Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



22/1/19

Alegacións ó Plano de Conservación do espazo natural de interese local Complexo Duna e Areal de O Vao-Baluarte (Vigo)




A Asociación Fontaíña vén de apresentar alegacións ó Plano de Conservación do espazo natural de interese local Complexo Duna e Areal de O Vao-Baluarte (Vigo) solicitando que sexa ampliado para incluír dentro dos seus límites as praias de Fontaíña, da Calzoa e da Foz e as dunas presentes nestos areais polos motivos que indicamos a continuación:

Hábitats de interese

Na praias de Fontaíña e da Calzoa aparece o Hábitat Natural de Interese Comunitaria “Dunas móviles do litoral con Ammophila arenaria (dunas blancas) catalogado co código 2120 na Directiva 92/43/CEE. Segundo esta directiva europea, un hábitat de interese comunitaria atópase ameazado de desaparición na súa área de distribución natural e require da designación de zonas de especial conservación.

Especies de interese


Invertebrados
Mangón (Arenicola marina): este anélido poliqueto conta cunha das súas poucas poboacións viguesas na praia da Foz.

Vertebrados
Mamíferos
Lontra (Lutra lutra): este mamífero obsérvase na praia da Calzoa con frecuencia no seu camiño do mar á xunqueira do Lagares.

Aves
Dende xaneiro de 2005 e ata a actualidade, a Asociación Fontaíña realiza censos de aves acuáticas invernantes, en paso prenupcial e posnupcial respectivamente na praia da Calzoa e nestas xornadas de estudo ornitolóxico lévanse observado preto de corenta especies de aves acuáticas diferentes.

Cómpre lembrar que neste areal aparecen aves catalogadas no Anexo I da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello de 30 de novembro de 2009 relativa á conservación das aves silvestres como a garzota (Egretta garzetta) ou a gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus); as especies engadidas neste anexo deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat.

Ademais, na praia da Calzoa aliméntanse aves limícolas en migración e exemplares invernantes que repousan ou pasan a noite no interior da Xunqueira do Lagares, a zona húmida de maior importancia do concello. Non ten sentido a protección da Xunqueira sen esta zona de alimentación. É o caso do pilro común (Calidris alpina) o bilurico bailón (Actitis hypoleucos) ou da píllara real (Charadrius hiaticula), entre outras.

Outra especie de interese é o virapedras (Arenaria interpres) na que podemos salientar un individuo marcado como xuvenil en 2011 (tería agora sete anos) polo Grupo de Anelamento Anduriña. Esta ave foi avistada en Escocia en maio de 2015, na súa migración cara ao norte, a 1.700 Km da Calzoa. Estas zonas de alimentación son fundamentais para garantir a viaxe de ida ata as zonas de cría (a máis de 2.500 km) e a supervivenza trala chegada ás nosas costas, despois de reproducirse, xa que chegan esgotadas ás nosas praias a finais de xullo ou primeiros de agosto (en plena tempada de praia), despois de ter realizado unha viaxe de milleiros de quilómetros.

Moitas destas aves precisan esta zona para alimentarse e poder continuar o seu camiño migratorio dende as zonas de cría (no ártico) ata as de invernada (en ocasións tan ao sur como Sudáfrica).

Tamén cabe subliñar o caso dun pilro bulebule (Calidris alba), atopado exhausto durante a migración na praia da Calzoa, que despois dunha breve estadía no Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Cotorredondo, foi novamente liberado nesa mesma praia. Esta ave foi observada, dous anos e medio despois (en marzo de 2017), en tres ocasións diferentes, na costa de Gambia (3.300 km ao sur). Outras aves desta mesma especie, presentes tamén na Calzoa en diversas épocas do ano, foron avistadas en Francia, Holanda, Escocia ou Islandia (estas últimas a 2.600 km ao norte).

Na zona recalan outras moitas especies de limícolas (das que non dispoñemos de datos pormenorizados dos seus movementos debido a que non están marcadas, pero que pola súa bioloxía son similares aos descritos) e aves mariñas que tamén precisan desa zona para alimentarse.

No tocante ás gaivotas, cómpre salientar a observación de aves aneladas con ata 27 citas de aves marcadas con Pvc en distintos países como Noruega, Dinamarca, República Checa, Alemania, Holanda, Francia, Bélxica ou Inglaterra como a gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus), especie catalogada no Anexo I da Directiva 2009/147/CE e da que se observaron 10 exemplares anelados diferentes, a gaivota chorona (Chroicocephalus ridibundus) da que se observaron 6 exemplares anelados diferentes, a gaivota patiamarela (Larus michahellis) da que se observaron 5 exemplares anelados diferentes, a gaivota escura (Larus fuscus) da que se observaron tamén 5 exemplares anelados diferentes ou a gaivota cáspica (Larus cachinans), moi escasa en Galicia e da que observou un exemplar anelado nestos areais.





No hay comentarios: