Este areal é un dos
poucos que contan con dunas en Vigo e nel repousan e aliméntanse numerosas aves
acuáticas, algunha delas catalogada no Anexo I da Directiva Aves
A Asociación Fontaíña, o Colectivo Matogueira e Verdegaia
convocan unha concentración contra a declaración das praias da Foz e da Calzoa
como praias caninas, o vindeiro domingo 17 de xuño ás 12 h. no aparcadoiro da
praia da Calzoa, baixo os lemas “Canina si mais non aquí” e “As aves da
Calzoa tamén teñen dereitos”.
Os colectivos convocantes contan co apoio doutras
asociacións como ADEGA, Amigos da Terra, a Asociación de Veciños de Coruxo,
a Asociación Treze Catorze, o Colectivo de Defensa Ambiental A Terra Non Se
Vende, o Grupo de Anelamento Anduriña, o Grupo Naturalista Hábitat, Luita
Verde, a Rede de colectivos A Ría Non Se Vende, a Sociedade Galega de Ornitoloxía
e Sociedade Galega de Historia Natural; e coas máis de mil sinaturas
recollidas nos últimos meses en contra desta medida municipal.
Vólvese así solicitar ó Concello de Vigo que estas praias
non se convertan nas praias caninas que proxecta esta administración, debido a
que estes areais contan con valores naturais incompatibles con este tipo de
uso, a diferenza doutras praias próximas e pouco frecuentadas por bañistas e
usuarios que serían perfectas candidatas como praias caninas.
Con respecto ós valores naturais destes dous areais,
cómpre dicir que están localizados a carón do treito final do río Lagares e da
Xunqueira do Lagares, feito que lles achega unha grande importancia ambiental,
sobre todo no tocante á presenza de aves acuáticas alimentándose e descansando
debido á súa proximidade á citada marisma, que posúe unha importante comunidade
de aves. En praias próximas a estes dous areais a biodiversidade é moito menor.
Ademais, na praia da Calzoa aparece o Hábitat Natural
de Interese Comunitaria “Dunas móbiles do litoral con Ammophila arenaria” (dunas
brancas) catalogado co código 2120 na Directiva 92/43/CEE. Segundo esta
directiva europea, un hábitat de interese comunitaria atópase ameazado de
desaparición na súa área de distribución natural e require da designación de
zonas de especial conservación.
No tocante ós invertebrados salienta o mangón (Arenicola
marina) que é un anélido poliqueto que conta cunha das súas poucas
poboacións viguesas na praia da Foz.
En canto ós vertebrados cómpre subliñar a lontra (Lutra
lutra) que se observa na praia da Calzoa con frecuencia no seu camiño do
mar á xunqueira do Lagares. E tamén a presenza de aves acuáticas. Dende
xaneiro de 2005 e ata a actualidade, a Asociación Fontaíña realiza censos
de aves acuáticas invernantes, en paso prenupcial e posnupcial respectivamente
na praia da Calzoa, e nestas xornadas de estudo ornitolóxico lévanse
observado preto de corenta especies de aves acuáticas diferentes.
Cómpre lembrar que neste areal aparecen aves
catalogadas no Anexo I da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do
Consello de 30 de novembro de 2009 relativa á conservación das aves silvestres
como a garzota (Egretta garzetta) ou a gaivota cabecinegra
(Larus melanocephalus); as especies engadidas neste anexo deben ser
obxecto de medidas de conservación do seu hábitat.
Ademais, na praia
da Calzoa aliméntanse aves limícolas en migración e exemplares
invernantes que repousan ou pasan a noite no interior da Xunqueira do
Lagares, a zona húmida de maior importancia do concello. Non ten sentido a
protección da Xunqueira sen esta zona de alimentación. Moitas destas aves
precisan esta zona para alimentarse e poder continuar o seu camiño migratorio
dende as zonas de cría (no ártico) ata as de invernada (en ocasións tan ao sur
como Sudáfrica).
No tocante ás gaivotas,
cómpre salientar a observación de aves aneladas con ata 27 citas de aves
aneladas con Pvc en distintos países como Noruega, Dinamarca, República
Checa, Alemania, Holanda, Francia, Bélxica ou Inglaterra, como a gaivota
cabecinegra (Larus melanocephalus), especie catalogada no Anexo I da
Directiva 2009/147/CE e da que se observaron 10 exemplares anelados diferentes;
a gaivota chorona (Chroicocephalus ridibundus), da que se observaron 6
exemplares anelados diferentes; a gaivota patiamarela (Larus michahellis),
da que se observaron 5 exemplares diferentes anelados, todos eles no Parque
Nacional das Illas Atlánticas; a gaivota escura (Larus fuscus), da que
se observaron tamén 5 exemplares anelados diferentes; ou a gaivota cáspica (Larus
cachinans), moi escasa en Galicia e da que observou un exemplar anelado
nestes areais.
Con frecuencia
obsérvase como algúns donos de cans encirran neles para que corran cara ás
aves, pensando que, como non as van atrapar, non lles ocasionan ningún dano. As
molestias que lles poden producir estas mascotas durante ese tempo que as aves
precisan para alimentarse, marcan a liña entre a vida ou a morte para elas. As
aves dependen en grande medida da baixamar para alimentarse, polo que o tempo
do que dispoñen diariamente para comer e sobrevivir é escaso.
Por estes motivos
o Concello de Vigo debería buscar outro emprazamento máis axeitado para a localización
dunha praia canina que é incompatible coa conservación dos valores naturais que
albergan as praias da Foz e da Calzoa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario