Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



7/4/13

Resumo de actividades: censo de aves en paso prenupcial


Un total de sete voluntarios acompañados polo monitor de Fontaíña percorreron o litoral vigués o pasado sábado pola mañán realizando un censo de aves en paso prenupcial.


4/4/13

Nova actividade: Censo de aves do litoral de Vigo en paso prenupcial


O vindeiro sábado 6 de abril, pola mañán (de 9 a 13h) se realizará o censo de aves en paso prenupcial do tramo de costa que vai dende Cabo de Mar ata Toralla, pasando pola Xunqueira do Lagares.

O lugar de encontro será en Cabo de Mar (no extremo leste do paseo de Samil) as 9:00h.

O número de prazas é limitado (7 voluntarios/as)

Nesta actividade os participantes irán acompañados por un ornitólogo e axudarán a identificar e contar as aves que se atopen no seu percorrido. Dita información sirve para coñecer o estado medioambiental deste tramo de costa.
As persoas interesadas teñen que apuntarse no tfno 679457222 ou por correo electrónico fontainhavigo@yahoo.es (é recomendable levar prismáticos e roupa e calzado axeitado para o tempo invernal)


6/2/13

Convocatoria de actividade de voluntariado ecolóxico: Plantío forestal nos Mtes. de Teis. Anímate a participar¡

 
Sábado 16/2/13. Programa Devesas do Sur: Plantío forestal de árbores autóctonas nos Montes Comunais de Teis.

NECESITAMOS VOLUNTARIOS/AS PARA PODER REALIZAR A PLANTACIÓN

Os participantes nesta actividade acometerán tarefas de reforestación do monte mediante a plantación de árbores autóctonas (carballos, bidueiras,…). As tarefas forman parte dun ambicioso programa de recuperación do bosque autóctono nos montes de Teis (Vigo)

Pode participar calquera persoa adulta e aqueles menores de idade que estan acompañados e supervisados por un familiar que se faga responsable deles.

A Comunidade de Mtes. de Teis aportará as arboriñas, preparará os terreos, disporá persoal especializado que supervise a laboura dos voluntarios, dará lubas e avituallamento ós participantes. A Asociación Fontaíña facilitará ferramenta e seguro de RC e accidentes para participantes inscritos no seu cupo de prazas.



Data: Sábado 16/2/13   Horario: 9:45-13:00 h. 
Nº de prazas disponibles: 15.

Lugar de encontro: Praza dos Leóns, a carón de Vigozoo. (A liña de autobús C9B chega ata alí).

Xeito de inscribirse na actividade:

  • Envío dun correo electrónico a fontainhavigo@yahoo.es cos datos personais do participante (nome e tfno de contacto)
  • Chamar/enviar sms ó tfno 679457222 indicando os datos personais


O Proxecto de Recuperación dos Montes de Teis.

A comunidade de Montes de Teis leva a traballar na recuperación do bosque autóctono galego dende hai máis dunha década, sendo unha das súa maiores metas a substitución progresiva da acacia negra, introducida masivamente nos anos 40 do século XX, como especie de rapidísimo crecemento coa a idea de ser utilizada nos encofrados da construción. O experimento resultou ser un auténtico fracaso ao ter esta madeira unha resistencia pésima ós axentes atmosféricos, após administración deixou os montes inzados desta especie sen facer o mais mínima tentativa para combater a súa expansión.  

 O seu maior problema é o rápido crecemento, o que non dá oportunidade ás especies arbóreas autóctonas para poder competir en igualdade de condicións, acontecendo o mesmo coa fauna e o resto da flora de todo tipo. Non interaciona con esta, sendo os bosques de acacia en moitísimos casos desertos verdes, moi lonxe da vida e diversidade que se ve representada nas nosas fragas.

O proceso de substitución desta especie cara un modelo autóctono é moi custoso e cheo de dificultades. O maior problema radica que despois da curta, moi lonxe de producirse a eliminación, dáse unha multiplicación dos seus troncos e un aumento do seu vigor , precisase dunha combinación de diferentes estratexias , así como unha planificación polo miúdo, para ter éxito nesta empresa e sobre todo moita paciencia .

Neste proceso a plantación de frondosas autóctonas, que co tempo darán a sombra, é elemento esencial para combater a acacia negra.

As especies a plantar son tres: como eixo principal o carballo, especie de lento crecemento mais esencial no bosque autóctono, sendo acompañado pola cerdeira e a bidueira, tamén autóctonas pero de mais rápido crecemento. As arbores plántanse a chou tentando imitar a natureza.


