Asociación que desenvolve actividades de voluntariado ecolóxico na bisbarra de Vigo.
e-mail: fontainhavigo@yahoo.es



25/11/12

Alegacións á declaración do ENIL Vao-Baluarte

 
Con data do 5 de novembro de 2012 publícase no Diario Oficial de Galicia a RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública a proposta de declaración de espazo natural de interese local da zona denominada Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte, pertencente ó concello de Vigo (Pontevedra).

Unha vez revisada a documentación do proxecto publicamos no blog as alegacións presentadas pola Asociación Fontaíña á declaración do espazo natural de interese local (ENIL) Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte:

 

Consideramos a declaración do ENIL Complexo duna-areal dos areais do Vao e Baluarte como unha medida sumamente positiva para a protección deste tramo litoral e para o desenvolvemento sostible da parroquia de Coruxo.
 

Propoñemos unha ampliación dos límites do espazo natural polo seu sector oriental ata chegar ó estreito camiño central de baixada da praia de Fontaiña (tal e como se refrexa e explica na imaxe inferior). 

Proposta de ampliacion:

Límite do ENIL según a memoria do proxecto

Límite proposto na alegación.

Zonas dunares valladas que quedarían fora do ENIL

Afloramento rochoso con interesantes comunidades intermareais e pousadoiros de aves limícolas que quedarían fora do ENIL


 Os motivos polos que propoñemos dita ampliación son:

  • Continuidade do sistema dunar de Baluarte ata dito límite con varias parcelas de zona dunar protexida con valado perimetral. Dita continuidade é de carácter xeomorfolóxico e biolóxico (especialmente a nivel botánico e faunístico). Nelas hai presenza das comunidades botánicas, invertebrados e paseriformes citados na memoria descritiva.
  • Presenza en dito sector do afloramento rochoso que forma a Punta Elena, unha pequeño tramo costeiro que alberga unha elevada diversidade de fauna intermareal, incluidas unha excepcionais e fráxiles colonias do escaso anélido poliqueto Sabellaria alveolata, e que tamén é utilizado como zona de refuxio e comedeiro pola avifauna limícola citada no inventario faunístico.


Que na memoria presentada polo Concello de Vigo no Apdo. 6.1. dí no 3º parágrafo “En 1992 iniciouse a recuperación da duna do Areal de Baluarte, foi o primeiro paso das actuacións dirixidas a protección, recuperación e conservación do medio litoral” sen especificar que o promotor e executor dos traballos en Baluarte foron voluntarios do movemento ecoloxista vigués co apoio económico do Concello de Vigo. É máis, en ningunha liña da memoria faise referencia a este feito que se prolongou ata o día de hoxe, que serviu de xérmolo para posteriores intervencións máis ambiciosas en extensión.


Que como consecuencia do erro informativo citado no parágrafo anterior non se ten en conta o papel das entidades ecoloxistas e de voluntariado ambiental na xestión e coidado do espazo protexido, sempre desde unha aportación positiva, tanto en coñecemento técnico, medios humanos, materiais e económicos. Consideramos imprescindible que este feito sexa tido en conta na declaración definitiva do ENIL e en documentos posteriores.


Que no Apdo. 12 relativo ás NECESIDADES ORZAMENTARIAS PARA A XESTIÓN E FONTES DE FINANCIAMENTO PREVISTAS non se inclúe ningunha partida presupostaria para realización das seguintes tarefas que consideramos básicas para a correta xestión do ENIL. Creemos necesario que se contemplen ditos gastos no documento modificado:


  • Estudo da evolución da dinámica litoral da zona, con especial referencia ó perfil da praia-duna, a liña de costa e a suposta incidencia negativa para a zona da escolleira do inicio da ponte de Toralla.
  • Vixianza medioambiental da zona para facer cumprir os usos non permitidos especialmente os referidos á extracción de recursos naturais.
  • Establecemento dun espazo anexo nas proximidades para a instalación dun viveiro de vexetación litoral para abastecemento das plantacións de flora dunar.
  • Eliminación do arborado inapropiado para este tipo de ecosistemas (chopos e palmeiras).



No hay comentarios: