nome participante/s
Tfno. de contacto
Os menores de 16 años deberán participar acompañados dun adulto que se faga cargo deles;  os menores de 16 a 18 anos poderán participar sós previa autorización dos seus pais ou titores (Enlace descarga documento autorización).

Lugar de encontro: Ponte de madeira do Lagares, na estrada Muíños-Samil. 


12/11/25

9-11-25. Resumo do roteiro ornitolóxico pola Xunqueira do Lagares

 

O domingo 9-11-25 pola mañán un total de 25 persoas realizaron un percorrido circular pola Xunqueira do Lagares co obxectivo de coñecer as aves que viven neste espazo natural vigués. 


O roteiro comezou cunha parada na Foz do Lagares e a praia da Calzoa onde se puideron observar varias especies de gaivotas (patiamarela, escura, gaivotón e cabecinegra), corvo mariño cristado, virapedras e píllara grande. Por desgraza, tamén o grupo comprobou "in situ" o efecto pernicioso para as aves que está a ter a declaración desta zona como praia canina, polas molestias que os cans soltos causan nas aves que utilizaban esta praia para alimentarse e descansar. 


O Concello de Vigo debería de amosar maior sensibiliade pola defensa das aves silvestres e os ecosistemas e reubicar o servizo de praia canina noutra zona da costa de Vigo que non sexa de importancia ornitolóxica como acontece coa Foz e Calzoa.

O paseo continuou polo barrio da Carrasqueira onde tivemos boas panorámicas da marisma, o muro das saíñas e os campos e bosques que protexen neste sector a marisma. 


Nesta zona observamos andoriña dos penedos, picafollas común, rabirrubio, papicapeixe, corvo pequeno, pega  e identificamos o canto de varios paseriformes (paporrubio, reiseñor de auga). Tamén puidemos desfrutar co voo dun falcón peregrino.

Rematamos a xornada cun percorrido perimetral polo paseo da Xunqueira do Lagares, onde vimos varios exemplares das seguintes especies: corvo mariño grande, garzota común, garza real, bilurico bailón, miñato común, escoitamos o reclamo do picaxuncos e rematamos a xornada cunha bonita observación dun azor atravesando a Xunqueira do Lagares.



Unha interesante excursión que permitiu dar conta da importancia que ten a Xunqueira do Lagares.

A vindeira actividade de Fontaíña na Xunqueira do lagares será unha limpeza de lixo na marisma a mañá do domingo 14 de decembro.
 
Esta actividade de educación ambiental forma parte do proxecto de conservación da Xunqueira do Lagares levado a cabo pola Asociación Fontaíña e que conta co Apadriñamento de Espazos Naturais do Programa Libera organizado por SEO-Birdlife e Ecoembes

1/11/25

Convocatoria actividade 9/11/25: Roteiro ornitolóxico pola Xunqueira do Lagares

O pasado 26 de outubro a Asociación Fontaíña organizou un roteiro ornitolóxico pola Xunqueira do Lagares e a convocatoria foi un éxito de participación, xa que nun par de días se cubriron as 25 prazas ofertadas e quedaron unhas 10 persoas en lista de espera. Polo tanto vaise realizar unha nova excursión para satisfacer a demanda e que ninguén quede sen coñecer esa marabilla natural que é a Xunqueira do Lagares, a marisma de Vigo.

O domingo 9 de novembro pola mañá (de 9 a 12-12,30 h.) realizarase un roteiro de observación de aves pola Xunqueira do Lagares.


A Xunqueira do Lagares é unha marisma situada na desembocadura do río Lagares e pese a que non é moi extensa en superficie, presenta unha variedade de especies de aves bastante salientable no contexto do municipio de Vigo. Pódense observar distintas especies de ardeidas, limícolas, gaivotas, o picapeixe, aves rapaces así como paseriformes de zonas marismeñas, agrícolas e forestais.

Polo seu fácil acceso e variedade de hábitats resulta un lugar idóneo para iniciarse na observación de aves.

O lugar de encontro e remate do roteiro será o polideportivo municipal de Samil ás 9:00 h.

O número de prazas é limitado (25 persoas acompañadas por dúas persoas monitoras). Daráselle prioridade ás persoas que quedaron en lista de espera na anterior convocatoria do 26/10, pero calquera persoa pode solicitar a inscripción.


Para esta actividade é imprescindible apuntarse previamente, mediante o envío dun correo electrónico a 

fontainhavigo@yahoo.es 

indicando os seguintes datos:
Nome participante/s
Tfno. de contacto
Os menores de 16 años deberán participar acompañados dun adulto que se faga cargo deles;  os menores de 16 a 18 anos poderán participar sós previa autorización dos seus pais ou titores (Enlace descarga documento autorización).

Lugar de encontro: Polideportivo municipal de Samil (Avda. de Samil, 32, Vigo).

