A Asociación Fontaíña vén de apresentar neste mes de abril alegacións ó proxecto “Recuperación do sistema dunar na praia de Samil T.M. Vigo. Fase 1A: entre Punta Samil e concesión administrativa Camaleón” do Servizo Provincial de Costas de Pontevedra.
En ditas alegacións exponse que non se ten en conta a posible futura restauración dunar de hábitats catalogados, algúns deles presentes na zona restaurada pola nosa asociación tais como os Hábitats de Interese Comunitario “Dunas móbiles embrionarias” (código 2110) e “Dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria (dunas brancas)” (código 2120), ou o Hábitat Prioritario “Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (dunas grises)” (código 2130) catalogados no Anexo I da Directiva 92/43/CEE do Consello de 21 de maio de 1992 relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres .
Con respecto á fauna, este proxecto obvia as poboacións faunísticas dunares, hoxendía desaparecidas do areal de Samil mais no pasado recente, comúns en toda a franxa litoral afectada polo citado proxecto. Entre elas salienta a poboación de sapo de esporóns (Pelobates cultripes), presente no pasado en Cabo de Mar. Esta especie está catalogada no Catálogo Galego de Especies Ameazdas (Decreto 167/2011, do 4 de agosto polo que se regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas e actualízase dito Catálogo. Consellaría do Medio Rural. Xunta de Galicia) na categoría de “En Perigo de Extinción” e incluida no Anexo IV da Directiva 92/43/CEE do Consello de 21 de maio de 1992 relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.
No tocante á desaparación dos ecosistemas dunares, o proxecto obvia a grande perda de milleiros de hectáreas de dunas que aconteceu no litoral galego en xeral e na costa viguesa en particular sendo Samil un dos exemplos máis devastadores neste senso. Ademais, cómpre lembrar que dende o ano 2001 a Asociación Fontaíña está a levar a cabo un Proxecto de Restauración Dunar en Cabo de Mar, a carón da área afectada polo proxecto ó que se dirixen estas alegacións.
Ditos traballos conseguiron devolver ó litoral de Alcabre parte dos hábitats perdidos co urbanismo descontrolado que padeceu esta área costeira na segunda metade do S. XX logrando recuperar hábitats catalogados tais como “Dunas móbiles embrionarias” (código 2110) ou “Dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria (dunas brancas)” (código 2120) que antigamente aparecían masivamente na área do o proxecto “Recuperación do sistema donar na praia de Samil T.M. Vigo. Fase 1A: entre Punta Samil e concesión administrativa Camaleón” e que non voltarán a existir na zona afectada polo mesmo de levarse a cabo nos termos nos que se plantexa.
Con respecto á previsión da modificación do nivel do mar, o proxecto obvia a prevista suba do nivel do mar cunha estimación dun retroceso de liña de costa de 30 m debido á mudanza climática antropoxénica. Hai que comentar que dende finais dos anos noventa do S. XX vense notando unha redución paulatina da superficie do areal de Samil ano tras ano, que se agravará aínda máis se non se plantexa unha restauración do ecosistema dunar antigamente presente na zona.
A carenza dunha visión transversal entre a mudanza climática e a restauración ecolóxica cunha actuación urbanizadora e axardiñadora en troques doutra restauradora e holística profundizará no problema de perda de area do areal mentres que un enfoque baseado na recuperación do ecosistema dunar minguarao.
Hai que entender o areal como unha parte da duna e a duna como unha parte do areal debido ás interrelacións que presentan entre si en particular e coa dinámica litoral en xeral. Non ter en conta esto constitúe un grande erro en calquera actuación que se pretenda levar a cabo nun proxecto dunha zona con potencial de restauración dunar na actualidade.
Finalmente, a Asociación Fontaíña solicitou ó Servizo Provincial de Costas de Pontevedra: 1º) Que se reformule o proxecto “Recuperación do sistema dunar na praia de Samil T.M. Vigo. Fase 1A: entre Punta Samil e concesión administrativa Camaleón” de cara a converterse nun proxecto de restauración ecolóxica dunar que devolva ó litoral vigués as comunidades ecolóxicas dunares que se perderon coa urbanización salvaxe que sufriu esta área litoral na segunda metade do S. XX. 2º) Que se conceda unha entrevista a persoas desta asociación para debater polo miúdo as eivas descritas nas presentes alegacións co fin de subsanalas do proxecto en cuestión e que así cumpla a función que ten encomendada: restaurar a duna e praia da área N do areal de Samil.
No hay comentarios:
Publicar un comentario