 

A Comunidade de Montes de Teis pretende, con este clase de actos, dar a coñecer o noso proxecto de converter o monte da Madroa nun referente de monte periurbano, con moitas posibilidades no eido da educación medioambiental.

Para esta plantación cóntase novamente coa colaboración da Asociación Fontaiña e cidadáns que tamén de xeito independente participan nesta iniciativa.

 

27/1/13

O Paseo de Samil, asolagado pola area

Que imaxe (a superior) e que nova (neste enlace) máis clarificadora publica o Faro de Vigo na súa edición dixital do 27/1/13.
A natureza quere recuperar o que é seu e os temporais deste inverno (por fin un inverno como os de antes, con mal tempo a fartar) son os que envían a area onde debe estar, nas dunas.  O problema é que as dunas están cubertas polas losetas.  A ver se os politicos locais, autonómicos e nacionais toman nota.  Poden ir a cabo de Mar a inspirarse...

Programa de actividades de voluntariado medioambiental da Asociación Fontaíña

Deseguido, na táboa inferior vos expoñemos o programa de actividades de voluntariado ambiental que a Asociación Fontaíña ten previsto realizar durante 2013:


ANO 2013: Programación xeral actividades Fontaíña
Mes
Nome da actividade
Xaneiro
Censo de aves.
Febreiro
Bricovoluntarios* en Cabo de Mar.
Programa “Devesas do Sur”*: Plantío de árbores autóctonas nos Mtes. de Teis
Marzo
Obradoiro* na Xunqueira do Lagares.
Educación ambiental en centros escolares: “Xogamos coas enerxías renovables”
Abril
Censo de aves.
Educación ambiental en centros escolares: “Xogamos coas enerxías renovables”
Maio
Bricovoluntarios* na praia de Fontaíña.
Roteiro Formativo: río Eifonso
Educación ambiental: Preparación da exposición VozNatura
Xuño
Inspeccion ambiental na Xunqueira do Lagares.
Educación ambiental: Preparación da exposición VozNatura
Xuntanza de avaliación co voluntariado.
Xullo
Operación Cabicha*: limpeza das praias de Fontaíña e Baluarte.
Agosto
Operación Cabicha: Reparto de cinceiros nas praias de Fontaíña e Baluarte.
Setembro
Acción Ríos Vivos: Limpeza de lixo no río Eifonso
Censo de aves
Outubro
Roteiro Formatívo: Restauración de ecosistemas (visita ó bosque de Ridimoas-Ribadavia-)
Novembro
Bricovoluntarios* en Cabo de Mar
Obradoiro* na Xunqueira do Lagares.
Decembro
Xuntanza de avaliación co voluntariado.
Nas actividades sinaladas cun asterisco* poderán participar menores de 16 anos sempre e cando veñan acompañados dun adulto que os supervise.

O xeito de inscrición para calquera actividade será mediante: 
  • Envío dun correo electrónico a fontainhavigo@yahoo.es cos datos personais do participante (nome e tfno de contacto)
  • Chamar/enviar sms ó tfno 679457222 indicando os datos personais

Realizaremos unha convocatoria das actividades deste programa cada dous meses.

20/1/13

Proximo plantío forestal nos Mtes. de Teis. Anímate a participar¡


 Acábanos de chegar unha invitación para participar nunha plantación de árbores autóctonas nos Montes de Teis, organizada por dita Comunidade de Montes de Teis.  Trátase dunha entidade cunha longa traxectoria a prol da defensa e recuperación dos bosques autóctonos e coa que temos colaborado en anteriores ocasións.

Xa realizaremos unha convocatoria oficial pero todas aquelas persoas voluntarias que desexen participar o vindeiro 16 de febreiro pola mañán poden preinscribirse polas canles habituais: correo electrónico fontainhavigo@yahoo.es cos datos personais (nome e tfno de contacto) ou chamar/enviar sms ó tfno 679457222.

Os menores de idade poderán asistir sempre que veñan acompañados dun familiar que os supervise.

Contamos coa tua asistencia¡¡¡

10/1/13

Novidades en relación á declaración do ENIL Vao-Baluarte

Publicamos esta nova aparecida na edición impresa do Faro de Vigo (26/12/12) na que se informa da valoración feita pola Consellería de Medio Ambiente (Xunta de Galicia) das alegación feitas pola Asociación Fontaíña ó proceso de Declaración do Espacio Natural de Interese Local (ENIL) "Dunas do Vao-Baluarte".
Polo de agora non temos comunicación oficial da administración autonómica que conforme esta información.