Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



30/10/25

26-10-25. Resumo do roteiro ornitolóxico pola Xunqueira do Lagares



O domingo 26-10-25 pola mañán un total de 27 persoas realizaron un percorrido circular pola Xunqueira do Lagares co obxectivo de coñecer as aves que viven neste espazo natural vigués. 

O roteiro comezou cunha parada na Foz do Lagares e a praia da Calzoa onde se puideron observar varias especies de gaivotas (patiamarela, chorona, escura, gaivotón e cabecinegra), corvo mariño cristado e limícolos (pilro bulebule e virapedras). Por desgraza, tamén o grupo comprobou "in situ" o efecto pernicioso para as aves que está a ter a declaración desta zona como praia canina, polas molestias que os cans soltos causan nas aves que utilizaban esta praia para alimentarse e descansar. 

O Concello de Vigo debería de amosar maior sensibiliade pola defensa das aves silvestres e os ecosistemas e reubicar o servizo de praia canina noutra zona da costa de Vigo que non sexa de importancia ornitolóxica como acontece coa Foz e Calzoa.

O paseo continuou polo barrio da Carrasqueira onde tivemos boas panorámicas da marisma, o muro das saíñas e os campos e bosques que protexen neste sector a marisma. 

Nesta zona observamos picapeixe, miñato e identificamos o canto de varios paseriformes (paporrubio, reiseñor de auga ou picafollas cantor) ou córvidos como o gaio.

Rematamos a xornada cun percorrido perimetral polo paseo da Xunqueira do Lagares, onde vimos varios exemplares das seguintes especies: corvo mariño grande, garzota común, garza real ou bilurico das rochas.


Unha bonita excursión que permitiu dar conta da importancia que ten a Xunqueira do Lagares.


O exito de participación que tivo a xornada (cubríronse moi rápido as prazas ofertadas  e ficou xente en lista de espera) fai que Fontaíña teña previsto realizar unha nova convocatoria ó longo do inverno.
 
Esta actividade forma parte do proxecto de conservación da Xunqueira do Lagares levado a cabo pola Asociación Fontaíña e que conta co Apadriñamento de Espazos Naturais do Programa Libera organizado por SEO-Birdlife e Ecoembes

19/10/25

Convocatoria actividade 26/10/25: Roteiro ornitolóxico pola Xunqueira do Lagares

 



 XA ESTÁN CUBERTAS TODAS AS PRAZAS DISPONIBLES¡ 

O domingo 26 de outubro pola mañá (de 9 a 12-12,30 h.) realizarase un roteiro de observación de aves pola Xunqueira do Lagares.

A Xunqueira do Lagares é unha marisma situada na desembocadura do río Lagares que, apesares de non ser moi extensa en superficie, presenta unha variedade de especies de aves bastante salientable no contexto do municipio de Vigo. Pódense observar distintas especies de ardeidas, limícolas, gaivotas, o picapeixe, aves rapaces así como paseriformes de zonas marismeñas, agrícolas e forestais.

Polo seu fácil acceso e variedade de hábitats resulta un lugar idóneo para iniciarse na observación de aves.

O lugar de encontro e remate do roteiro será o polideportivo municipal de Samil ás 9:00 h.

O número de prazas é limitado (25 persoas acompañadas por dúas persoas monitoras).

Para esta actividade é imprescindible apuntarse previamente, mediante o envío dun correo electrónico a 

fontainhavigo@yahoo.es 

indicando os seguintes datos:
Nome participante/s
Tfno. de contacto
Os menores de 16 años deberán participar acompañados dun adulto que se faga cargo deles;  os menores de 16 a 18 anos poderán participar sós previa autorización dos seus pais ou titores (Enlace descarga documento autorización).

Lugar de encontro: Polideportivo municipal de Samil (Avda. de Samil, 32, Vigo).

A asociación aportará un par de telescopios e algúns prismáticos pero sería recomendable que aqueles participantes que teñan posibilidade de facelo traian os seus binoculares. Por tratarse dunha actividade de formación de voluntariado, todos os/as participantes contarán coa cobertura do correspondente seguro de RC e accidentes.

Recoméndase levar calzado axeitado para camiñar polo campo no inverno e roupa cómoda. O roteiro é circular, duns 3km de lonxitude e dificultade baixa.

Esta actividade de educación ambiental forma parte das accións incluídas no Apadriñamento de Espazos Naturais do Programa Libera organizado por SEO-Birdlife e Ecoembes