A asociación aportará un par de telescopios e algúns prismáticos pero sería recomendable que aqueles participantes que teñan posibilidade de facelo traian os seus binoculares. Por tratarse dunha actividade de formación de voluntariado, todos os/as participantes contarán coa cobertura do correspondente seguro de RC e accidentes.

Recoméndase levar calzado axeitado para camiñar polo campo no inverno e roupa cómoda. O roteiro é circular, duns 3km de lonxitude e dificultade baixa.

Esta actividade de educación ambiental forma parte das accións incluídas no Apadriñamento de Espazos Naturais do Programa Libera organizado por SEO-Birdlife e Ecoembes

30/10/25

26-10-25. Resumo do roteiro ornitolóxico pola Xunqueira do Lagares



O domingo 26-10-25 pola mañán un total de 27 persoas realizaron un percorrido circular pola Xunqueira do Lagares co obxectivo de coñecer as aves que viven neste espazo natural vigués. 

O roteiro comezou cunha parada na Foz do Lagares e a praia da Calzoa onde se puideron observar varias especies de gaivotas (patiamarela, chorona, escura, gaivotón e cabecinegra), corvo mariño cristado e limícolos (pilro bulebule e virapedras). Por desgraza, tamén o grupo comprobou "in situ" o efecto pernicioso para as aves que está a ter a declaración desta zona como praia canina, polas molestias que os cans soltos causan nas aves que utilizaban esta praia para alimentarse e descansar. 

O Concello de Vigo debería de amosar maior sensibiliade pola defensa das aves silvestres e os ecosistemas e reubicar o servizo de praia canina noutra zona da costa de Vigo que non sexa de importancia ornitolóxica como acontece coa Foz e Calzoa.

O paseo continuou polo barrio da Carrasqueira onde tivemos boas panorámicas da marisma, o muro das saíñas e os campos e bosques que protexen neste sector a marisma. 

Nesta zona observamos picapeixe, miñato e identificamos o canto de varios paseriformes (paporrubio, reiseñor de auga ou picafollas cantor) ou córvidos como o gaio.

Rematamos a xornada cun percorrido perimetral polo paseo da Xunqueira do Lagares, onde vimos varios exemplares das seguintes especies: corvo mariño grande, garzota común, garza real ou bilurico das rochas.


Unha bonita excursión que permitiu dar conta da importancia que ten a Xunqueira do Lagares.


O exito de participación que tivo a xornada (cubríronse moi rápido as prazas ofertadas  e ficou xente en lista de espera) fai que Fontaíña teña previsto realizar unha nova convocatoria ó longo do inverno.
 
Esta actividade forma parte do proxecto de conservación da Xunqueira do Lagares levado a cabo pola Asociación Fontaíña e que conta co Apadriñamento de Espazos Naturais do Programa Libera organizado por SEO-Birdlife e Ecoembes

19/10/25

Convocatoria actividade 26/10/25: Roteiro ornitolóxico pola Xunqueira do Lagares

 



 XA ESTÁN CUBERTAS TODAS AS PRAZAS DISPONIBLES¡ 

O domingo 26 de outubro pola mañá (de 9 a 12-12,30 h.) realizarase un roteiro de observación de aves pola Xunqueira do Lagares.

A Xunqueira do Lagares é unha marisma situada na desembocadura do río Lagares que, apesares de non ser moi extensa en superficie, presenta unha variedade de especies de aves bastante salientable no contexto do municipio de Vigo. Pódense observar distintas especies de ardeidas, limícolas, gaivotas, o picapeixe, aves rapaces así como paseriformes de zonas marismeñas, agrícolas e forestais.

Polo seu fácil acceso e variedade de hábitats resulta un lugar idóneo para iniciarse na observación de aves.

O lugar de encontro e remate do roteiro será o polideportivo municipal de Samil ás 9:00 h.

O número de prazas é limitado (25 persoas acompañadas por dúas persoas monitoras).

Para esta actividade é imprescindible apuntarse previamente, mediante o envío dun correo electrónico a 

fontainhavigo@yahoo.es 

indicando os seguintes datos:
Nome participante/s
Tfno. de contacto
Os menores de 16 años deberán participar acompañados dun adulto que se faga cargo deles;  os menores de 16 a 18 anos poderán participar sós previa autorización dos seus pais ou titores (Enlace descarga documento autorización).

Lugar de encontro: Polideportivo municipal de Samil (Avda. de Samil, 32, Vigo).

A asociación aportará un par de telescopios e algúns prismáticos pero sería recomendable que aqueles participantes que teñan posibilidade de facelo traian os seus binoculares. Por tratarse dunha actividade de formación de voluntariado, todos os/as participantes contarán coa cobertura do correspondente seguro de RC e accidentes.

Recoméndase levar calzado axeitado para camiñar polo campo no inverno e roupa cómoda. O roteiro é circular, duns 3km de lonxitude e dificultade baixa.

Esta actividade de educación ambiental forma parte das accións incluídas no Apadriñamento de Espazos Naturais do Programa Libera organizado por SEO-Birdlife e Ecoembes