Neste areal
repousan e aliméntanse numerosas aves acuáticas, algunha delas catalogada no
Anexo I da Directiva Aves
A
Asociación Fontaíña, o Colectivo Matogueira, o Grupo de Anelamento Anduriña e
Verdegaia veñen de solicitar ó Concello de Vigo que a praia da Calzoa non se
convirta nunha das dúas praias caninas que proxecta esta administración debido
a que neste areal adoitan alimentarse e repousar diferentes especies de aves
acuáticas que quedarían sen un dos poucos puntos da costa viguesa onde existen
concentracións deste tipo de fauna. Cómpre lembrar que neste areal aparecen
aves catalogadas no Anexo I da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello
de 30 de novembro de 2009 relativa á conservación das aves silvestres como a
garzota (Egretta garzetta) ou a
gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus);
as especies engadidas neste anexo deben ser obxecto de medidas de conservación
do seu hábitat.
Ademais, este areal conta con outros interesantes valores
naturais como unha das mellores poboacións viguesas do anélido poliqueto Arenicola marina ou a presenza de
ecosistemas dunares, tan escasos xa na costa da cidade olívica, con especies de
interese como os paxariños amarelos (Linaria
poligalifolia) ou o alelí de praia (Malcolmia
littorea).
Na praia da Calzoa aliméntanse aves limícolas en migración
e exemplares invernantes que repousan ou pasan a noite no interior da Xunqueira
do Lagares, a zona húmida de maior importancia do concello. Non ten sentido a
protección da Xunqueira sen esta zona de alimentación. É o caso do pilro común
(Calidris alpina) o bilurico bailón (Actitis hypoleucos) ou da píllara real (Charadrius hiaticula), entre outras.
Outra especie de interese é o virapedras (Arenaria interpres) na que podemos
salientar un individuo marcado como xuvenil en 2011 (tería agora seis anos)
polo Grupo de Anelamento Anduriña. Esta ave foi avistada en Escocia en maio de
2015, na súa migración cara ao norte, a 1.700 Km da Calzoa. Estas zonas de
alimentación son fundamentais para garantir a viaxe de ida ata as zonas de cría
(a máis de 2.500 Km) e a supervivenza trala chegada ás nosas costas, despois de
reproducirse, xa que chegan esgotadas ás nosas praias a finais de xullo ou
primeiros de agosto (en plena tempada de praia), despois de ter realizado unha
viaxe de milleiros de quilómetros.
Moitas destas aves precisan esta zona para alimentarse e
poder continuar o seu camiño migratorio dende as zonas de cría (no ártico) ata
as de invernada (en ocasións tan ao sur como Sudáfrica).
Tamén cabe subliñar o caso dun pilro bulebule (Calidris alba), atopado exhausto durante
a migración na praia da Calzoa, que despois dunha breve estadía no Centro de
Recuperación de Fauna Salvaxe de Cotorredondo, foi novamente liberado nesa
mesma praia. Esta ave foi observada, dous anos e medio despois (en marzo de
2017), en tres ocasións diferentes, na costa de Gambia (3.300 km ao sur).
Outras aves desta mesma especie, presentes tamén na Calzoa en diversas épocas
do ano, foron avistadas en Francia, Holanda, Escocia ou Islandia (estas últimas
a 2.600 km ao norte).
Na zona recalan outras moitas especies de limícolas (das
que non dispoñemos de datos pormenorizados dos seus movementos debido a que non
están marcadas, pero que pola súa bioloxía son similares aos descritos) e aves
mariñas que tamén precisan desa zona para alimentarse.
Con frecuencia obsérvase como algúns donos de cans cirran
neles para que corran cara ás aves, pensando que, como non as van a atrapar,
non lles acasionan ningún dano. As molestias que lles poden producir estas
mascotas durante ese tempo que as aves precisan para alimentarse marcan a liña
entre a vida ou a morte para elas. As aves dependen en grande medida da
baixamar para alimentarse, polo que o tempo que dispoñen diariamente para comer
e sobrevivir é escaso.
Por estos motivos o Concello de Vigo debería buscar outro
emprazamento máis axeitado para a ubicación dunha praia canina que é
incompatible coa conservación dos valores naturais que alberga a praia da
Calzoa. Posibles candidatas poden ser a praia de Santa Baia ou unha das praias
de Toralla.
No hay comentarios:
Publicar un comentario