O roteiro comezou cunha parada na Foz do Lagares e a praia da Calzoa onde se puideron observar varias especies de gaivotas, corvo mariño cristado e limícolos (píllara real, pilro tridáctilo, pilro común e virapedras). Por desgraza, tamén o grupo comprobou "in situ" o efecto pernicioso para as aves que está a ter a declaración desta zona como praia canina. Unha medida da administración local totalmente desacertada e que carece de calquera lóxica e sensibilidade ambiental. No diálogo establecido entre os asistentes plantexouse como a opción máis sensata a reubicación deste necesario servizo para as mascotas a outro areal que non sexa unha zona importante para as aves migradoras que recalan en Vigo.
O paseo continuou polo barrio da Carrasqueira onde tivemos boas panorámicas da marisma, o muro das saíñas e os campos e bosques que protexen neste sector a marisma. Nesta zona observamos picapeixe, cotorra arxentina (especie invasora), aguia calzada (unha cita chamativa por ser unha rapaz moi pouco frecuente na zona) e identificamos o canto de varios paseriformes.Rematamos a xornada cun percorrido perimetral polo paseo da Xunqueira do Lagares, onde vimos varios exemplares das seguintes especies: corvo mariño grande, garzota común, garza real, bilurico das rochas e tamen escoitamos un furamatos común.
Unha bonita excursión que permitiu dar conta da importancia que ten a Xunqueira do Lagares como enclave natural a nivel local.